0 Gardados para despois

Só 20 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En demografía adóitase dividir a poboación en tres grupos de idade (menores de 20, entre 20 e 64 e maiores de 65) para analizar a xuventude ou o carácter envellecido dun determinado grupo humano. No conxunto de Galicia, por exemplo, os últimos datos publicados polo IGE, correspondentes a 2016, indican que hai 430.299 persoas de menos de 20 anos (o 15,82%) e 661.314 de máis de 65 (o 24,31%). En 1998, hai apenas 18 anos, aínda había en Galicia máis poboación moza (o 20,5%) que por riba da idade de xubilación (19,3%).

En 1998, hai apenas 18 anos, aínda había en Galicia máis poboación moza (o 20,5%) que por riba da idade de xubilación (19,3%)

Hoxe, só 20 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65, cando en 1998 eran 87 as localidades con máis poboación moza que por riba da idade de xubilación. Trátase de Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio, Oleiros, Gondomar, O Porriño, Arteixo, Cambre, Pontevedra, Teo, Mos, Pontecesures e Burela.

Lugo e Ourense rexistran apenas un 13% de menores de 20 anos e chegan ao 29% e ao 31%, respectivamente, de maiores de 65

Pero a realidade de Galicia é moi diversa, como se observa xa debullando os datos por provincias, rexistrando Lugo e Ourense apenas un 13% de menores de 20 anos e chegando ao 29% e ao 31%, respectivamente, de maiores de 65. Se analizamos os datos por concellos, as diferenzas son aínda maiores. E pódese ver individualmente a evolución seguida en cada localidade dende o ano 1998. 

Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio e Oleiros son os únicos concellos que se manteñen por riba do 20% de poboación menor de 20 anos

Neste mapa pódense observar dunha ollada as zonas de Galicia cunha maior e unha menor porcentaxe de poboación menor de 20 anos. Ames, Salceda de Caselas, Ponteareas, Barbadás, Oroso, Culleredo, Soutomaior, Tui, Poio e Oleiros son os únicos concellos que se manteñen por riba do 20%. Localidades todas próximas a grandes cidades (Compostela, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense). Nas urbes comezan xa a percibirse os efectos do envellecemento e só Pontevedra (17ª, co 18,98%) rexistra unha importante porcentaxe de poboación menor de 20 anos. Lugo (42º), Vigo (47º), Ourense (53º), Santiago de Compostela (57º), A Coruña (69º) e Ferrol (85º, cunha porcentaxe de 14,78%) aparecen moito máis atrás.

No extremo contrario atopamos 136 concellos con menos do 10% de poboación nova e mesmo 9 por debaixo do 5%. Parada de Sil, cun 3,69%, pecha a lista.

Hai seis concellos (Larouco, San Xoán de Río, Ourol, Lobeira, Verea e Parada de Sil) nos que máis da metade da poboación ten máis de 65 anos

Estoutro mapa destaca a Galicia máis envellecida. Hai seis concellos (Larouco, San Xoán de Río, Ourol, Lobeira, Verea e Parada de Sil) nos que máis da metade da poboación ten máis de 65 anos e outros 70 nos que a porcentaxe se move entre o 40% e o 50%. Ames, Salcedasde Caselas, Arteixo e Oroso son os únicos por debaixo do 15% de maiores.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.