O Sergas detecta algo máis dun terzo dos casos de coronavirus que se dan en Galicia, onde case dúas de cada cen persoas falecen por mor desta enfermidade. Son algunhas das conclusión que se tiran do estudo de seroprevalencia levado a cabo pola Consellería de Sanidade e cuxo resultados foron feitos públicos este mércores.
Galicia detecta algo máis dun terzo (36,5%) dos casos totais de coronavirus que estima o seu estudo: uns 11.000 positivos dun total duns 30.000
Tendo en conta as estimacións derivadas das máis de 44.000 probas feitas en centos de centros de saúde do país, en Galicia a circulación do virus foi escasa e teríase contaxiado o 1,15% da poboación, algo máis de 30.000 persoas. Segundo os datos que cada día transmite o Sergas, nesta altura --a data do mércores 20 de maio-- son algo máis de 11.000 os positivos acumulados e detectados no país, algo máis dun terzo (36,5%) dos que apunta o estudo de seroprevalencia.
A porcentaxe de diagnosticados, con todo, sería elevada en Galicia en comparación coas cifras que se dan noutras comunidades autónomas e sempre tendo en conta as estimacións do estudo elaborado polo Sergas. De feito, de ter en conta os datos do que levou a cabo o Ministerio de Sanidade, esa detección sería algo menor.
De ter en conta o estudo do Ministerio, a porcentaxe de casos detectados polo Sergas situaríase en arredor do 20%
No informe estatal, a estimación do número de contaxiados en Galicia elévase a case 57.000, polo que, respecto dos últimos datos de positivos acumulados, teríanse detectado algo menos do 20% dos casos (19,5%).
As diferenzas entre os resultados dos dous estudos explícanse tanto polos diferentes obxectivos de cada un deles --o do Sergas céntranse na transmisión territorial e o do Estado na familiar-- como nos tipos de tests utilizados. Os empregados polo Ministerio de Sanidade son máis fiables, de dobre banda e con extracción sanguínea, mentres que os usados en Galicia --criticados por profesionais pola súa escasa fiabilidade-- empregan a punción nun dedo. O propio Feijóo advertira de que ía "cruzar" ambos estudos para comprobar se hai "disfuncións" entre os datos de ambos.
A taxa de letalidade en Galicia elevaríase ao 1,74% segundo as cifras derivadas do estudo da Xunta: falecen case dúas persoas por cada cen infectadas
Como é lóxico, as diferenzas entre os resultados de ambos estudos implican tamén diferentes taxas de letalidade. As cifras publicadas polo Goberno central supoñen que esa taxa sería do 1% en Galicia, unha porcentaxe case idéntica á que se dá no conxunto do Estado. Xa que logo, falecería unha de cada cen persoas contaxiadas polo coronavirus.
A letalidade é maior segundo o estudo do Sergas. Se tal e como sinala, contraeu o coronavirus un 1,15% da poboación galega --unhas 30.300 persoas-- e o número de persoas falecidas acumuladas durante a etapa na que se realizaron os tests --entre o 23 de abril e o 8 de maio-- situábase nunhas 528, a taxa elévase ao 1,74%, case dúas mortes por cada cen infectados pola Covid-19.
As cifras son importantes, tendo en conta que estimacións anteriores falaban dunha mortalidade de entre o 0,5% e o 1% de infectados pola Covid-19. Ademais, e ao contrario do que defende Feijóo, Galicia non estaría entre as comunidades con menor taxa de letalidade, senón nun nivel semellante ao do resto de autonomías e case idéntico á media estatal segundo o estudo estatal, aínda que por baixo de Andalucía, Cantabria, Balears, Murcia ou Canarias, con menor porcentaxe de persoas falecidas de entre as contaxiadas. De ter como referencia o estudo do Sergas, o país afastaríase algo máis da media do Estado.
"Galicia ten a taxa de letalidade máis baixa de todas as comunidades autónomas de España", advertiu varias veces Feijóo a principios de abril e hai poucos días, tirando dos datos que reflectían a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados, pero non tendo en conta as estimacións dun estudo a nivel estatal e homologable en todos os territorios, pero tampouco as cifras derivadas do encargado polo seu goberno.
Ourense, a provincia con máis afectación
Sexa como for, os datos feitos públicos polo Sergas insisten na escasa circulación do coronavirus en Galicia e na "baixa inmunidade" creada entre a poboación, cunha seroprevalencia escasa (0,56%) na franxa de entre 0 e 18 anos (algo máis de 2.000 persoas terían pasado o virus), dun 1,09% entre os 19 e os 64 (sobre 17.000) e algo máis alta, 1,64%, entre os maiores de 65 (unhas 11.000 persoas contaxiadas), unha afectación neste último colectivo tres veces superior á que sofren os menores de idade.
Por territorios, a provincia coa maior prevalencia é Ourense, cun 1,88% da poboación afectada, seguida de Pontevedra, co 1,49%; Lugo, co 0,79%; e A Coruña, co 0,77%. Ademais, e en canto ás áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco sería a máis afectada pola pandemia, cun 1,88% de cidadanía afectada, seguida pola de Vigo (1,64), Pontevedra-O Salnés (1,35), Santiago-Barbanza (1,02), Lugo-A Mariña-Monforte (0,79), Ferrol (0,65) e A Coruña-Cee (0,62). Xa que logo, o impacto do coronavirus non alcanzou nin o 2% en ningunha das áreas sanitarias e quedou por baixo do 1% en tres delas.
De ter en conta os grandes concellos, destaca o maior impacto que tería a doenza en Vigo, cun 2,08% de afectados, unhas cifras que o Sergas atribúe á "maior densidade de poboación" e a unha "circulación intensa" do virus no inicio da pandemia "facilitada pola mobilidade laboral antes do confinamento". Para o Sergas, a "sorpresa", xa que logo, é A Coruña, a segunda cidade de Galicia e cunha altísima densidade poboacional, con só o 0,83% de prevalencia, unicamente por riba de Ferrol (0,4%) e Lugo (0,61%). Ademais, Ourense alcanza o 1,79%, Pontevedra o 1,24% e Santiago o 1,11%.