En Galicia hai máis de dúas mil aldeas abandonadas. Cada ano aumenta o seu número e os últimos rexistros, correspondentes ao ano 2019 e publicados hai uns días no Nomenclátor actualizado do IGE, sitúan a cifra nas 2.045, ás que hai que sumar outros 1.075 núcleos de poboación nos que só vive unha persoa e outras 1.264 con dous habitantes e que polo tanto corren o risco de ficar deshabitados. Hai ao redor de 4.400 núcleos nos que viven dúas persoas ou menos.
Na última década, dende o ano 2009, a cifra de aldeas abandonadas incrementouse nun 36%, ao redor de 550 novos núcleos deshabitados
Galicia conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español; algo máis de 10.000 corresponden a núcleos e outros 20.000 están definidos como poboamentos diseminados.
O proceso de despoboamento das zonas rurais fai que dende hai décadas cada vez sexan máis os núcleos que fican sen residentes. No ano 2000, por exemplo, as aldeas abandonadas eran 1.236, unha cifra que case se duplicou en 19 anos. Na última década, dende o ano 2009, a cifra incrementouse nun 36%, ao redor de 550 novos núcleos deshabitados.
Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais
Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Algunhas comarcas do interior de Pontevedra e do sur de Lugo tamén suman un bo número de núcleos sen habitante ningún.
No seguinte mapa pode observarse a distribución dos núcleos sen poboación, concello a concello, unha listaxe encabezada por Ortigueira (118), As Pontes (84), Muras (54), Ourol (49), As Somozas (48), A Lama (44), Palas de Rei (42), Viveiro (41), Vilalba (35), O Valadouro (32), A Fonsagrada (31) e A Cañiza (30)
Silleda, Sober, Chantada, A Laracha, Carballedo, Trabada, Castro Caldelas ou Guitiriz practicamente duplicaron dende o 2009 o número de aldeas abandonadas
En xeral, as zonas que hai unha décadas contaban con máis núcleos deshabitados foron as que máis incrementaron o seu número de aldeas abandonadas. Trátase de comarcas caracterizadas por un tipo de asentamento da poboación disperso no territorio, o que leva a que existan moitos núcleos con pouca poboación en cada un deles. En cambio, no sur do país, sobre todo na provincia de Ourense, é máis habitual que a poboación se estruture en núcleos algo máis grandes, o que leva a que case non exista ningún totalmente despoboado (a pesar de que Ourense é a provincia que máis poboación está a perder).
Así, Ortigueira, O Valadouro, Muras ou As Somozas están estre os concellos que máis incrementaron na última década o seu número de núcleos deshabitados. Porén, na lista tamén aparecen outros como Silleda, Sober, Chantada, A Laracha, Carballedo, Trabada, Castro Caldelas ou Guitiriz que no ano 2009 non tiñan tantas aldeas abandonadas e que na última década practicamente duplicaron o seu número.
Por outra banda, hai moi poucas localidades nas que este proceso se inverteu; é dicir: concellos que na actualidade teñen menos aldeas abandonadas que hai unha década. Pero existen: é o caso de Tomiño, Quiroga, Mañón, A Bola, Muxía, Trazo ou Castro de Rei, ata un total de 29.