O mundo devece pola vacina contra o coronavirus. Multitude de grupos de investigación de todo o planeta traballan tentando acadar ese obxectivo, desenvolvemento ferramentas e técnicas que aceleren a consecución dun tratamento eficaz contra a Covid-19 que, en calquera caso, non estará dispoñible para a súa distribución masiva ata dentro de varios meses, máis dun ano con toda probabilidade.
En total, hai cando menos 108 proxectos en marcha en todo o mundo, segundo a documentación oficial da OMS. 8 deles están xa en avaliación clínica, mentres que o resto aínda non comezou os seus ensaios. En Galicia son varios os equipos que neste momento están centrados nestas investigacións, como xa destacamos hai unhas semanas. A sociedade volve a vista estas semanas cara a o sector da investigación, que sufriu importantes recortes nos últimos anos, e que agora revela o seu papel imprescindible.
O grupo liderado por Javier Montenegro recibirá 126.000 euros para as súas investigacións sobre a preparación e uso de vectores peptídicos para a entrega celular de ARN mensaxeiro, que pode aplicarse para o desenvolvemento de vacinas contra a COVID-19
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC acolle a varios destes grupos. Hai un mes o investigador José Martínez Costas, do CiQUS, obtivo financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte á Covid-19 en base a unha nova metodoloxía patentada na Universidade compostelá que permite "resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo".
E agora o Instituto Carllos III vén de apoiar o traballo doutro grupo do mesmo centro, desta volta o liderado por Javier Montenegro, que recibirá 126.000 euros para as súas investigacións sobre a preparación e uso de vectores peptídicos para a entrega celular de ARN mensaxeiro, o cal pode aplicarse para o desenvolvemento de vacinas contra a COVID-19. Durante seis meses o equipo desenvolverá unha plataforma para cribar posibles vectores non virais que podan ser utilizados como transportes de ARNs que codifican proteínas do virus.
As vacinas baseadas en ARN mensaxeiro atópanse na base dalgúns dos ensaios clínicos que se están a levar a cabo na carreira por atopar unha vacina contra a COVID-19, pois mellorar a entrega de ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) a través dun portador axeitado pode aumentar a eficiencia das vacinas e reducir a dose requirida. Ademais, indica Montenegro, "as vacinas de ARNm teñen un gran potencial debido á súa flexibilidade, seguridade e desenvolvemento rápido, o que as fai ideais para situacións que requiren una resposta rápida, como é o caso de enfermidades infecciosas emerxentes".
Mellorar a entrega de ácido ribonucleico mensaxeiro a través dun portador axeitado pode aumentar a eficiencia das vacinas e reducir a dose requirida
Porén, este instrumento presenta grandes dificultades, comezando pola extrema sensibilidade e o difícil transporte do material xenético (ARN) que provoque a resposta inmune, o que obstaculiza o seu potencial. Para paliar esta limitación, o grupo de investigación de Montenegro traballa no desenvolvemento dunha plataforma sintética para o cribado rápido de vehículos para o ARN baseados en péptidos. "Levamos máis de cinco anos optimizando os vectores in vitro e recentemente realizamos probas en ratos con resultados prometedores", afirma Montenegro. Este éxito na entrega in vivo de ARNm en animais indica que pode ser un excelente vector non viral para a sua a aplicación na formulación de vacinas de ARNm.
Outros grupos galegos na procura da vacina
A investigación que lidera Montenegro pode combinarse coas que desenvolven grupos coma o de José Martínez Costas ou o da catedrática de Farmacoloxía da USC María José Alonso, que avalía estudos preclínicos para unha nova vacina contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus. Ao igual que outras investigacións, o seu equipo propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm do virus. Porén estas vacinas necesitan de axentes, os chamados adxuvantes, para estimular a inmunidade no organismo. É por iso que o grupo desenvolve un protocolo mediante nanopartículas que permitan mellorar a dosificación da vacina.
O grupo de María José Alonso desenvolve un protocolo mediante nanopartículas que permitan mellorar a dosificación da vacina
O pasado 21 de abril María José Alonso participou nun seminario virtual organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), no que a investigadora subliñou que “a vacina non chegará antes dun ano ou ano e medio”, como destacou GCiencia nesta información. Con todo, a catedrática da USC salienta que os prazos se están apurando ao máximo para que chegue canto antes. neste senso, indica que xa hai varias multinacionais que están preparadas para a produción a gran escala, unha vez que se dispoña da vacina.
Tamén a catedrática de Farmacoloxía da USC Mabel Loza, que en xaneiro recibiu o Premio Josefa Wonenburguer, que cada ano recoñece ás mulleres referentes no mundo da ciencia, está centrada na actualidade nesta carreira por chegar a un tratamento contra a Covid-19, destacando xa a finais de marzo que "agora estamos a virar todo o noso coñecemento e reorientándoo en todo o que podemos cara o coronavirus". O grupo que lidera, Biofarma, tamén procura financiamento para varios proxectos a nivel europeo e estatal, traballando principalmente sobre as 'dianas', identificando os mecanismos polos que o virus entra no corpo co obxectivo de poder bloquealos.
O grupo biotecnolóxico Zendal, con base no Porriño, obtivo tamén financiamento para investigar a posibilidade de que a súa vacina contra a tuberculose puidese ser empregada contra o coronavirus
Así mesmo, o pasado mes de abril o grupo biotecnolóxico galego Zendal, con base no Porriño, obtivo tamén financiamento para investigar a posibilidade de que a súa vacina contra a tuberculose puidese ser empregada contra o coronavirus. A vacina MTBVAC foi deseñada pola farmacéutica Biofabri, pertencente a Zendal, e a Universidade de Zaragoza. O desenvolvemento deste proxecto, actualmente nas fases preclínicas finais, pretende explorar se a inmunidade inespecífica fronte a SARS-CoV-2 que podería xerar esta vacina pode ser o suficientemente eficaz como para iniciar estudos en persoas nun futuro inmediato.
Hai que ter en conta que a vacina non se poderá aplicar de forma masiva ata dentro de bastantes meses. Hai unhas semanas Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, sinalaba nesta entrevista que "o proceso seguramente se acelerará con respecto a outras vacinas, e pode que comecemos a probalas nuns poucos meses, pero non teremos unha vacina este ano". "Outra cousa é que se poida dar máis rapidamente cunha vacina e que se decida vacinar a determinados grupos de risco, por exemplo á poboación maior dunha determinada idade, aínda que non sexa completamente eficaz", engadía.
De igual xeito, hai uns días PharmaMar (Grupo Zeltia), anunciou o inicio dun ensaio clínico con Aplidin para o tratamento de pacientes con Covid-19. O ensaio foi autorizado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, dependente do Ministerio de Sanidade. O estudo, no que participarán tres hospitais da Comunidade de Madrid, servirá para avaliar o perfil de seguridade e a eficacia este tratamento, empregando tres diferentes doses de plitidepsina en persoas infectadas polo coronavirus.
Hai uns días PharmaMar, filial do Grupo Zeltia, anunciou o inicio dun ensaio clínico con Aplidin para o tratamento de pacientes con Covid-19
Nesta primeira etapa incluiranse 27 pacientes, aos que se lles administrará estas tres diferentes doses. A variable principal será o nivel de carga viral dos pacientes antes do tratamento e unha vez finalizado o mesmo, así como unha serie de parámetros de evolución clínica. De ter éxito, a empresa solicitará autorización para continuar o estudo con máis pacientes e coa dose indicada. Pharmamar xa anunciara resultados prometedores dos estudos in vitro de plitidepsina no coronavirus humano HCoV-229E, cun mecanismo de multiplicación e propagación moi similar ao SARS-CoV-2, xa que ambos utilizan a proteína eEF1A para a súa reprodución.
Investigación en determinantes xenéticos para as infeccións por Covid
O grupo Genomics&Bioinformatics da USC coordinará unha investigación internacional para analizar os determinantes xenéticos que poidan predispoñer a sufrir unha infección máis grave a causa do coronavirus
De igual xeito, o grupo Genomics&Bioinformatics do CiMUS da USC coordinará unha investigación internacional para analizar os determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que poidan predispoñer a sufrir unha infección máis grave a causa do virus SARS-CoV-2, ou que mesmo poidan causar a morte en persoas aparentemente sen factores de risco asociado. A investigación está dirixida polo investigador principal do CiMUS, Anxo Carracedo.
Un consorcio internacional, do que forman parte máis de vinte hospitais e grupos de investigación de alto nivel, realizará ao mesmo tempo a procura de biomarcadores xenómicos de risco ou protección en pacientes que recibisen tratamento durante a infección e que evolucionasen de maneira dispar. Este proxecto abranguerá a 8.000 pacientes con infección por SARS-CoV-2 e test microbiolóxico positivo, tanto de España como doutros países do mundo.