Marchas cívicas reclaman unha investigación sobre as mortes nas residencias galegas e apostar polos servizos públicos

'Marcha cívica' polas rúas da Coruña © Anova

Sete manifestacións percorreron este xoves as rúas das cidades galegas, en homenaxe as vítimas do coronavirus e para reivindicar "uns servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade", denunciando o modelo actual, "ferozmente privatizado". As 'marchas cívicas', apoiadas por Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) e o Movimento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), puxeron o foco na realidade das residencias de maiores en Galicia, sobre todo na situación vivida durante a pandemia.

Nas marchas víronse carteis con mensaxes como "o privado mata", "servizos sociais 100% público", "os anciáns non son mercadoría", "vaise acabar o roubo e privatizar" ou "residencias de maiores, non almacéns"

As organizacións convocantes sinalan que "o forte exceso de mortes polo COVID-19 que houbo nas residencias, sobre todo nas de xestión privada" é "unha proba máis" da necesidade de "introducir profundos cambios no modelo de residencias actualmente existente". As entidades convocantes denuncian ademais "a vulneración de dereitos humanos e laborais, denunciadas dende hai moitos anos por familiares e traballadoras".  A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes lembra que das 24.819 prazas en residenciais existentes en Galicia, tan só un 15,7% son de xestión pública e que case un 40% son propiedade de empresas privadas con ánimo de lucro (DomusVi, Orpea, Ballesol e Sanitas, sobre todo).

'Marcha cívica' polas rúas da Coruña © Marea Atlántica

Nas marchas celebradas en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol víronse carteis con mensaxes como "o privado mata", "servizos sociais 100% públicos", "solidariedade coas vítimas do covid-19 nas residencias", "os anciáns non son mercadoría", "vaise acabar o roubo e privatizar", "máis investimento nos servizos sociais" ou "residencias de maiores, non almacéns". Todas as persoas participantes levaban máscaras de protección e buscouse manter en todo o momento unha distancia mínima de 1,5 metros entre todos os e as asistentes.

En resposta ás críticas recibidas, Núñez Feijóo defendeu este xoves o modelo de residencias de maiores de Galicia, que se pode "comparar con vantaxe" con calquera outro de España, afirmou

As críticas á situación das residencias lanzadas nestas manifestacións foron retrucadas este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que defendeu o modelo de residencias de maiores de Galicia, que se pode "comparar con vantaxe" con calquera outro de España, afirmou. Engadiu que iso non quere dicir que non se deban "mellorar as condicións dos propios edificios" ou cuestións como "a conectividade en tempo real coa historia clínica" dos usuarios cos servizos sanitarios. Núñez Feijóo destacou, así mesmo, que durante a pandemia nas residencias "traballouse con enorme profesionalidade e traballouse mesmo poñendo en risco a saúde dos traballadores que tamén nalgúns casos se contaxiaron", dixo.

Concentración na Praza de Armas de Ferrol © Ferrol en Común

As entidades convocantes reclaman que "se abra unha investigación clara e independente que evidencie o sucedido nas residencias"

Modepen e Trega destacan que "os datos que nos últimos días imos coñecendo sobre a incidencia do COVID-19 nas residencias confirman que estamos ante uns feitos de moita gravidade aos que a cidadanía debe responder para esixir responsabilidades, demandar unha investigación independente e tomar medidas claras para reverter a privatización dos últimos anos".

Ademais de lembrar a súa "solidariedade cos familiares dos falecidos", as dúas entidades reclaman que "se abra unha investigación clara e independente que evidencie o sucedido nas residencias" e esixen que se defendan "unhas condicións de traballo dignas nas residencias e en todos os servizos sociais".

Marcha na Coruña © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.