Persoal médico pide suspender o estudo do Sergas por dificultar a recuperación asistencial nos centros de saúde

Unha profesional sanitaria realizando un test rápido da Covid-19 © Goberno de Navarra

Aumenta o rexeitamento ao estudo de seroprevalencia da Xunta por parte de profesionais sanitarios. Se xa coa primeira fase, persoal de Atención Primaria advertira da escasa fiabilidade dos tests e da pouca utilidade duns resultados que vaticinaron ao pouco do seu inicio --a estimación de que o 1% de poboación galega tivo contacto co virus, como así se confirmou--, os reparos aumentan coa segunda rolda que empeza a vindeira semana. 

Agamfec advirte de que o estudo "complica a actividade asistencial cando é fundamental reforzar a desatendida poboación de doentes crónicos"

Primeiro foi a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que advertía de que esta segunda vaga do estudo "complica a actividade asistencial de miles de enfermeiras nuns momentos nos que é fundamental aproveitar os recursos para detectar os brotes de casos e reforzar a atención da desatendida poboación de doentes crónicos que durante o confinamento tiveron toda clase de complicacións e medo de acudir aos centros sanitarios". 

A entidade lembra que xa a primeira fase do estudo "comprobou a baixa seroprevalencia da poboación", cos casos en descenso, e pregúntase "que conclusións asistenciais e prácticas para a saúde se esperan obter". Así, Agamfec reclama a súa suspensión --como o propio Feijóo insinuou aínda que a Xunta acabou optando por continuar coa segunda rolda-- e considera a súa posta en marcha como "unha intención porpagandística". 

Desinfección nun centro de saúde galego polo coronavirus CC-BY-SA Xunta

"Só con esa intención se pode entender a continuidade deste estudo absurdo que compromete a desexada reactivación asistencial na Atención Primaria", di Agamfec, que pide "desistir de actividades tan pouco útiles" e que pediu ao Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia que se pronuncie sobre un estudo "que non cumpre as normas básicas de consentimento informado nin de transparencia". 

Persoal médico e de enfermería da Coruña pide a suspensión do estudo e reitera que "non está acreditada suficientemente a fiabilidade dos tests"

Agora, é persoal médico e de enfermería da área sanitaria da Coruña quen pide a suspensión do estudo de seroprevalencia. Organizados na Asemblea da Área Sanitaria (AAS), consideran "que non está acreditada suficientemente a fiabilidade do test monobanda a empregar no estudo", como xa alertaran moitos profesionais, e advirten de que seguen "descoñecendo que comité de expertos o avala e en que se basa a insistencia en levalo a cabo". 

Nun escrito dirixido á xerencia da área sanitaria, estes facultativos aseguran que "a dedicación do persoal de enfermaría á realización dos test supón un investimento de tempo e recursos nos centros de saúde, que detrae doutras actividades de moito máis valor clínico neste momento, como a realización de probas complementarias e a recaptación e control de pacientes crónicos que quedaron relegadas durante a fase álxida da pandemia". "A escaseza de recursos, xa existente antes do inicio da pandemia segue estando tan vixente como antes, e a tan cacarexada necesidade de reforzar a Atención Primaria vai en sentido diametralmente oposto, ao cargarnos con tarefas cientificamente cuestionables", engaden. 

Persoal sanitario cre que o estudo "supón un investimento de tempo e recursos nos centros de saúde, que detrae doutras actividades de moito máis valor clínico"

Ademais, consideran que a utilidade epidemiolóxica do estudo "é cuestionable" e que "a utilidade clínica é nula". "Nada vai achegar aos nosos pacientes a información que poida obterse e, aínda peor, pode levarnos a darlles unha información errónea", din, tras alertar do "problea de ética profesional" que lles supón "colaborar nun proxecto" que non lles parece "cientificamente sólido" e ter que tomar decisións "con datos que poden non ser fiables".

O persoal de AAS di "subscribir" a postura de Agamfec e insta o Sergas "a non levar a cabo" o estudo e a, no caso de continuar, facelo con persoal específico dos servizos de Medicina Preventiva ou Saúde Pública, "como se vén facendo co estudo en curso promovido polo Goberno Central" e cuxos datos finais foron feitos públicos este pasado xoves. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.