Médicos, enfermeiras e oposición critican que nos cribados masivos en farmacias e universidades o Sergas derive en persoal e espazos alleos a realizacón de tests
Os cribados masivos da covid que a Xunta impulsou en varios concellos da provincia de Ourense a través das farmacias e nas tres universidades galegas ergueron as críticas de profesionais sanitarios, oposición e mesmo estudantado. As denuncias son semellantes: que a Administración derive en persoal e espazos alleos ao Sergas a realización destas probas e que bote man de voluntariado en lugar de contar co sistema público de saúde ou reforzalo de non ter recursos suficientes. No fondo, a crítica estrutural, a que paira tamén sobre unha campaña de rastrexo de contactos con positivos por coronavirus baseada nunha subcontrata a unha empresa de teloperadores sen formación sanitaria.
As críticas chegaron xa a principios da semana desde o Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM), o sindicato de enfermaría Satse ou o colectivo Eventuais en Loita ao levarse a cabo nas farmacias de cinco concellos ourensáns tests serolóxicos a aquelas persoas que o solicitasen.
No caso da representación dos médicos galegos, manifestou a súa "preocupación" pola realización dunhas probas que deben realizarse "con prescrición médica, nos lugares axeitados e co persoal adestrado para a súa realización". En canto a Eventuais en Loita, acusou o Sergas de "aforro en persoal, privatización e falta de transparencia" e que "os tests achegados por un sistema sanitario público deben realizarse nos centros de saúde para unhas condicións óptimas de extracción, rexistro é seguimento".
O PSdeG pide á Xunta que retire a iniciativa dos tests nas farmacias e que o comité clínico avalíe e decida o mellor destino para estas probas serolóxicas
Satse foi máis alá, anunciou unha posible denuncia por "intrusismo", advertiu da "falta de seguridade" e pediu á cidadanía que non acudise ás farmacias facer os tests. Este xoves, ademais, representantes dos sindicatos reuníronse cos portavoces de Sanidade dos diferentes grupos parlamentarios, advertindo do que consideran "un despropósito" por parte do Sergas e dun acordo entre a Consellería e as farmacias "que non é público".
O portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, anunciou a presentación dunha proposición non de lei na que insta a Xunta a retirar a iniciativa e o comité clínico a que avalíe e decida mellor o destino dos tests serolóxicos. "Que decida se son útiles e a que se poden dedicar", explica a Praza.gal o deputado socialista, que dubida que un cribado masivo coma este en Ourense "sexa útil cando é unha foto fixa e pode crear un problema pola falsa sensación de seguridade que dá na poboación".
"Os cribados masivos hai que facelos alí onde digan os profesionais de Saúde Pública, moi probablemente en poboación de risco", insiste Torrado, que pregunta se a decisión de impulsar estas probas nas farmacias ourensás "ten algún aval clínico" e se "custou cartos á Xunta".
Torrado (PSdeG) dubida da utilidade dun cribado masivo de non ser en poboación de risco e pide que se fagan "onde digan os profesionais de Saúde Pública"
Precisamente, e sobre o cribado masivo que a Xunta impulsou nas tres universidades galegas contando co voluntarismo de estudantes de Enfermería de diferentes facultades, Torrado cre que "aquelas accións que corresponden ao Sergas deben facerse en espazos dese servizo público de saúde e coordinados por ese sistema público".
"Todo voluntarismo é loable, pero é chamativo que se saque do sistema o que é do sistema ou que ninguén aclare quen valida estas iniciativas", explica Torrado que cre que "máis alá das boas intencións, que o son", a Xunta "pode estar a crear un problema ao non canalizar ben os resultados". "É todo descoordinación", engade sobre o feito de que a Xunta envíe os tests ás universidades pero non se encargue da loxística nin envíe coordinadores sanitarios para a realización das probas.
O BNG censura que a Xunta "utilice estudantes de enfermería en lugar de persoal titulado para o cribado nas universidades"
Precisamente, o BNG denunciou este venres que a Xunta "utilice estudantes de enfermería en lugar de persoal titulado para o cribado nas universidades". O Bloque, que xa preguntou ao conselleiro de Sanidade sobre o que considera unha "intromisión clara no sistema público" no caso das probas nas farmacias, cre que “é inadmisible colocar persoal sen a cualificación necesaria a facer un cribado de risco para tapar as carencias do Sergas con man de obra barata”.
Así o denunciou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Iria Carreira, que levará o caso ao Parlamento e advertiu do "importante risco de seren infectados" que corren os estudantes e do feito de que o alumnado en formación “debe estar supervisado por persoal cualificado que se responsabilice do traballo das probas”.
Alumnado de Enfermaría do campus de Ourense negouse a realizar as probas e acusou a Universidade de Vigo de "impoñerlle" o labor
Ante esta situación, alumnado da Facultade de Enfermaría do campus de Ourense chamou ao boicot entre os estudantes ao labor de realización das probas que, segundo denuncia, foron "impostas" pola Universidade de Vigo. "Non se deu outra opción distinta á de acudir e ter que reemprazar o noso horario lectivo de prácticas por unha actividade que, consideramos que se nos impulxo", din nun comunicado no que advirten de incumprimento de protocolos e de riscos.
Desde Eventuais en Loita, fontes do colectivo denuncian tamén este proceder das universidade, que mesmo ofrecen "convalidar esas horas de facer as probas por prácticas reais en centros sanitarios", e cualifican de "chantaxe" algunhas das peticións.