Galicia rexistra menos de 200 novos casos da COVID-19 nun día por primeira vez en dúas semanas

A residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei (na imaxe, de arquivo) rexistrou un incremento de 94 positivos por COVID-19 no último día CC-BY-SA Fotografía: DomusVi | Montaxe: Praza Pública

O número de "positivos activos" por coronavirus en Galicia é este 8 de setembro de 4.230, segundo os datos divulgados pola Consellería de Sanidade, correspondentes ao luns día 7. Esta cifra supón que os casos "activos" son trece menos que un día antes, o primeiro descenso no indicador de referencia para a Xunta en máis dun mes, toda vez que non baixaba dende o 23 de xullo. Pero isto non quere dicir que non houbese novos casos nas últimas vinte e catro horas.

O gran número de altas computadas no último día, 173, provoca que a cifra de "positivos activos" ofrecida polo Sergas baixe por primeira vez dende finais de xullo malia detectárense 161 novos casos da COVID-19

O descenso de "positivos activos" prodúcese porque o gran número de altas computadas polo Servizo Galego de Saúde na última xornada é superior á cifra de casos novos. O que o Sergas denomina "curacións" -indicador que inclúe tamén a positivos en test de anticorpos que non teñen síntomas- aumenta en 173 persoas e chega ás 13.965 nun día en que os falecementos aumentan son un máis, tras a morte dunha persoa nunha residencia de maiores que a Xunta non identifica no seu parte diario, pero que se trata do centro Orpea Coruña. O total ascende a 663 falecementos. 

Isto supón que os casos novos da COVID-19 son 161, menos de douscentos nun día por primeira vez nas últimas dúas semanas. Esta baixada continúa tamén a atenuar a media de casos diarios dos últimos sete días, con tendencia á baixa por quinto día consecutivo. 

Os novos casos equivalen ao 6% das PCR realizadas; a OMS sitúa o limiar para o control da epidemia no 5%

O número de novos casos diarios calculado a partir dos comunicados do Sergas -que segue sen informar directamente deste dato e, igualmente, continúa sen facer pública a serie completa da evolución da pandemia en Galicia malia dispoñer dela- acumulan así tres días á baixa. Nestas tres xornadas, non obstante, tamén diminuíu o número de probas PCR realizadas: no último día foron 2.658 para un total de 369.998. Foi o primeiro día con menos de 3.000 PCR dende o pasado 25 de agosto.

Os 161 novos casos da última xornada equivalen ao 6,06% das probas PCR realizadas, aínda por baixo do 5%, limiar establecido pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a epidemia nun territorio determinado. Esta relación debe ser interpretada con cautela en Galicia, toda vez que cada paciente pode requirir máis dunha PCR e, en ausencia de datos abertos e series completas do Sergas, non é posible coñecer se todos os novos casos e novas probas son do mesmo día.

Seis hospitalizacións menos, pero unha máis na UCI

O gran número de altas computado polo Sergas afecta tamén ás cifras de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19, que diminúe tras máis de dúas semanas aumentando e queda en 209, seis menos que un día antes. Isto non quere dicir, non obstante, que non houbese hospitalizacións novas, se ben non é posible sabelo a través do parte do Sergas porque a Xunta non aclara este dato. Desas 209 persoas hospitalizadas, 22 están en coidados intensivos, unha máis que o día previo.

A residencia DomusVi de Outeiro de Rei pasa a ser a que máis positivos rexistra entre as persoas usuarias, con 139, tras sumar 94 nun día

O cómputo de casos "activos" complétase con 4.230 persoas illadas nos seus lugares de residencia (13 menos). Entre elas inclúense 258 persoas que viven en residencias de persoas maiores ou en situación de dependencia. Segundo indica a Consellería de Política Social, a residencia con máis persoas usuarias contaxiadas do coronavirus segue a ser a DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, con 139 tras sumar 94 nun día, seguida do centro da Fundación San Rosendo no Incio, con 81. 

No que atinxe ao persoal destes centros, a que acumula máis contaxios é a do Incio, con 33. Séguea a DomusVi de Outeiro de Rei, con 14. En total, as persoas que traballan nestes centros e están contaxiadas son agora 77, segundo o Sergas. 

As altas fan baixar os "activos" nas áreas sanitarias con máis casos

O gran número de altas impacta tamén de cheo nos datos de "positivos activos" por áreas sanitarias, o nivel territorial máis detallado sobre o que informa o Servizo Galego de Saúde a respecto da pandemia. Non en van, a Xunta segue evitando publicar datos dos casos de coronavirus de cada concello ou comarca, aínda que nos últimos días si facilitou esta información para toda Galicia a un medio de comunicación.

Na última xornada destaca a trintena de novos casos na área sanitaria de Pontevedra, cifra semellante á da Coruña

Así, por exemplo, os "activos" da área da Coruña-Cee, a que segue tendo máis tanto en termos absolutos como en incidencia (casos activos por cada 100.000 habitantes) baixan en 21, pero porque houbo 58 altas e un falecemento, polo que os novos casos alí serían 36. O mesmo efecto é o que producen as altas na segunda área en número de "activos", a de Lugo, que queda en 801 (-15).

Mentres, as áreas con menos casos totais son as que rexistran maiores incrementos de "positivos activos". Faino especialmente a de Pontevedra-O Salnés, que rexistra 28 máis que o día previo. Segundo puido confirmar Diario de Pontevedra, nesta área os casos novos son 33, porque houbo cinco altas.

O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, agregou este martes un total de 343 novos diagnósticos do coronavirus en Galicia, 176 deles correspondentes ás últimas vinte e catro horas. En calquera caso, os datos do departamento estatal permanecen durante días e mesmo semanas en revisión, ata que son definitivamente situados na serie por data estimada de inicio de síntomas, única pública para Galicia en ausencia dunha do Sergas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.