A USC presenta a primeira Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión

Acto de presentación da Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA) © USC

A iniciativa, pioneira no Estado, busca xerar, nos vindeiros catro anos, "novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas"

A Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA) da Universidade de Santiago presentouse este mércores no Paraninfo da USC. Esta iniciativa, pioneira no Estado e que conta co apoio do Ministerio para a Transformación Dixital, busca xerar, nos vindeiros catro anos, "novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas".

Na Cátedra, liderada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) participa tamén a empresa tecnolóxica Plexus Tech. O obxectivo, segundo destacou o reitor Antonio López, é “situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario”.

“A aplicación da IA ao eido da medicina permítenos xestionar unha inmensidade de datos sobre cada persoa para afinar os diagnósticos, os tratamentos e mellorar, en definitiva, a calidade de vida das persoas, algo que sería inimaxinable a través das vías tradicionais. Ese manexo de datos só é posible aplicando ferramentas de Intelixencia Artificial”, destacou o reitor.

Asistentes ao acto de presentación da Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA) © USC

O obxectivo, segundo destacou o reitor Antonio López, é “situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario”

A aplicación da IA á medicina personalizada xa é unha realidade. A capacidade de analizar grandes volumes de datos en tempo récord permite diagnósticos máis rápidos e precisos, favorece a medicina preditiva e optimiza os tratamentos para cada paciente. Así, entre as liñas de investigación de CAME&IA destacan a aprendizaxe automática e modelos preditivos para a personalización de tratamentos, o procesamento de imaxes médicas e análises de sinais biomédicos, ou a integración de datos multimodais para mellorar diagnósticos e tratamentos.

Alén da súa actividade investigadora, a cátedra desenvolverá unha ampla programación formativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais do uso da IA en medicina. A transferencia de coñecemento á sociedade e a colaboración con centros estatais e internacionais serán aspectos clave na súa folla de ruta.

A aplicación da IA á medicina personalizada xa é unha realidade. A capacidade de analizar grandes volumes de datos en tempo récord permite diagnósticos máis rápidos e precisos, favorece a medicina preditiva e optimiza os tratamentos para cada paciente

"A cátedra naceu coa convicción de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar se pode construír unha contorna de investigación que transforme o coñecemento en melloras tanxibles para a práctica clínica", afirmou Senén Barro, director científico do CiTIUS e responsable da cátedra.

"Entendemos a tecnoloxía como unha gran ferramenta para mellorar o mundo, e a medicina é un campo onde os avances tecnolóxicos teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas", subliñou, pola súa parte, José Manuel Viña Bravo, director xeral de Plexus Tech. O acto contou ademais co relatorio do catedrático da USC, Ángel Carracedo.

María González Veracruz, na súa visita ao CiTIUS © Andrés Ruíz

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, destacou que a cátedra reflite “o papel fundamental que desempeña a investigación para construír un país mellor, que abrace a tecnoloxía cunha mirada humanista, centrada nas persoas e na defensa dos seus dereitos”

A cátedra, financiada con 1,2 millóns de euros, dos que 900.000 son achegados polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, nace no contexto da candidatura da USC ás axudas para a creación das Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial. 

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, destacou que a cátedra reflite “o papel fundamental que desempeña a investigación para construír un país mellor, que abrace a tecnoloxía cunha mirada humanista, centrada nas persoas e na defensa dos seus dereitos”. González defendeu ademais "o compromiso firme" do Goberno de España coa universidade pública, a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico "como piares dun país máis xusto, innovador e preparado para liderar o futuro dixital".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.