O catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica Ángel Carracedo é o primeiro científico en recibir o Premio Otero Pedrayo, un galardón co que espera que a ciencia se integre "como parte do noso patrimonio e acervo cultural"
O Premio Otero Pedrayo, outorgado pola Xunta de Galicia e as Deputacións da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, recae por primeira vez nun científico desde que se instaurou en 1977 para honrar a memoria do escritor ourensán. O galardoado este ano é Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955), catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coordinador do Grupo de Medicina Xenómica e doutra decena de equipos de investigación, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que depende do Sergas, e referencia neste campo a nivel internacional.
Que supón para a ciencia galega que se recoñeza ao primeiro científico co Premio Otero Pedrayo?
A min os premios sempre me desacougan un pouco porque penso que hai xente que os merece máis. Pero a alegría deste premio é que se considere que a ciencia é parte da cultura, que a min sempre mo pareceu. Isto igual abre a porta a integrar máis a ciencia na sociedade e a integrala como parte do noso patrimonio e acervo cultural.
"Sempre que me preguntan onde faría investimento en ciencias contesto que primeiro en xente: reter e atraer talento é o máis importante"
É un galardón outorgado polo Goberno galego e as catro Deputacións provinciais, pode ser a cerimonia de entrega unha boa ocasión para falar da carreira investigadora?
Sempre insisto, en cada oportunidade que teño, na importancia tremenda de ter unha carreira investigadora estable. Creo que a lei da ciencia empezou a dar pasos, nese sentido, bastante positivos –igualmente no eido biomédico– pero aínda falta moito por lograr. E falta, sobre todo, investimento para que esa carreira sexa efectiva e que máis xente se poida dedicar e ela con ilusión e con traballo. Sempre que me preguntan onde faría investimento en ciencias contesto que primeiro en xente: reter e atraer talento é o máis importante. Eles traen logo recursos e iniciativas científicas e empresariais, e atraen riqueza.
A nova lei de ciencia tamén inclúe o obxectivo de destinar ao I+D+i o 1,25% do PIB do Estado para 2030, por que pensa que non se logro acadar un obxectivo máis ambicioso?
Penso que aquí temos un maior problema no sector privado que no público. O noso grande déficit está no I+D+i privado, que temos que estimular e facer entender ás empresas que de forma individual ou entre varias o investimento neste eido fainas máis competitivas e máis viables. Cando miro as cifras de investimento nos diferentes países chámame a atención a inversión do sector privado, como tamén me chaman a atención as diferencias entre comunidades autónomas, o País Vasco ten unha taxa moi alta de investimento en I+D+i, de feito nesta comunidade e en Navarra están un pouco por enriba da media europea e están logrando ou superando o obxectivo do 2%. Creo que temos fomentar moito a colaboración público-privada e estimular moito o I+D+i industrial.
"Para a miña xeración era moi importante traballar aquí, eu non aceptei nunca unha oferta de fóra e iso que eran incribles"
Botando a vista atrás a cando comezaba vostede a súa carreira como investigador, cre que as persoas que comezan hoxe teñen mellores ou peores condicións? Hai máis posibilidades de medrar como profesional?
Depende moito do sector. Penso que, sen dúbida, agora na biomedicina teñen máis posibilidades, pero na universidade teñen menos. Cando eu empecei, a carreira universitaria estaba moi ligada á investigación e había moitas máis posibilidades, agora está moi limitado. En cambio, no sector biomédico cando eu comecei non había IDIS [Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago] nin centros similares, e agora aí hai centenares de investigadores. Tamén é certo que hai máis competencia da que había.
Outra cousa da que me decatei é que para a miña xeración era moi importante traballar aquí, eu non aceptei nunca unha oferta de fóra e iso que eran incribles, economicamente atractivas pero sobre todo cientificamente; pero para min saír do meu entorno, da miña familia, da miña terra, do meu Louro, da miña Santa Comba é complicadísimo. Non hai diñeiro que o pague. Pero á xente agora non lle importa traballar en Bruxelas ou en Londres, van onde lle presentan unha oferta máis atractiva, por iso temos que movernos desde aquí e captar talento. A nosa terra segue sendo a máis marabillosa do mundo, e seguramente aquí teña un pouco de deformidade polo afecto, pero é así. Temos que intentar que veña máis xente para aquí e que a que está queira quedar.
Polo efecto da pandemia a sociedade caeu na conta da existencia da biomedicina e na súa relevancia, considera que agora temos máis presente a importancia de facer ciencia e medicina desde aquí?
Penso que isto vén do impacto social da ciencia. Levamos anos nos que o eido científico aumentou a súa valoración social e profesional. Agora os grupos de investigación teñen moito respecto. E si, a pandemia reafirmou esa tendencia porque foi un momento importante no que a xente viu perfectamente o valor da investigación en medicina. Espero que non se esqueza. Foi importante para esa valorización social.
"Poñerlle límites á realidade paréceme importante porque crear falsas expectativas non é boa cousa. No mundo forense, por exemplo, preocúpame moito que a xente pense que co ADN xa está solucionado calquera crime"
E vostede en que momento soubo que era fundamental potenciar a divulgación científica? Porque a sociedade non acostuma a coñecer aos seus científicos, pero vostede é nisto a excepción.
Non me considero divulgador, pero si que me din conta de que é importantísimo contar o que facemos. Todo ese esforzo que fago empeceino no ensino, fundamentalmente no ensino secundario e Bacharelato, porque si que me din conta de que tiñamos un problema grande coa educación e de que os rapaces de Bacharelato están ultra estresados e non acaban de entender o mundo que lles rodea. Debín recorrer os institutos de Galicia varias veces para darlles unha mensaxe de ilusión, contarlles o que facemos os científicos e explicarlles dos límites da ciencia. Para falarlles da necesidade de preguntarse o por que das cousas e da curiosidade, cousas que me parece que o sistema educativo non valora o bastante.
É moi importante que a sociedade no seu conxunto entenda cal é a realidade, que non vivamos sempre de anuncios ou de novas, poder contarlle igual que aos rapaces o que facemos, o que conseguimos e o que non, tamén que é o que nunca seremos capaces de conseguir. Poñerlle límites á realidade paréceme importante porque crear falsas expectativas non é boa cousa. No mundo forense, por exemplo, preocúpame moito que a xente pense que co ADN xa está solucionado calquera crime, como viron en CSI. Ás veces non hai nada de ADN e non se pode facer nada e fai falta moita investigación e moito traballo para poder avanzar. Creo que é importante contalo e eu desfruto coa interacción coa rapazada, pero tamén con xente de todas as idades. É unha cousa ben bonita que os científicos deberan facer moito. Hai unha divulgación máis profesional que é preciso facer, pero que os científicos contemos espontaneamente a esencia do noso entorno paréceme moi bonito.
Ao fío das falsas expectativas, ten comentado que a maioría das veces que a ciencia aparece nos medios de comunicación é porque se producen grandes anuncios, pero que non se explica tanto ese traballo que hai detrás. Como cre que podemos mellorar?
É moi complicado precisamente polo tipo de esquema de financiamento da ciencia, que fai que moitas veces o impacto mediático do grupo poida ter importancia no financiamento. Creo que debera haber uns criterios éticos, polo menos nas institucións públicas, sobre que se pode anunciar e que non, con xente profesional á fronte. Aínda así, loxicamente, en moitas cousas da ciencia vai haber intereses comerciais e outras cousas por detrás... polo que é moi complicado. Unicamente penso que se pode contrarrestar con educación e con formación. Que os xornais teñan páxinas de ciencia nas que contar ata onde chegamos curando o cancro ou o Alzhéimer, cales son os restos, cal é a realidade. Que un anuncio sobre a posible cura dunha enfermidade vaia acompañado de onde estamos e ata onde podemos chegar, iso paréceme importante.
"É un proxecto no que están traballando máis de mil investigadores, e consiste en ter unha serie de centros en rede que fan xenómica de altas capacidades en España e aplicalo ás enfermidades raras, ao cancro e á predición de risco de enfermidades comúns"
Sempre traballa en varios proxectos á vez, pero cal lle está a reclamar máis atención nestes momentos?
Estou con moitísimos e coa parte asistencial, que creo que é a que me dá máis traballo. En lugar de facer un gran grupo de investigación fun facendo varios pequeniños; teño baixo o meu paraugas uns dez grupos, e a todos eles os axudo e de todos interésame a apaixóname o que fan. Un dos últimos adícase ás enfermidades neuropsiquiátricas, sobre todo no seu desenvolvemento infanto-xuvenil, que é un tema que me preocupa moito.
Pero un esforzo moi grande no eido da investigación, que nunca fixen un igual na miña vida, é todo o proxecto de mellora de xenomas que é a base estrutural da estratexia nacional de medicina personalizada. Isto é un reto que só se pode abordar desde unha posición moi sénior como a miña, que teño tantas redes e tantos amigos por todas partes. É un proxecto no que están traballando máis de mil investigadores, ten moito financiamento, e consiste en ter unha serie de centros en rede que fan xenómica de altas capacidades en España e aplicalo a tres exemplos concretos: as enfermidades raras, que é un reto diagnóstico; ao cancro, hereditario ou de orixe descoñecida; e á predición de riscos de enfermidades comúns e farmacoxenéticas. Trátase de crear unha grande estrutura onde se poida desenvolver unha estratexia nacional que forma parte do PERTE de saúde. É un reto tremendo, pero conto con moi bos colaboradores e cunha rede de hospitais con coordinadores en cada comunidade autónoma, e con moitos centros de investigación. É unha satisfacción traballar con todos eles e creo que vai ser moi importante para a medicina. É o meu gran reto actual.