Galicia e Portugal presentan importantes semellanzas xenéticas, cunha gran compoñente de ADN africano

No oeste da Península atópase a maior cantidade de ADN de orixe africana © Nature

Un equipo internacional formado por investigadores das universidades de Santiago e Oxford analizou mostras de ADN de máis de 1.400 persoas para xerar o primeiro mapa xenético a escala fina de España e "comprender o impactos da migración en España na poboación actual". 

É no oeste da Península (en Galicia e Portugal) onde se atopa unha maior cantidade de ADN de orixe africana

A partir do exame dos patróns de intercambio de ADN entre individuos da Península Ibérica e doutras partes do mundo, o equipo de xenetistas puido identificar a presenza de ata un 10% de ascendencia do noroeste de África en habitantes modernos da Península. Estiman, ademais, que este ADN data de arredor dos anos 860-1120, un período de migración de poboación procedente da actual Marrocos durante o dominio musulmán de España. Seguindo a chegada de aproximadamente 30.000 combatentes, tamén se rexistrou unha migración civil dun número descoñecido de persoas, que se instalaron en diversos puntos da Península. Os investigadores conclúen que este movemento tería producido un “impacto xenético substancial".

A investigación tamén conclúe que é no oeste da Península (en Galicia e Portugal) onde se atopa unha maior cantidade de ADN de orixe africana, que sería moi inferior no País Vasco e tamén nos territorios que conformaron o Reino de Aragón.

As migracións no eixo norte-sur fan máis semellante xeneticamente á poboación de Galicia e do sur de Portugal que á galega e a catalá, por exemplo

De feito, a investigación identifica diferencias xenéticas máis fortes no eixo imaxinario que vai do leste ao oeste da Península e non así entre o norte e o sur, interpretando deste xeito que ao longo da historia as grandes migracións seguiran este eixo norte-sur e non o eixo leste-oeste. E facendo así, por exemplo, máis semellante xeneticamente á poboación de Galicia e do sur de Portugal que á galega e a catalá.

Unha das hipóteses da investigación é que estas semellanzas xenéticas coinciden coa distribución lingüistica existente na Península no medievo: Galego-portugués, Leonés, Castelán, Eusquera, Aragonés e Catalán, produto sobre todo dos procesos de Reconquista e de expansión cara ao sur dos reinos do norte, acompañados de repoboacións, que deron forma así á xenética moderna destes territorios. “A Península Ibérica é lingüisticamente diversa, ten unha historia demográfica complexa e é única entre as rexións europeas por ter un período de séculos de dominio musulmán”, destacan os autores do estudo.

Hai uns días, unha investigación dirixida pola galega Gloria González Fortes amosou igualmente a existencia na Península Ibérica dun fluxo xenético procedente do norte de África en tempos prehistóricoos, hai máis de 4.000 anos e seguramente moito antes (pode que mesmo hai 8.000 ou 9.000). González Fortes destacaba que "as migracións foron engadindo diversidade ás poboacións humanas".

"As extensas diferencias xenéticas observadas a pequena escala en Galicia poderían explicar por que algunhas enfermidades con compoñente xenética parecen concentrarse en áreas concretas”

Outra das conclusións ás que chegou o estudo foi que en Galicia se rexistran diferenzas xenéticas importantes en poboacións moi próximas xeograficamente, en ocasións con distancias de apenas 10 quilómetros. En opinión de Ángel Carracedo "as extensas diferencias xenéticas observadas a pequena escala en Galicia poderían explicar por que algunhas enfermidades con compoñente xenética parecen concentrarse en áreas concretas”.

Os resultados da investigación acaban de ser publicados por Nature Communication nun artigo que asinan o catedrático da USC Ángel Carracedo, e Simon Myers, Peter Donnelly e Clare Bycroft, da Universidade de Oxford.

Ángel Carracedo Dominio Público GCiencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.