A crise do coronavirus puxo o foco sobre a situación laboral existente nas residencias de maiores e tamén sobre as condicións nas que son atendidos e atendidas os seus usuarios e usuarias. Este xoves leváronse a cabo dúas series de mobilizacións que reclaman melloras nos servizos sociais galegos, especialmente nos centros de atención á terceira idade e que chegan a unha semana das manifestacións convocadas por diversas entidades para render homenaxe ás persoas falecidas nas residencias e esixir uns servizos públicos e de calidade.
Os sindicatos reclaman o incremento de prazas públicas e de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos traballados e a transformación dos contratos de fin de semana ou inferiores a xornada completa
Ao igual que o pasado xoves, CIG, CCOO, CSIF e UGT levaron a cabo concentracións diante de todos os centros de atención directa a usuarios da Consellería de Política Social, esixindo "a devolución dos dereitos suprimidos pola Consellería no ano 2012". A pasada semana a Xunta aceptou retirar o plan que limitaba as vacacións a persoal de residencias de maiores, unha das demandas que motivaba estas mobilizacións.
Porén, os sindicatos reclaman aínda o incremento de prazas públicas e de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados e a transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores a xornada completa. As centrais sindicais esixen "unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade" e piden que se recoñeza "o traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria".
"En vez de valorar o esforzo, a dedicación e o risco asumido, a Consellería de Política Social segue mantendo os recortes nas súas condicións laborais"
Na súa protesta conxunta, os catro sindicatos denuncian que "en vez de devolverlle os dereitos arrebatados ao persoal que traballou en servizos esenciais durante a pandemia e valorar o esforzo, a dedicación e o risco asumido, a Consellería de Política Social segue mantendo os recortes nas súas condicións laborais". Advirten de que se a Consellería "se nega a recibirnos e a negociar", manterán o calendario de mobilización previsto para todo o mes de xuño, concentrándose todos os xoves diante dos centros de traballo.
A crise sanitaria "sacou á luz a precariedade das residencias de maiores"
Tamén levaron a cabo concentracións este xoves os colectivos de xubilados da CIG que se mobilizaron diante de varias residencias gaegas en demanda dun sistema de atención ás persoas maiores e á dependencia "100% público, galego e de calidade" e para esixir, ao tempo, "unhas pensións públicas dignas e garantidas". O colectivo quere pór o foco da atención "nas graves carencias asistenciais e na nefasta xestión do modelo privatizado promovido pola Xunta do PP, cuxas consecuencias quedaron en evidencia na pandemia da Covid19".
Subliñan que a crise sanitaria "sacou á luz a precariedade tanto no plano asistencial como laboral que existe nas residencias de maiores, servizos de axuda a domicilio, centros de día..."
Subliñan que a crise sanitaria "sacou á luz a precariedade tanto no plano asistencial como laboral que existe nas residencias de maiores, servizos de axuda a domicilio, centros de día..., tras anos "de recortes orzamentarios en materia de política social e de fomento dun modelo de atención que prima o lucro privado sobre o benestar e a seguridade das persoas".
A CIG, que lembra que só o 25% das prazas en residencias son de xestión pública, sinala que os datos de contaxios confirmados, o elevado número de mortes, a ausencia de protocolos homoxeneizados ou a opacidade coa que as direccións dos centros privados abordaron a emerxencia sanitaria son "mostra clara da necesidade de rachar con este modelo fomentado polo PP, baseado en engordar os beneficios dunhas poucas empresas privadas a conta de recortar en persoal, en atención, en medios e nas condicións laborais das traballadoras e dos traballadores".
Horarios das manifestacións por unhas residencias de maiores "públicas e de calidade"
Sinalan que "o forte exceso de mortes polo COVID-19 que houbo nas residencias, sobre todo nas de xestión privada" é "unha proba máis" da necesidade de "introducir profundos cambios no modelo de residencias actualmente existente"
Por outra banda, xa se coñecen os lugares e horarios das 'marchas cívicas' convocadas o vindeiro 11 de xuño pola Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes en homenaxe as vítimas da pandemia e para reivindicar "uns servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade", denunciando o modelo actual, "ferozmente privatizado en mans de empresas ou sociedades usureiras, moitas delas fondos de inversión ligados aos paraísos fiscais".
Nestas manifestacións, apoiadas por Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) e o Movimento en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), participarán familiares de usuarios das residencias de maiores, que tomarán a palabra nos actos finais.
As orgaizacións convocantes sinalan que "o forte exceso de mortes polo COVID-19 que houbo nas residencias, sobre todo nas de xestión privada" é "unha proba máis" da necesidade de "introducir profundos cambios no modelo de residencias actualmente existente".
- Vigo: ás 20:00 horas, no cruce de Rosalía de Castro con García Barbón
- Ourense: ás 20:30 horas, na Praza Maior
- Santiago: ás 20:00 horas, na Alameda
- Pontevedra: ás 12:00 horas, na Praza da Peregrina
- A Coruña: 12:00 horas, no Obelisco
- Ferrol: 12:00 horas, na Praza de Armas
- Lugo: 12:00 horas, na Praza do Concello