O pasado venres, a Xunta anunciou que Galicia pasaba a ser a primeira comunidade autónoma que contaría coas farmacias para detectar coronavirus entre a cidadanía logo de acordo alcanzado co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense para o cribado da covid-19 nestes establecementos.
A Xunta impulsou un cribado masivo en cinco concellos ourensáns con tests serolóxicos nas farmacias que empezaron a fin de semana en Barbadás
Grazas á colaboración "voluntaria e desinteresada" das farmacias, segundo asegurou o Sergas, calquera persoa dos municipios de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, O Irixo, Boborás e Barbadás pode pedir cita para facer un test serolóxico gratuíto para detección de anticorpos da covid-19 naqueles espazos adheridos, que avisarán en caso de positivo aos servizos sanitarios para realizar unha PCR.
A web para solicitar cita tivo problemas pola alta demanda e foi en Barbadás onde se comezou xa a fin de semana coa proba piloto antes de que este luns se puidese solicitar vez tamén para os outros catro municipios. Pero non foi sen críticas. Desde varios colectivos sanitarios, desde o Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM) ou desde o propio Concello, que chegou a cualificar de "propagandística" a medida e advertiu de que dos 800 tests distribuídos, 200 caducan este martes e 600, o vindeiro venres.
Xosé Carlos Valcárcel, rexedor de Barbadás, insistiu varias veces na disposición do Concello a "colaborar coa Xunta" e con "calquera medida" a prol da saúde pública e do maior coñecemento do impacto do coronavirus nun municipio que, na actualidade, ten 61 casos positivos e unha incidencia de 549 casos por 100.000 habitantes. "Todo por non ter tomado medidas antes en Ourense; hai dúas semanas tiñamos 17 casos", lamenta.
O alcalde de Barbadás denuncia que soubo do cribado pola prensa e a "falta de coordinación, a premura e a improvisación" do Sergas
“Sempre apoiaremos todas as medidas que sirvan para coñecer a situación epidemiolóxica de Barbadás, tamén esta”, explica en Praza.gal o rexedor, que xa emitira a fin de semana un duro comunicado ao saber"por unha chamada dun medio" de que ao día seguinte empezaría un cribado do que o Sergas "non avisou ao Concello". "Non é normal esta falta de coordinación e premura por lanzar aos medios a medida", insiste Valcárcel, que explica que a "improvisación" e "falta de organización" por parte do Sergas tivo xa as súas consecuencias: colapso nos teléfonos das catro farmacias da vila ou sobrecarga de traballo que obrigou algúns establecementos a limitar a unha única franxa horaria de dúas horas a realización das probas.
O propio alcalde, que foi un dos veciños que pasou o test serolóxico, explica que leva "un mínimo de media hora" por persoa entre a picada no dedo, a espera dos resultados e a desinfección posterior do espazo. "Tendo en conta todas as peticións que hai, o tempo que se tarda e que se enviaron 800 probas, é evidente que non hai tempo a rematar o proceso antes de que caduquen", explica. "É imposible", insiste.
Porque esa é outra das grandes críticas e denuncias que tamén levaron a cabo varios profesionais sanitarios. 200 dos tests destinados ás farmacias de Barbadás teñen como data de caducidade o día 20 de outubro, mentres que noutros 600 está sinalada para o venres 23. "Foron adquiridos hai meses; a pregunta é por que non se usaron antes e se envían agora a uns días de que caduquen", di o alcalde, que tamén critica que con esta medida "poida acabar saturándose un servizo público como unha farmacia".
Barbadás recibiu 800 tests: 200 caducan este martes e 600, o venres; os farmacéuticos de Ourense recoñecen a caducidade "moi próxima" das probas
Desde o Colexio de Farmacéuticos de Ourense, o seu presidente, Santiago Leyes, recoñece a caducidade "moi próxima" dos tests enviados pola Xunta para o cribado, pero insiste, en declaracións recollidas na web de Europa Press, que "son válidos", que non se pode "deixar que se desbaldan recursos públicos" e que ninguén perderá a "cita" malia a alta demanda, polo que o ritmo será "paulatino".
"As farmacias adheríronse, como é lóxico, porque esta é unha cuestión de saúde pública e hai que colaborar, pero corremos o risco de que pase como na Atención Primaria, na que se están a postergar outros labores pola sobrecarga con procesos asociados á loita contra a covid", insiste Valcárcel, que lembra que a iniciativa de cribado nas farmacias foi tamén criticada polo Consello Galego de Colexios Médicos.
No seu caso, a entidade, que agrupa todos os colexios médicos de Galicia, ve con "preocupación" esta campaña porque considera que estas probas "son só unha parte da avaliación clínica" da covid e deberan "ser prescritas sempre por un médico", tal e como "expresa claramente o ordenamento das profesións sanitarias". Ademais, o CGCM repara na "falsa sensación de seguridade que un resultado positivo pode inducir na cidadanía".
O Consello Galego de Colexios Médicos ve con "preocupación" a campaña e cre que as probas deberan "ser prescritas sempre por un médicos"
"Estes tests deben realizarse nos lugares axeitados e co persoal adestrado para a súa realización; parécenos unha temeridade que se realicen sen ter en conta os profesionais médicos", insiste o Consello, que acusa a Consellería de Sanidade de, "unha vez máis, obviar na súa toma de decisións a opinión e asesoramento da profesión médica", sobre todo, aclaran, "polas implicacións que este tipo de campañas poden ter na práctica asistencial da Atención Primaria, xa enormemente sobrecargada nestes momentos".
Esta última crítica coincide coa que os profesionais sanitarios fixeran xa pola "sobrecarga" e atrancos na recuperación asistencial que supuña o estudo de seroprevalencia encargado pola Xunta, cuxos resultados da súa segunda fase seguen sen ser coñecidos. Así, o CGCM advirte de que a súa asesoría xurídica estuda xa esta criticada campaña.
Satse pide á cidadanía que non faga os tests nas farmacias
Desde o sindicato de enfermería Satse-Galicia, a denuncia é aínda máis dura. A entidade pide á cidadanía que "pola súa seguridade, non acuda á farmacia a realizar os tests". Segundo denuncia nun comunicado, esta campaña supón "un risco" por "compartir o mesmo espazo, xeralmente pechado e con escada ventilación, persoas presuntamente contaxiadas con persoas sas" e posibilitar que estes establecementos "poidan ser focos de contaxios e transmisión do virus".
Ademais, xa este martes, anunciou que estuda unha iniciativa xurídica "por presunto delito de instrusismo", logo de que unha peza informativa en televisión constatase, segundo denuncia, que persoal de farmacia leva a cabo unha proba que "require da previa valoraciónclínica e prescrición médica" e que debe ser realizada "por profesionais autorizados".
O Satse acusa o Sergas de "ignorar" todas as medidas de seguridade e di que estuda unha denuncia "por instrusismo"
"Só os centros da sanidade pública ofrecen plenas garantías de seguridade e interpretación diagnóstica do test de virus, non as oficinas ou boticas farmacéuticas sen profesionais cualificados como médicos ou enfermeiras sen as medidas axeitadas de seguridade", asegura Satse, que se pregunta como é posible "que a Consellería de Sanidade se tome conta tanta irresponsabilidade e frivolidade a detección do coronavirus".
O sindicato non entende que desde a sanidade pública "se impoñan medidas de illamento, circuítos seguros, profesionais cualificados, equipos de protección individual, eliminación de residuos biolóxicos contaminantes ou atención telefónica para evitar aglomeracións en centros de saúde públicos" pero "ao mesmo tempo e de maneira irresponsable e neglixente" o Sergas "ignore todas esas medidas para favorecer, presuntamente, a empresa privada, levando ás farmacias unha atención sanitaria que debe ser provista e garantida na sanidade pública".