A maior parte do ADN da poboación galega actual é moi semellante ao do resto da Península Ibérica e ao do conxunto do continente europeo. Porén, no noso xenoma agóchase unha "sorpresa histórica": preto do 15% do perfil xenético dos galegos e galegas ten raíces no norte de África e Oriente Medio
A maior parte do ADN da poboación galega actual é moi semellante ao do resto da Península Ibérica e ao do conxunto do continente europeo. Porén, no noso xenoma agóchase unha "sorpresa histórica": preto do 15% do perfil xenético dos galegos e galegas ten raíces no norte de África e Oriente Medio. É un dos principais achados do retrato xenético da poboación galega realizado polos equipos de investigación multidisciplinar GenPoB e GenViP liderados polos catedráticos da USC Antonio Salas Elllacuriaga e Federico Martinón Torres, e que vén de presentar as súas conclusións.
Esta foto do noso interior, un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega, constitúe un avance que serve para entender aspectos clave do pasado de Galicia e, sobre todo, achega "unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica", destacan os seus responsables, que salientan que este retrato xenético "constitúe unha valiosa ferramenta para construír o futuro sanitario”.

Un estudo pioneiro coordinado polos catedráticos da USC Antonio Salas e Federico Martinón describe por vez primeira con detalle a historia xenética da poboación galega, nun traballo que senta as bases da medicina personalizada
No traballo analizáronse 1.100 xenomas completos, incorporando datos secuenciacións completas de 94 individuos galegos, xunto con centos de mostras procedentes doutros territorios da Península Ibérica e do resto do planeta. Antonio Salas destaca que esta comparación permitiu “contextualizar os datos galegos dentro do panorama xenético máis amplo da Península, revelando as súas particularidades, sen perder de vista as conexións compartidas”.
Froito desta comparación, descubriuse o importante peso que na nosa xenética actual teñen o norte de África e Oriente Medio, que achegan preto do 15% dos noso perfil xenético. Os datos revelan que esta influencia foi anterior á expansión islámica na Península Ibérica iniciada en 711, de xeito que se detecta que xa nos séculos VI e VII puido chegar a Galicia un importante pouso xenético dende eses territorios.
A investigación subliña que legado xenético norteafricano chegou a Galicia nos séculos VI e VII, probablemente polas relacións que a antiga Gallaecia mantiña co resto da Península e co Mediterráneo
Os investigadores apuntan, neste senso, "un posible goteo xenético de orixe norteafricana e oriental que tería comezado en época romana, cando a antiga Gallaecia mantiña contactos marítimos e comerciais con zonas do Mediterráneo e do norte africano”.
Para Antonio Salas, "este achado non só cambia a narrativa simplista tradicional sobre a orixe desta pegada xenética, senón que reabre o debate sobre a intensidade e o alcance das conexións transmediterráneas que xa existían moito antes da invasión musulmá". "Galicia, historicamente considerada unha esquina remota de Europa, revélase agora como unha terra aberta ao intercambio e á mobilidade dende hai séculos, un cruce de camiños máis diverso e antigo do que cabería imaxinar a primeira vista”, engade Salas.
Galicia, historicamente considerada unha esquina remota de Europa, revélase agora como unha terra aberta ao intercambio e á mobilidade dende hai séculos, un cruce de camiños máis diverso e antigo do que cabería imaxinar a primeira vista”, destaca Salas
Os datos do estudo amosan, ademais, que o peso xenético de orixes norteafricanas é maios no sur e sueste de Galicia, "o que suxire que esta puido ser a súa principal porta de entrada”. Pola súa banda, o legado xenético do Medio Oriente detéctase en maior medida no sur e suroeste.
A investigación revela, igualmente, que esta herdanza xenética se transmitiu principalmente por vía paterna, xa que ata un 21% das estirpes masculinas presentan orixes norteafricanas, especialmente relacionadas con poboacións bereberes e mozabíes (pobos hoxe asentados no deserto do Sahara e en Alxeria). Para Antonio Salas, “este patrón apunta a migracións predominantemente masculinas, asociadas probablemente a intercambios comerciais, actividades militares, tráfico de escravos ou redes de mobilidade a través do Mediterráneo moito antes da ocupación islámica".
Mesturados pero internamente homoxéneos
Os datos do estudo amosan, ademais, que o peso xenético de orixes norteafricanas é maios no sur e sueste de Galicia, "o que suxire que esta puido ser a súa principal porta de entrada”
No estudo destaca tamén a importante homoxeneidade xenética da poboación de Galicia, "máis cohesionada do que se podía pensar cos datos existentes ata o momento", sinalan os autores, cunha estrutura xenética "uniforme, onde a endogamia ou o illamento ten un impacto moito menor do que se pensaba".
Esta homoxeneidade xenética que "contrasta con outras rexións da Península Ibérica, onde as montañas e outras barreiras naturais puideron ter favorecido unha maior fragmentación poboación", engaden.
Salas apunta que “en Galicia, a xeografía xogou a favor da mestura: sen grandes obstáculos internos, cunha rede peque nos núcleos rurais repartidos por todo o territorio e unha longa tradición de mobilidade por mar, polas rutas comerciais romanas ou a través do Atlántico, a poboación galega estivo historicamente conectada”.

Un paso histórico cara á medicina personalizada
Este estudo xenético permitirá trazar "por primeira vez" un “mapa do risco xenético” de enfermidades comúns dentro de Galicia. Así, o equipo identificou como se distribúe a susceptibilidade xenética a doenzas como a diabetes tipo 2, o Alzheimer ou o cancro en distintas comarcas galegas
A investigación mesmo identificou cinco grupos xenómicos no conxunto da poboación galega: un principal, que corresponde a 66 dos individuos analizados e catro máis pequenos e localizados, con cando menos catro individuos en cada caso, que corresponden á Mariña/Foz, Cuntis/A Estrada, Porto do Son e outro que estende polo centro e o oeste de Galicia.
Este estudo xenético permitirá trazar "por primeira vez" un “mapa do risco xenético” de enfermidades comúns dentro de Galicia. Así, o equipo identificou como se distribúe a susceptibilidade xenética a doenzas como a diabetes tipo 2, o Alzheimer ou o cancro en distintas comarcas galegas, pois aínda que Galicia é unha rexión xeneticamente homoxénea en termos xerais, "existen matices locais relevantes".
Así, os autores apuntan que zonas do interior presentan un risco xenético lixeiramente máis alto para enfermidades metabólicas como a diabetes tipo 2 e as costeiras mostran una propensión superior a enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, a cardiopatía isquémica ou o cancro de ovario, pero máis baixas para enfermidades de saúde mental como a esquizofrenia.
Os autores apuntan que zonas do interior presentan un risco xenético lixeiramente máis alto para enfermidades metabólicas como a diabetes tipo 2 e as costeiras mostran una propensión superior a enfermidades neurodexenerativas
Estas diferenzas abren a porta a futuras estratexias de prevención máis precisas, axustadas á realidade xenética de cada territorio, explorando novas liñas de investigación e cunha "planificación preventiva máis axustada", destaca Federico Martiñón. De igual xeito poderanse entender as actuacións que se están levando a cabo nos programas de screening poboacional. E abre a porta a optimizar tratamentos, axustar doses e minimizar efectos adversos e a ofrecer terapias individualizadas a nivel rexional.
“Grazas a este mapa xenético de alta resolución poderamse redeseñar estratexias de cribado máis precisas e adaptadas ás necesidades reais da poboación galega, algo particularmente relevante en etapas clave como a infancia ou a adolescencia, onde esas intervencións preventivas poden ter un maior impacto a longo prazo”, explica Martinón.