274 usuarios e usuarias das residencias da terceira idade de Galicia morreron por mor do coronavirus, máis do 44% do total de persoas falecidas pola enfermidade no país. Todos os falecementos menos un rexistráronse nas residencias de xestión privada e, entre elas, destacan os centros do grupo DomusVi, que suman máis de medio cento de mortes só nas residencias de Cangas, Vigo e Compostela.
As residencias de DomusVi suman máis de 50 mortes só nos seus centros de Vigo, Cangas e Compostela
A xestión das residencias do Grupo DomusVi (propiedade de fondos de investimento multinacionais) estaba xa baixo o foco antes da pandemia, con denuncias repetidas de usuarios, familias e traballadoras por non cumprir a empresa coas ratios de persoal ou coas condicións contratadas. A resposta que estes centros deron ao coronavirus elevou as críticas, convertidas nas últimas semanas en denuncias xudicias e demandas colectivas.
A situación nestas tres residencias de DomusVi era xa moi grave na última semana de marzo. O día 25 había 38 persoas infectadas na DomusVi Barreiro de Vigo, 4 na DomusVi Aldán de Cangas 14 na DomusVi San Lázaro de Compostela, cifras que foron medrando rapidamente nos días seguintes, sumando o 18 de abril os centros de DomusVi en Galicia 269 casos activos de persoas internas e 73 do seu persoal. Unha situación que obrigou á Xunta a intervir as residencias de Cangas e Vigo.
A directora de DomusVi San Lázaro denunciou que Xunta tardou catro días en acceder a trasladar ao hospital as persoas enfermas de coronavirus
Nos últimos días, como foi adiantado por Nós Diario, sóubose que a directora da residencia DomusVi de Compostela, Gloria García, remitiu o pasado 25 de abril unha carta aos familiares dos residentes na que denunciaba que a Xunta tardara catro días en autorizar a hospitalización das persoas infectadas polo coronavirus e que, mesmo nese momento, rexeitou trasladar aos centros hospitalarios ás persoas con menos autonomía.
Na carta, Gloria García explica que o día 18 de marzo se detectaron os primeiros casos e que ao día seguinte "se comezou a traballar con gran urxencia para conseguir derivar [ao hospital] a estes cinco primeiros casos, pois todos tiñamos claro o que implicaría mantelos no centro". Porén, indica, non foi ata o domingo 22 que a Consellería autorizou o seu traslado a un hospital privado, o HM Rosaleda. Os días seguiron pasando, sen máis indicacións por parte da Consellería de Sanidade nin máis movementos por parte de DomusVi, ata que o 25 de marzo a Dirección da residencia chama á Xerencia do Sergas en Santiago "pedindo unha presenza urxente no centro dada a gravidade da situación, pois os casos seguían aumentando".
A Xunta só aceptou derivar "os máis válidos, os máis autónomos", segundo a directora da residencia, polo que nos quedaban no centro os máis fráxiles e case seguro os que peor evolucionarían ante un contaxio "
O 27 de marzo comezaron as derivacións de pacientes á residencia integrada Porta do Camiño, un dos centros onde a Xunta decidira que se enviarían os residentes que deran positivo por coronavirus. Porén, indica Gloria García, dende o Goberno galego indicóuselle que o protocolo indicaba "derivar unicamente os máis válidos, os máis autónomos, polo que nos quedaban no centro os grandes dependentes, máis fráxiles e case seguro os que peor evolucionarían ante un contaxio de Covid-19".
A directora da residencia tamén denuncia que as probas PCR, necesarias para comprobar a existencia de máis persoas infectadas entre usuarios e traballadores, non chegaron ata o día 3 de abril, dúas semanas despois do inicio do brote. Na carta, a directora da residencia defende a xestión realizada e asegura que en ningún momento faltaron equipos de protección e que, ademais, se realizaron contratacións extraordinarias de persoal, descargando na Xunta toda a responsabilidade polo gran número de casos rexistrados no centro e tamén polas mortes.
Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna, considera verosímil a denuncia, pois "algo pasou para que deixaran morrer nas residencias, sen enviar ao hospital, a tantas persoas maiores"
Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario da asociación de usuarios e familiares REDE, considera verosímil a denuncia realizada por Gloria García, pois "algo pasou para que deixaran morrer nas residencias, sen enviar ao hospital, a tantas persoas maiores". "Temos a sensación que houbo unha instrución da Xunta, ao igual que en Madrid, non o podemos demostrar, pero a sensación témola e esta carta vén corroboralo", engade.
Con todo, o presidente de Vellez Digna ve tamén nas palabras da directora da residencia un intento de "escusarse" e de "botar balóns fóra" e critica a xestión realizada previamente. "Se o virus campou ás súas anchas pola residencia foi polo que fixeran antes, non por non telos derivado ao hospital", di, engadindo que "tras varios casos de infeccións en diversas residencias, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos".
Porén, ve tamén na carta un intento de "escusarse" e de "botar balóns fóra" e critica a xestión realizada previamente
A denuncia realizada pola directora de DomusVi San Lázaro semella rachar as boas relacións que nos últimos anos mantiveron a empresa e o Goberno galego. Aínda o pasado mes de decembro Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibiu de mans de Francisco Conde, conselleiro de Economía, o Premio Galicia Global 2019 pola "internacionalización" da súa compañía.
"Canto ti deixas isto en mans de empresas que o único que queren é gañar cartos, chegamos a uns niveis que son homicidas, que é o que pasou nas residencias", di o presidente de Vellez Digna
Dende colectivos como REDE e tamén dende asociacións de traballadoras como Trega leva denunciándose dende hai anos a "conivencia" da Xunta coas grandes empresas privadas do sector das residencias. "Nós levamos moito tempo denunciando que situacións como a ausencia de enfermeiros pola noite, cando as residencias de máis de 40 prazas están obrigados a ter cobertura as 24 horas", sinala Xose Bernárdez Solla, que acusa á Xunta de "mirar para outro lado" ante a situación de falta de persoal e a conseguinte falta de atención das persoas maiores que alí viven. "As ratios de persoal son irrisorias, están feitas pensando en que as residencias se lucren, pero non en prestar unha boa atención. Pero cando aínda por riba as empresas están por debaixo destas ratios, sen que a Xunta faga nada, os coidados non son nin os mínimos", di.
"Hai cousas que non se poden privatizar, e unha delas é o benestar das persoas dependentes e dos maiores", sinala. "Canto ti deixas isto en mans de empresas que o único que queren é gañar cartos e que cada ano recortan os servizos que ofrecen e recortan o seu persoal, chegamos a uns niveis que son homicidas, que é o que pasou nas residencias", conclúe.