O pasado maio, cando comezaba a remitir a primeira vaga da pandemia do coronavirus, o Goberno galego deixou claro por boca do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que non contemplaba divulgar a súa serie histórica de datos sobre a evolución da COVID-19 en Galicia. Dispuña dela e así o evidenciou escasos días despois, nos informes sobre o encaixe da convocatoria das eleccións en plena epidemia, pero seguiu negándose a publicala. Este 9 de outubro, máis de sete meses despois, a Xunta vén de acceder a amosar parte dos datos, pero aínda con restricións.
Sete meses despois, o Goberno galego accede a publicar cifras que ata agora negaba, como o número diario de casos novos, pero segue evitando ofrecer unha fonte de datos abertos e información detallada por concellos ou comarcas
Na liña do avanzado nas últimas semanas, a Consellería de Sanidade vén de abrir un sitio web no que é posible observar algún dos principais indicadores da evolución da epidemia no país. Como na práctica totalidade do Estado, agora existe unha fonte pública na que observar a evolución temporal dos casos activos e das persoas curadas e falecidas -indicadores de referencia para a Xunta-. Tamén divulga números que ata agora o Goberno galego se viña negando a publicar, como a cifra de novos casos diarios (obtidos mediante PCR), perfís sociodemográficos das persoas infectadas ou a especificación do número de persoas hospitalizadas por cada área sanitaria e dos positivos acumulados en cada unha delas.
A vertente negativa é que, cando menos de momento, a Xunta segue evitando ofrecer unha fonte de datos abertos, isto é, a posibilidade de descargar e reutilizar libremente a información, na liña do estipulado nas leis de transparencia. Tamén continúa negándose a informar do número de casos por concellos ou comarcas, limitándose á publicación dun mapa cun código de cores no que cada concello é situado nun intervalo de positivos nos últimos días.
Sete meses cunha imaxe distorsionada
Alén de evidenciar que dispón dunha serie histórica completa e de amplos datos que ata agora se negou a achegar tanto ao conxunto dos medios de comunicación como da cidadanía en xeral, a publicación desta serie amosa ás claras que, nestes sete meses, a imaxe da curva epidémica da COVID-19 que era posible construír a partir dos comunicados diarios de Sanidade non se correspondía exactamente coa real. Non só porque ata o pasado 8 de outubro a Xunta informase de 99 casos menos no total acumulado -unha cantidade relativamente escasa nun total acumulado de máis de 26.000-, senón porque a situación dos casos no tempo é notablemente distinta.
Preguntada por Praza.gal a respecto destas diferenzas, a Consellería de Sanidade indica que a razón principal é que a serie agora divulgada sitúa no día correspondente os casos diagnosticados entres as 00:00 e as 23:59 horas de cada xornada, mentres que os comunicados que ata agora eran a única fonte de información eran pechados ás seis da tarde. Este diario solicitou tamén da Xunta unha fonte de datos abertos para acceder directamente á nova serie, pero non obtivo resposta polo momento.
Respostas sobre a gran distorsión de abril
Nesta liña, a publicación dunha serie completa tamén permite observar a magnitude da que ata agora foi principal distorsión na difusión de datos da COVID-19 por parte da Xunta, a provocada a finais de abril cando, nun só día, sumou 3.552 "curacións". A razón daquela suma repentina fora, segundo alegara o Goberno galego, a necesidade de adaptarse aos novos protocolos do Ministerio. No entanto, ao contrario que a maior parte do resto de autonomías, non divulgou unha serie histórica cos casos recolocados. Esa serie corrixida ve a luz agora, presentando un perfil máis axustado á realidade en canto a casos activos na primavera e na segunda vaga.
Así, como se pode observar no gráfico sobre estas liñas, naqueles días de abril a Xunta pasou de informar de 6.947 positivos activos o 28 de abril (con datos correspondentes ao día 27) a indicar 3.526 o día 29, mentres que as "curacións" (altas epidemiolóxicas, altas hospitalarias e persoas que deran positivo en test de anticorpos, pero sen síntomas) pasaban nun só día de 1.841 a 5.393
Agora, os datos representados nos gráficos da nova web publicada por Sanidade recolocan os casos e da a referencia temporal correcta aos casos activos, "curacións" e falecementos daqueles días. Así, por exemplo, o día con máis casos activos ata agora foi o 8 de abril, segundo a nova serie, con 5.481 (o dato divulgado daquela pola Xunta fora 5.551) e para o 29 de abril infórmase agora de 6.102 persoas recuperadas e non de algo máis de 5.300. Varía tamén, aínda que en menor medida, a data dalgúns falecementos a respecto do día en que foron notificados, se ben o total segue sendo o mesmo, 776 persoas (dúas máis) ata este 9 de outubro.
Como todos os indicadores do novo sitio web do Sergas cunha única excepción -os concellos agrupados polos devanditos "niveis de alerta"- esta serie recolocada no tempo tamén está publicada cun formato pechado de datos. Daquela, tampouco é posible acceder a ela libremente para descargala e reutilizala.
Os novos casos do día: 413, 429 ou 353?
Os brotes en residencias de Ourense derivan no peor dato de positivos nun día dende marzo
Este 9 de outubro é, daquela, o primeiro no que o comunicado diario do Sergas sobre o coronavirus puido ser contrastado coa información da nova serie histórica pública. A observación de ambas fontes de información deixa algunhas dúbidas sobre a mesa, a comezar polos novos casos das últimas vinte e catro horas. Atendendo a un dos indicadores da nova web, os "casos confirmados por PCR nas últimas vinte e catro horas" serían 413, pero noutra sección do mesmo sitio indícanse que son 353.
Mentres, a comparación dos datos ofrecidos polo comunicado do Sergas este 9 de outubro cos divulgados pola propia Consellería o día anterior indica que os novos casos serían 429. Con independencia desta disparidade, que en parte pode estar motivada pola devandita diferenza horaria (datos pechados ás seis da tarde ou ás doce da noite) e tamén pode ter orixe nalgúns casos sumados non detectados mediante PCR, o certo é que esta cifra de casos diarios suporía a cifra máis alta notificada nun só día en Galicia dende finais de marzo.
A razón fundamental deste incremento repentino son os fortes brotes rexistrados en dúas residencias de maiores da provincia de Ourense, con máis de 150 casos nun só día. Deste xeito, ao resto de Galicia corresponderían uns 270 casos novos, cifra máis elevada que nos últimos días pero na liña das rexistradas durante practicamente todo o mes de setembro.
No que atinxe ás hospitalizacións, o novo sitio web da Xunta e o comunicado diario si coinciden en apuntar que son 225 persoas, (tres máis que un día antes), 38 delas en unidades de coidados intensivos (tamén tres máis). A nova web non informa das novas hospitalizacións diarias, pero si detalla cantas persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 hai en cada hospital, tanto público como privado.
A peor evolución, na área sanitaria de Ourense
A área de Ourense suma 235 novos casos nun día
Outro dos datos que a Xunta dá en amosar e que ata agora non divulgaba é a cifra de novos casos por áreas sanitarias -non así por concellos-, aínda que tamén con formatos de datos pechados. Nesta xornada, a peor evolución segue sendo a da área de Ourense, con 235 novos diagnósticos. As seguintes con máis casos novos son, a moita distancia, as de Vigo e Santiago (+51 e +49, respectivamente) e a da Coruña, con 32. A área de Pontevedra-O Salnés suma 20 casos e a de Ferrol, 8.
A diferenza entre casos novos e altas deixa a área de Ourense cunha preocupante alza de máis de 200 positivos activos nun só día, mentres que o seguinte maior aumento, na área de Vigo, non pasa de 25. Nas áreas de Pontevedra e da Coruña, as altas permiten que os casos activos descendan en 40 e 27, respectivamente.