Dous brotes en residencias de maiores da provincia de Ourense suman máis de 150 novos casos de coronavirus

Residencia de maiores Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar © Fundación San Rosendo

A relativa estabilidade da evolución da pandemia do coronavirus nas últimas semanas en Galicia viuse alterada este xoves, 8 de outubro, por un episodio semellante ao vivido a comezos de setembro na residencia DomusVi de Outeiro de Rei, no que ata agora foi o maior brote da COVID-19 nunha residencia de maiores en Galicia. Dúas residencias de maiores da provincia de Ourense veñen de sumar ata 152 novos positivos en senllos brotes de coronavirus.

A residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, ten agora 109 positivos entre residentes e dous no cadro de persoal

Segundo indica a Xunta, na residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, foron detectados ata 106 casos do coronavirus entre as persoas que alí viven, elevando o total ata 109. Vinte e catro horas antes, os datos oficiais apuntaban á existencia de 3 positivos entre residentes deste centro. Entre o cadro de persoal, os casos eran dous, os mesmos que este xoves.

O outro surto de gran dimensión nun centro de maiores localízase na residencia Val de Monterrei, en Verín. Nesta residencia os novos positivos son 46 entre residentes e outros 6 entre o cadro de persoal. No día previo, a Xunta indicaba a existencia desa media ducia de positivos no persoal e ningún nas persoas usuarias.

En total, os datos da Xunta indican que as residencias de maiores e persoas con discapacidade suman este 8 de outubro un total de 528 positivos da COVID-19, 414 deles entre persoas usuarias. O centro con máis residentes afectados pola doenza segue sendo, así e todo, DomusVi Outeiro de Rei, con 130 positivos aos que se engaden vinte membros do cadro de persoal.

O maior número de casos nun mes, a maior cifra de PCR nun día dende o inicio

As persoas falecidas chegan ás 774

Estes dous grandes brotes do coronavirus en centros de maiores rexístranse nun día en que o comunicado xeral do Sergas sobre a pandemia apunta á existencia de 4.083 casos "activos" (15 máis) e 20.860 persoas "curadas" (269 máis). Engadido aos cinco falecementos que entran no cómputo nesta xornada -catro xa comunicados o día previo, fóra do parte, para un total de 774-, isto implica que os novos casos contabilizados son 289, o maior dato diario do último mes, que mantén a media semanal de casos diarios en liña ascendente.

A suma de casos "activos" divulgada pola Xunta xa suma os brotes nas residencias ourensás, aínda que as consellerías implicadas apuntan a que se sumarán no parte do venres e non do xoves e o dato xeral non cadra co divulgado pola área sanitaria de Ourense

Os dous surtos das devanditas residencias ourensás están contabilizados no número de casos activos dos que informa no seu comunicado a Xunta, que segue sen publicar datos abertos sobre a pandemia. Isto implicaría, daquela, que os casos novos fóra das residencias serían apenas 135, resultado de restar a ese total de 289 os 106 casos do centro Os Gozos e os 46 do Val de Monterrei, así como 2 positivos na residencia Torrente Ballester da Coruña: en total, 154.

Non obstante, preguntadas ao respecto por Praza.gal, as consellerías de Sanidade e Política Social coinciden en sinalar que estes brotes non estarían reflectidos -cando menos, non na súa totalidade-, nos indicadores xerais deste 8 de outubro, xa que o parte diario é pechado ás seis da tarde do día anterior. Estarán reflectidos no parte de mañá, día 9, agregan.

Esta explicación coincide co feito de que a área sanitaria de Ourense ofreza este 8 de outubro cifras con 85 novos casos en toda a área no último día, menos que os rexistrados nesas residencias. Pero non cadran con que o total de casos "activos" indicado pola Xunta xa sume os dous brotes nesas residencias ourensás. 

Se non fose por ese descadre de datos non aclarado, o ascenso ata 289 novos casos cumpriría interpretalo tendo en conta outro dato significativo: por segundo día consecutivo, Galicia marca un máximo de probas PCR procesadas nun único día. O total destes test sitúase en 531.410, segundo o Sergas, o que implica que as novas probas son 7.998 ao día seguinte de superar, por primeira vez, a barreira das 7.000.

Esta cifra suporía que os novos casos de coronavirus detectados en Galicia se manterían por baixo do 5% das probas PCR realizadas. Concretamente, no 3,61%. Non obstante, non é posible afirmar que todos os novos casos fosen achados mediante probas PCR; xa que o Goberno galego non informa ao respecto. Os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade, datados no pasado día 5 de outubro, situaban a taxa galega de positividade de probas PCR no 4%

Hospitalización estable, máis "activos" en Ourense e Vigo

Estas cifras rexístranse nun contexto no que o número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 en Galicia continúa estable. En total, son 222 (tres máis), das que 35 están na UCI (unha máis). 

A Xunta anuncia a publicación dun novo sitio web con máis cifras do coronavirus, pero non especifica se con datos abertos

Por áreas sanitarias -único nivel territorial sobre o que, cando menos de momento, informa a Xunta-, as cifras de casos activos só aumentan en Ourense (onde se sitúan as devanditas residencias) (+25) e Vigo (+18) nun día en que o Goberno galego, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, anunciou a publicación dun novo sitio web con datos a respecto da evolución do coronavirus en Galicia. O Executivo galego non especifica se ese novo portal traerá consigo a publicación dos datos en formatos abertos, pero si asegura que haberá acceso a unha serie histórica, o cal nestes seis meses non sucedeu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.