En 1984 Chano Piñeiro rodou Mamasunción, curtametraxe de 21 minutos que acadou o Trofeo de Prata no XXVI Certame Internacional de Cine de Bilbao e que conta a historia dunha anciá que vive nunha aldea e que cada día, durante corenta anos, acode á oficina de correos en espera dunha carta do seu fillo emigrado. O filme estreouse o 28 de decembro de 1984 en Vigo e o seu éxito fixo que o 25 de xullo de 1985 a TVG abrise a súa primeira emisión con esta curtametraxe.
Carme Toba Trillo (Apatrigal) visitou hai uns meses a aldea de Baíste, publicando na rede unha reportaxe fotográfica dos escenarios que Chano Piñeiro filmou en 1984
A rodaxe tivo lugar nas aldeas de Baíste e Rubillón, no concello de Avión, aínda que o ambiente que reflite e o patrimonio material que amosa podía ser o de calquera aldea galega unhas décadas atrás. De feito, Piñeiro levou ao filme as súas propias lembranzas da súa mocidade na zona de Forcarei.
Carme Toba Trillo, da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), visitou hai uns meses a aldea de Baíste, publicando na rede unha reportaxe fotográfica dos escenarios que Chano Piñeiro filmou en 1984. Desa Galicia rural aínda chea de vida que amosa a película pasamos na actualidade a casas baleiras e en proceso de derruba polo abandono, ao despoboamento. De feito, o Concello de Avión, que en 1981 contaba con 3.991 habitantes, hoxe ten menos da metade (1.860). A metade (o 49,89%) teñen 65 anos ou máis.
Agora foi a Santoalla (Petín), onde Piñeiro rodou Sempre Xonxa en 1988
As imaxes permiten comparar a evolución de Baíste nestes 34 anos. Agora Carme Toba, unha das fundadoras da asociación, viaxou a Santoalla (Petín), onde Chano Piñeiro rodou Sempre Xonxa en 1988, co obxectivo de facer a mesma comparación entre o aspecto da aldea naquel momento e na actualidade.
"Mamasunción bríndanos a homenaxe a aldea, as súas xentes, as condicións duras no entorno rural, aos costumes, á comunidade, xustamente cando a aldea estaba chea de vida"
"Mamasunción bríndanos a homenaxe a aldea, as súas xentes, as condicións duras no entorno rural, aos costumes, á comunidade, xustamente cando a aldea estaba chea de vida. O Baíste de hai 35 anos era unha aldea integrada por un grupo de veciños que contaban cunha vida social intensa e cunha organización cultural particular, axudaban nas actividades agrarias colectivas, testemuña diso é a súa fantasmagórica eira comunal de canastros", destaca Carme Toba. "Chano logrou con Mamasunción sintetizar a Galicia rural, a do interior, a ancestral, co uso da nosa lingua. Incluso cando a versionaron en castelán, optou por un castelán galeguizado", engade.
"Pero isto foi Baíste por aquel entón, unha aldea con vida, non contaminada urbanísticamente onde a súa beleza etnográfica e estética foron valoradas por Chano para rodar aquela ansiada curtametraxe. Hoxe a aldea de Baíste dista moito da de hai 35 anos, entre a emigración a México naqueles tempos, a baixa natalidade, a dispersión demográfica, o éxodo as grandes urbes, fixeron que este entorno idílico esté practicamente abandonado", lamenta Carme Toba.
"Baíste só me fixo de espello onde se poden mirar moitas outras estampas rurais galegas", di Carme Toba
"Doe a alma percibir que case non vive ninguén, a meirande parte das casas están derrubadas e abandonadas, o esquecemento e a desidia respírase en cada contorna da aldea, moitas vivendas foron engulidas polo mato, os cascallos poden verse nas corredoiras e a través das fiestras e portas", sinala, advertindo de que "cando falo de Baíste, fágoo dando a entender que é unha alusión moi seria a moitas aldeas galegas, Baíste só me fixo de espello onde se poden mirar moitas outras estampas rurais galegas".
Agora Carme Toba viaxou a Santoalla, no Concello de Petín, a aldea na que Chano Piñeiro rodou Sempre Xonxa en 1988. A longametraxe estreouse en 1989, en paralelo con Urxa e Continental, nun momento fundacional para o cinema galego, e nela Piñeiro volve tratar as consecuencias emocionais da emigración a través de catro episodios que abranguen un tempo entre 1947 e 1986. Na actualidade o lugar de Santoalla conta con 6 habitantes e o Concello de Petín suma apenas 921, fronte aos tres mil que rexistraba nos anos 60.
Na actualidade o lugar de Santoalla conta con seis habitantes e o Concello de Petín suma apenas 921, fronte aos tres mil que rexistraba nos anos 60
Nos vindeiros días Apatrigal volverá publicar nas redes unha reportaxe fotográfica que comparará os escenarios filmados en 1988 (Trasdomonte, na película) co aspecto actual desta aldea. Nestas primeiras fotos advírtese xa claramente o abandono, as herba, silvas e fentos medrando en todos os recunchos e as rexas vivendas de pedra aínda en pé pero nun rápido proceso de degradación.
O número de núcleos deshabitados en Galicia creceu un 40% na última década, chegando xa ás 1.865 aldeas abandonadas
O número de núcleos deshabitados en Galicia creceu un 40% na última década, sumando xa 1.865 aldeas abandonadas (fronte ás 1.334 do ano 2006). A este indicador poderíamos engadirlle o dos núcleos que contan con 1 ou 2 habitantes e que polo tanto están ao borde de quedar despoboados, sobre todo tendo en conta que en moitos casos se trata de residentes de idade avanzada. En Galicia hai 941 núcleos cun só habitante e 1.151 con dous, sumando case catro mil lugares (3.957), sobre un total de 30.922 núcleos de poboación. Ademais, só 20 concellos galegos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65, unha mostra do acentuado envellecemento da maior parte de Galicia. De feito, hai seis concellos (Larouco, San Xoán de Río, Ourol, Lobeira, Verea e Parada de Sil) nos que máis da metade da poboación ten máis de 65 anos e outros 70 nos que a porcentaxe se move entre o 40% e o 50%.
"A xente sabe que hai un problema, pero falta visión de longo prazo e preocupación polo futuro colectivo", destacaba nesta entrevista Matteo Bertolino, que realizou o proxecto Morte Terra, que busca amosar con fotografías o proceso de envellecemento e despoboamento do rural. Un obxectivo semellente ao do proxecto O Derradeiro Bafo, desenvolvido por cinco estudantes.