O pasado xoves presentouse en Lugo a plataforma Galicia Baleira, impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense (Limiar). A iniciativa, seguindo o camiño aberto por entidades como Teruel Existe, propón unha serie de 23 propostas que buscan frear o despboamento que sofren as zonas rurais, introducindo medidas de promoción económica, incentivos e protección dos servizos públicos.
Galicia Baleira, que se presentará esta semana en Ourense, estará presidida durante dous anos polo lucense Jesús Vázquez (Federación de Asociacións de Veciños de Lugo) e os dous seguintes por Manuel Mosquera (Federación de Asociacións de Veciños de Ourense). Nas vindeiras semanas iniciarán os contactos cos partidos políticos para presentarlles as súas reivindicacións, coas que buscan impulsar as zonas rurais en Galicia, sobre todo nas dúas provincias orientais, as máis afectadas polo envellecemento e o baleiramento.
"O que queremos é que non morra unha cultura, un sentido de vida, que é o do rural. Queremos que os nosos fillos vivan aquí, que os nosos netos vivan aquí"
Entre as medidas propostas destacan algunhas reclamacións habituais das comarcas rurais, dende o fomento de infraestruturas ou a defensa dos servizos públicos esenciais. Ademais, inclúense outras como o reforzo do papel das cooperativas e caixas rurais ou facilitar a concesión de microcréditos ás persoas que invistan no rural. Tamén se defende unha "reordenación forestal" do monte ou o impulso de "plantas de biomasa", a limpeza de ríos ou a mellora dos transportes públicos que comunican os concellos rurais coas cidades. Falamos con Jesús Vázquez, presidente de Galicia Baleira.
Na súa presentación Galicia Baleira incidiu, sobre todo, na necesidade de adopar medidas. Á hora de falar dos problemas que sofre o rural, o diagnóstico está claro e falta tomar a decisión de actuar?
O diagnóstico está claro e todos estamos de acordo en que hai que frear o envellecemento e o despoboamento. A cuestión son as medidas que hai que tomar. Nós queremos que a xente viva no rural e que viva do rural, as dúas cousas, e por iso presentamos unha batería de 20 medidas, algunhas das cales creo que son novidosas e outras son moi semellantes ás que piden Teruel Existe ou Soria Existe, entidades que levan moito tempo nesta loita.
Nós o que queremos é que non morra unha cultura, un sentido de vida, que é o do rural, que ten as súas características e que queremos que siga existindo. O que queremos é que os nosos fillos vivan aquí, que os nosos netos vivan aquí e que poidan vivir do rural.
"Hai que atraer industria de transformación do sector primario. Xa sei que é moi fácil de dicir, pero é fundamental para fixar poboación"
Entre as medidas propostas, hai moitas que se refiren á promoción económica é a xeración de emprego. Sen emprego no rural non haberá forma de fixar poboación? Que se pode facer?
No rural temos moi bos produtos agrícolas e gandeiros e nós pensamos que deberían estar moito mellor promocionados, porque isto si que é valor engadido. Hai que atraer, ademais, industria de transformación do sector primario. Xa sei que é moi fácil de dicir, pero é fundamental para fixar poboación. Por exemplo, poderíanse conceder microcréditos con boas condicións, que se poidan devolver sen intereses, para aquelas persoas que queren investir no rural.
Queremos industrias no rural? Pois incentivemos as industrias que se asenten aquí. Por exemplo poderíase facer a través dos pregos de contratación que elaboran os concellos ou as deputacións, onde xa se priman algunhas cousas, como a estabilidade dos traballadores. Por que non primar ás empresas que invisten no rural e crean postos de traballo aquí?
Ou, por exemplo, non ten sentido que un autónomo que ten unha pequena cantina nunha vila rural pague o mesmo que un señor que está dado de alta na Castellana, en Madrid. Na actualidade a cota de autónomo é a mesma, e iso non ten sentido. Incentivemos á xente que se dá de alta no rural, diversifiquemos as cotas de autónomos e fagámolas en función dos ingresos.
"Unha persoa que vive nun concello rural de Lugo ten que ter os mesmos dereitos que outra que vive na Coruña, en Vigo ou en Valencia"
Outra das reivindicacións que sempre se poñen enriba da mesa é a referente aos servizos públicos e á necesidade de que os habitantes do rural teñan acceso a eles en igualdade de condicións que a poboación das zonas urbanas. Sen servizos públicos non hai futuro para o rural?
Nós sabemos os grandes custos que teñen os servizos públicos: unha gardería, un centro de saúde, unha escola... Pero nós aquí sempre usamos unha frase de Teruel Existe: 'aínda que sexamos poucos, temos que ter os mesmos dereitos que o resto'. Aínda que no rural sexamos poucos, temos que ter os mesmos dereitos que as persoas que viven na cidade. Unha persoa que vive nun concello rural de Lugo ten que ter os mesmos dereitos que outra que vive na Coruña, en Vigo ou en Valencia.
Os nosos dereitos, como galegos e españois, son os mesmos. Se nos últimos anos os maiores investimentos foron para o eixo atlántico en Galicia e para o Corredor Mediterráneo a nivel de España, pois haberá que crear agora unha discriminación positiva cara ao rural.
No rural tamén detectamos que hai moitísima xente maior que está soa. Por que non creamos uns programas de acompañamento da xente maior? Pedimos ademais pequenas residencias no rural que non desarraiguen a poboación, que non teñan que marchar lonxe de onde viviron sempre.
Hai tamén problemas nestes momentos relacionados con persoal funcionario que non quere ir traballar ás zonas rurais, porque son zonas apartadas, porque é unha substitución de pouco tempo... Pois a ese funcionario que vai ir facer un labor educativo ou sanitario á montaña de Lugo, haberá que incentivalo de algunha forma. Primemos eses postos de difícil desempeño para que a xente queira ir ao rural a traballar.
"A ese funcionario que vai facer un labor educativo ou sanitario á montaña de Lugo, haberá que incentivalo de algunha forma"
O rural sofre tamén doutros problemas, relacionados co acceso ás novas tecnoloxías e, en concreto, á conexión de Internet. De feito, dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecen de acceso a Internet de calidade. Hai que incidir nesta cuestión de forma prioritaria?
Hai unha medida que levamos moito tempo demandando, que é a mellora das coberturas de móbil e Internet en todas as zonas do rural. Mesmo no concello de Lugo, ti vas á parroquia de Santa María Alta, que está a seis quilómetros do centro, e non tes cobertura de móbil. Ti explícame que pode facer unha explotación gandeira que estea situada alí ou que fai un pequeno comercio que está no rural e que quere vender online.
Entre as 23 medidas propostas levades tamén a mellora das infraestruturas, un asunto que é clave en Lugo e Ourense...
Si, nas comunicacións non hai máis que ver o caso de Lugo: se temos sen acabar a autovía a Santiago, temos sen acabar a autovía a Ourense e temos un tren do século XIX, non parece moi razoable que lle pidamos á xente que viva no rural.
"Hai consellerías que non teñen por que estar en Santiago. A Consellería de Medio Rural a nós pareceríanos máis lóxico que estivese en Lugo ou en Ourense. Ou por exemplo a Consellería de Medio Ambiente"
Fálase moito que que 'hai que apoiar o rural', pero hai unha vontade real de facelo, de resolver os actuais desequilibrios entre unhas e outras comarcas?
Nós agora imos comezar unha serie de reunións cos partidos políticos para dicirlles: “miren, nós traballamos neste tema; queren botarnos unha man?”. Hai que avanzar cara a un Pacto de Estado, tanto a nivel español como a nivel galego, no que estean todas as forzas políticas, no que nos poñamos de acordo no diagnóstico e nas medidas a adoptar.
Por exemplo, hai consellerías que non teñen por que estar en Santiago. A Consellería de Medio Rural a nós pareceríanos máis lóxico que estivese en Lugo ou en Ourense. Ou por exemplo a Consellería de Medio Ambiente. Evidentemente con esta medida non se solucionan os problemas do rural, pero sería un símbolo de que se quere comezar a resolvelos. É unha medida que tamén están pedindo outras entidades da 'España Vaciada'. Trátase de repartir un pouco, porque non todo ten que estar centralizado en Madrid ou en Santiago.
Eu apostaría por crear unha consellería que se ocupe do Medio Rural, pero de xeito transversal, que se ocupe das medidas que deben resolver as nosas necesidades e problemas: asuntos de industria, de educación, de medio ambiente, de sanidade...
"A política é para os políticos e nós non somos políticos, somos dirixentes veciñais e polo tanto non imos traspasar esa liña"
Galicia Baleira leva tempo en contacto con plataformas como Teruel Existe, que levan moitos anos traballando nestas cuestións e que nas últimas eleccións acadou un escano no Congreso e dous no Senado. Se as demandas que realizades non son escoitadas polos partidos políticos e administracións, existe a posibilidade de que Galicia Baleira dea o salto a presentarse a unhas eleccións?
Nós incorporámonos xa á plataforma da 'España Vaciada' e imos ser a súa referencia en Galicia. Ademais, imos ter aquí en Lugo á xente de Teruel Existe dentro de pouco tempo para que nos conten a súa experiencia. Pero eu nisto quero ser moi claro.
Aínda que nós somos moi respectuosos coas decisións que toman os demais (porque quen somos nós para criticar a decisión que tomou Teruel Existe?), para nós hai unha liña vermella que debemos cruzar. A política é para os políticos e nós non somos políticos, somos dirixentes veciñais e polo tanto non imos traspasar esa liña. Que ao mellor deberíamos facelo? Que temos apoio suficiente? Non o sei, pero nós non imos ir a unhas eleccións. Para iso están os partidos, cos que imos falar agora.