Dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecen de acceso a Internet de calidade

Router wireless de conexión a Internet CC-BY Sean MacEntee

Denomínanse 'Zonas brancas NGA' aqueles lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación por algún operador no prazo de 3 anos en base a plans de investimento cribles". Así as define a web da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, que define esta conexión de calidade nunha conexión de banda larga, cunha velocidade de baixada de 30 megas por segundo ou superior.

Practicamente toda a Galicia rural atópase nas 'zonas brancas', lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación"

Os informes do Goberno central, que cada ano actualizan as zonas do Estado que carecen de acceso a unha conexión a Internet de calidade, sinalan que 7 de cada 10 entidades de poboación en Galicia (21.966 das 30.261) se atopan nestas zonas brancas  sen banda larga (o 73%). É dicir, practicamente toda a Galicia rural. Nestas 21.966 entidades singulares de poboación vive algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país.

Se analizamos unicamente aquelas entidades de poboación con máis de dez habitantes, a proporción é semellante. Dun total de 18.477 entidades, 12.351 carecen desta conexión de calidade (o 66,7%); nelas viven 478.458 persoas. Estas zonas brancas abranguen nalgúns casos concellos enteiros e mesmo vilas de importancia, como os núcleos urbanos de Viveiro, Verín, A Guarda, Tui, Mondoñedo, Melide, Ribadavia ou Padrón.

Nestas zonas sen acceso a Internet de calidade viven medio millón de persoas

A práctica totalidade da Galicia urbana queda fóra destas zonas brancas, pero mesmo dentro dalgunha das grandes cidades hai algúns lugares que tamén sofren esta exclusión dixital. Neste senso, 142 entidades de poboación de Compostela (4.951 habitantes) carecen de Internet de calidade. E o mesmo sucede en 61 entidades da cidade de Pontevedra (2.002 habitantes), 45 entidades da cidade de Ourense (1.474 habitantes), 305 da cidade de Lugo (7.436 habitantes), 38 de Ferrol (3.780 habitantes). E o mesmo en grandes zonas de concellos tan poboados como Cambre, Arteixo, Ames, Narón, Cambre, Carballo ou Lalín.

A Axenda Dixital da Unión Europea prevía que neste ano 2020 o 100% da cidadanía da UE debía ter conexión a Internet de banda larga, unha porcentaxe que en España fica no 85% e en Galicia no 81%.

No 2018, o 35,3% dos fogares galegos carecían de acceso a unha conexión de 30 Mbps ou superior. Galicia é tamén a a comunidade con máis fogares sen acceso a Internet por riba de 2 Mbps e por riba de 10 Mbps

Galicia é o territorio do Estado con máis lugares sen acceso axeitado a Internet, como lembra tamén un informe publicado polo sindicato UGT, tanto no que respecta ao número de entidades de poboación nesta situación (por diante de Asturias e León) como no que atinxe ao número de fogares e habitantes afectados. No ano 2018, o 35,3% dos fogares galegos carecían de acceso a unha conexión de 30 megas por segundo ou superior, unha porcentaxe que superaba ao 33,7% de Estremadura, ao 29,2% de Castela-A Mancha, ao 28,4% de Castela-León, ao 23,2% de Canarias, ao 23% de Cantabria e ao 18,4% de Asturias.

Galicia é tamén a a comunidade con máis fogares sen acceso a Internet por riba de 2 Mbps (86,8%, cando a media española é de 97,6%), por riba de 10 Mbps (72,5, cando a media española é de 92,5%). E é a segunda con menos fogares con conexión superior a 100 Mbps (61,5%, só por diante de Estremadura, cando a media española é de 80,9%).

"A nivel de infraestruturas estamos moi mal. Sobre todo con Internet, pois segue sendo unha utopía ter unha boa conexión no rural. Non pode ser que teñamos aquí unha empresa e que cada dous por tres quedemos sen rede porque hai algo de vento", dicía Marta, unha das socias de Muuhlloa (Monterroso) na reportaxe sobre as iniciativas innovadoras no rural galego. Unha loita cotiá (a de ter un bo acceso a internet no rural) da que tamén falaba Dani Mexuto neste artigo.

"Se se vive nunha contorna rural, hai que conformarse cunha velocidade ao redor dos 10 Mbps se hai sorte, e se isto non é posible, con 2 Mbps, un tipo de conexión absolutamente ineficiente", di UGT

O devandito informe da UGT destaca a "grave fenda territorial que vive España". O documento destaca as enormes diferenzas que se producen entre unhas e outras comunidades autónomas, sobre todo nas conexións de mellor calidade, aquelas que chegan a través de cable ou fibra (FTTH). Por exemplo, o 97,1% dos fogares madrileños teñen conexión por fibra, unha porcentaxe que baixa ata o 48,5% en Galicia, que si acada mellores resultados no acceso a través de cable (55,3% dos fogares).

A fenda territorial prodúcese entre as zonas urbanas e as zonas urbanas, destaca UGT: "as diferenzas en cuestión de velocidade son abismais: máis de 40 puntos en conexións de 30 Mbps e 43 puntos porcentaxes en velocidades de 100 Mbps ou máis". "En conclusión, se se vive nunha contorna rural, hai que conformarse cunha velocidade ao redor dos 10 Mbps se hai sorte, e se isto non é posible, con 2 Mbps, un tipo de conexión absolutamente ineficiente para acceder funcionalmente aos servizos de Internet", afirma o sindicato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.