A Xunta mantén oculto o resultado do seu segundo estudo do coronavirus dende hai catro meses

Un profesional sanitario realizando un test rápido de coronavirus CC-BY-SA Xunta

Nin rastro dos resultados. A Xunta mantén agochados, catro meses despois, as conclusións da segunda fase do publicitado estudo de seroprevalencia, realizado durante a segunda metade do pasado mes de xuño. 

A segunda fase do estudo de seroprevalencia realizouse a principios de xuño e o Sergas asegurou que os resultados serían publicados a finais dese mes

Foi o xa ex-conselleiro e Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, quen o pasado 20 de xuño informaba de que a segunda fase deste estudo fora rematada e que os resultados serían publicados "nunha semana". Agromou o brote na Mariña, decretáronse as restricións, pasaron as eleccións do 12 de xullo e o PP recuncou á fronte da Xunta... Pero nada se soubo das conclusións. 

Preguntado sobre a realización deste estudo, os resultados e a súa difusión, nada di o Sergas, que mantén silencio sobre unhas probas realizadas nos centros de saúde galegos a principios do mes de xuño e que o persoal médico pedira varias veces suspender. Polos atrancos que supoñían para a recuperación asistencial na Atención Primaria ou pola nula relevancia desde o punto de vista médico vistos os resultados da primeira fase. 

Un test rápido da covid-19, nunha imaxe difundida polo Goberno de Navarra © Goberno de Navarra

Agora, o Parlamento, tras aprobar todos os grupos unha iniciativa do PSdeG, insta á Xunta a "presentar un informe cos resultados definitivos do estudo serolóxico" e a que o faga "con datos abertos e con plena disposición de consulta para calquera que o precise". Ademais, o PP asegurou que se non se publicaron as conclusión foi porque eran "bastante parecidas" ás da primeira fase. 

Persoal da Atención Primaria solicitou suspender o estudo pola sobrecarga de traballo que supoñía e súa escasa relevancia

O rexeitamento ao estudo de seroprevalencia da Xunta por parte de profesionais sanitarios chegou xa naquela primeira fase. Persoal de Atención Primaria advertira da escasa fiabilidade dos tests e da pouca utilidade duns resultados que vaticinaron ao pouco do seu inicio --a estimación de que o 1% de poboación galega tivo contacto co virus, como así se confirmou-- e que viron como unha operación "propagandística".  

Naquela primeira fase, o estudo do Sergas estimaba que o 1,15% da poboación galega pasara o coronavirus --unhas 30.000 persoas, bastantes menos das 50.000 que estimou a terceira fase estudo do Ministerio de Sanidade-- e que en ningunha área sanitaria se superara o 2% de afectación. 

Os tests daquela última fase do estudo do Goberno central realizáronse tamén durante o mes de xuño e foron feitos públicos a principios de xullo. En Galicia, nada se soubo do da Xunta, que tirou de 100.000 tests rápidos, incluídos os máis de 50.000 que enviou o Ministerio e dos que Feijóo cuestionou a súa utilidade. O presidente da Xunta usou o estudo do Sergas na súa confrontación co Executivo de Pedro Sánchez; e os seus resultados como parte do seu argumentario para defender a convocatoira das eleccións autonómicas o 12 de xullo en contra da postura da oposición. 

Resultados do primeiro estudo de seroprevalencia da COVID-19 divulgado pola Xunta

Antes, no mes de maio e tras coñecerse o resultado da primeira fase, Feijóo admitiu que a Xunta meditaba suspender a segunda onda logo das críticas recibidas. Pero semanas despois, o Goberno galego confirmou que seguía adiante cunhas probas das que agora non se sabe nada. 

"Foi unha perda de tempo e de recursos impresionante, como xa advertimos", di Agamfec

"Foi unha perda de tempo e recursos impresionante, como xa advertimos, e agora sabemos que, se cadra, para nada", di Jesús Sueiro, médico e voceiro de Agamfec (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria), que di que é "frustrante" saber que a Xunta nin tan sequera dá os resultados logo de rexeitar as peticións para suspender as probas polas dificultades nas que puña á Atención Primaria. "Tivemos o persoal de enfermería ocupado varios días entre dúas e tres horas cada mañá, facendo analíticas e chamando xente para nada", insiste. 

"A primeira fase tiña un pase, pero a segunda non tiña interese xa visto o resultado do primeiro, sobre todo cando había un estudo a nivel estatal en marcha", engade Sueiro, que só ve "un interese propagandístico" no estudo do Sergas. "Agora, nin iso porque podería prexudicarlles", asegura. 

Xosé María Dios, médico de familia e voceiro da AGDSP (Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública), considera que o feito de que a Xunta non publique os resultados do estudo demostra que "foi todo propaganda". "Suponse que os resultados serían idénticos e sinalarían un impacto baixísimo, como xa advertimos, polo que evitarán ter que pasar esa vergonza", asegura quen lembra a "maior masificación e colapso" que supuxeron a realización daqueles tests nos centros de saúde. "A Atención Primaria segue con problemas por cousas como esta, por non poñer substitutos ou por afrontar unha campaña de vacinación que abrangue máis xente sen reforzo ningún", lembra. 

O caso é que este xoves, o Parlamento aprobou unha iniciativa presentada polo voceiro de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, na que se esixe “a publicación dos datos e resultados” do estudo serolóxico da covid que o socialista lembra que foi anunciado por Feijóo “en plena precampaña electoral” e para "protagonizar minutos na TVG". 

Julio Torrado, deputado do PSdeG, na comisión de Sanidade no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

O Parlamento insta a Xunta a publicar os resultados do estudo; o PP di que non se fixo porque son "bastante parecidos" aos da primeira fase

Desde o BNG, a deputada Iria Carreira advertiu dun estudo "que enchía portadas e notas de prensa" e que agora "relegouse a un esquecemento profundo" tras supor "unha carga de traballo moi importante, sobre todo para a enfermería". "Malia que calquera estudo se interrompe cando o resultado é indiscutible e insatisfactorio, a Xunta decidiu seguir adiante", insistiu tras solicitar que, agora, "como mínimo, se dean os resultados". 

A deputada do PP, Marta Rodríguez-Vispo, dixo apoiar que se publicasen os resultados porque "para iso se fixo o estudo". Respecto á non publicación aínda, deu unha versión sorprendente: "Pola información que eu teño, non se publicou porque os resultados eran bastante parecidos á primeira fase". Ante esta afirmación, o deputado socialista Julio Torrado cualificou de "aberración" esa xustificación. "Outra escusa sería mellor", rematou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.