O 66% dos tumores de mama detéctanse en estadios iniciais grazas ao cribado do Sergas

Laboratorio onde se analizaron as mostras do cribado de Hepatite C en Ourense que se levou a cabo en 2023 CC-BY-SA Consellería de Sanidade

"Galicia dispón dun dos programas de detección precoz de cancro máis avanzados a nivel estatal", asegura a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán

Detectar as enfermidades o antes posible salva vidas. Isto chámase prevención secundaria e é unha das funcións do departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o mesmo que durante a pandemia organizou a vacinación histórica contra o coronavirus. A prevención primaria é a que promulga a presenza do exercicio na actividade diaria, unha dieta sa ou mesmo evitar tóxicos como tabaco ou alcol.

“Galicia dispón dun dos programas de detección precoz de cancro máis avanzados a nivel estatal”, asegura a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, que nun encontro arredor do Proxecto Xenoma no Consello da Cultura Galega explicou os pasos que se están dando cara a uns cribados cada vez máis personalizados. A detección precoz do cancro de mama e colorrectal levan anos en funcionamento e hai un ano que tamén se realizan cribados de cancro de cérvix en mulleres na procura de infeccións co virus do papiloma humano.

O conselleiro de Sanidade e a directora xeral de Saúde Pública presentan unha investigación ligada ao cribado do cancro de mama este xaneiro CC-BY-SA Consellería de Sanidade

Os programas de detección precoz de cancro de mama e de colon xa contan con IA

Tecnoloxías que empregan Intelixencia Artificial (IA) van axudar a ‘afinar’ mellor a poboación que debe participar nestes cribados e con que frecuencia. Os cribados de cancro de mama e de colon xa contan con IA “porque ás veces ao ollo humano se lle escapan cousas”. “Incorporamos a IA –explica Carmen Durán– como ferramenta de axuda diagnóstica, de maneira que unimos a experiencia do facultativo e a IA que serve como guía para aumentar tanto a eficacia como a efectividade da proba”.

Sanidade tamén aposta por aumentar a poboación diana de determinados cribados, como é o caso da detección precoz do cancro de mama, que ata hai un ano se realizaba en mulleres de 50 ata os 70 anos de idade, e agora xa chega ás mulleres que aínda non cumpriron os 75. O cribado consiste na realización dunha mamografía cada dous anos para todas estas mulleres.

"Grazas ao cribado somos quen de detectar o 66% dos cancros de mama en estadios iniciais, demostrado que a supervivencia a cinco anos das mulleres é do 97,8%"

Pero a directora xeral de Saúde Pública avanzou que grazas á información xenética que vai aportar o Proxecto Xenoma van buscar cancros de mama hereditarios en mulleres de 45 a 50 anos de idade. “Por que non o facemos a toda a poboación por debaixo dos 50 anos? Porque hai moito falso positivo. Decidimos centrarnos inicialmente nestes cancros hereditarios que teñen unha comorbilidade alta e que queremos atallar”, afirmou.

Todo isto non serve de nada se as galegas non participan no programa de detección. Das 244.866 mulleres convidadas en 2024 ao cribado de cancro de mama houbo 205.125 mulleres ás que se lles realizou unha exploración. Iso implica un 83,3% de participación o ano pasado, moi por enriba do 75% que se considera desexable alcanzar nestes programas.

No hospital de Ferrol están realizando un cribado de cancro de próstata pioneiro CC-BY-SA Consellería de Sanidade

“Isto é unha auténtica barbaridade, estamos moi por enriba da media de moitos países e da media estatal. Ademais, abandonamos as cartas e nos pasamos aos avisos por SMS e a participación aumentou porque tamén enviamos unha mensaxe de recordatorio da cita. Isto é mérito das galegas”, aseverou Durán. Co histórico de datos de Sanidade ata 2012 na man, compróbase que “nas mulleres entre 50 e 69 anos producíronse 910 mortes menos do esperado para esa poboación en ausencia de cribado”.

Grazas ao cribado somos quen de detectar o 66% dos cancros de mama en estadios iniciais, demostrado que a supervivencia a cinco anos das mulleres é do 97,8%. É dicir, que máis dun 88% vai vivir aos dez anos do diagnóstico, se o cancro de mama fose a única causa de morte”, apuntou Carmen Durán.

"Os resultados do MamoRisk axudarán a identificar as mulleres con alto risco de cancro de mama que se poidan beneficiar dun seguimento máis intensivo"

Desde este mes de febreiro Galicia participa nun proxecto pioneiro financiado con fondos europeos a través de Instituto de Saúde Carlos III denominado MamoRisk, no que participarán 4.000 galegas. Esta investigación, que se levará a cabo no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e no Instituto Galicia Sur, pretende “pasar dun cribado por un criterio unicamente de idade e no que a proba que se realiza é unha mamografía, á posibilidade de deseñar un novo modelo de cribado multifactorial no que se sumen unha mostra xenética e outros factores de hábitos de vida que indiquen un nivel de risco individual para cada muller”.

Segundo avanzou Carmen Durán “os resultados do MamoRisk axudarán a identificar as mulleres con alto risco de cancro de mama que se poidan beneficiar dun seguimento máis intensivo e coidadoso e de tratamentos quimiopreventivos ou estratexias de redución de risco”.

Sanidade incorpora tecnoloxías de IA para os cribados de tumores de mama CC-BY-SA Consellería de Sanidade

O Sergas ten dous proxectos piloto de cribados en marcha, un de cancro de próstata que se está levando a cabo en Ferrol tamén no marco dun proxecto europeo e outro de cancro de pulmón que tivo lugar entre os pacientes do centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña, do que están estudando os resultados para valorar se o estenden a toda Galicia.

O Sergas ten dous proxectos piloto de cribados en marcha, un de cancro de próstata en Ferrol e outro de cancro de pulmón na Coruña

No caso do cribado de cancro de próstata participan homes de entre 50 e 70 anos que teñen alterada a PSA nas analíticas, que controlan nas consultas de Medicina de Familia, e que poden ter risco dun tumor. “Queremos estratificar o risco de que desenvolvan un cancro e intentar ter un cribado que nos permita diminuír as biopsias de próstata”, explicou Durán. Con todo, os homes participan moito menos nos cribados que as mulleres.

Para o cancro de pulmón a directora xeral de Saúde Pública incidiu en que o mellor cribado é non fumar. No cribado do centro de saúde do Ventorrillo participaron homes e mulleres de 55 a 74 anos de idade que declararon fumar máis de dous paquetes de tabaco ao día durante máis de dez anos. Realizáronse probas de imaxe TAC a uns 380 pacientes, onde se ve se hai sospeita de cancro de pulmón, o que implica unha participación do 72% da poboación diana deste centro de saúde coruñés.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.