O TSXG acredita que residencias privadas de maiores incumprían o descanso do persoal previsto no convenio

Concentración de protesta contra DomusVi, hai uns meses © Vellez Digna

Nos últimos dous meses a pandemia de coronavirus e o gran número de contaxios e falecementos que se produciron nas residencias de maiores puxo o foco sobre as condicións laborais do persoal estas instalacións. Unha gran parte das traballadoras das residencias privadas (que son a gran maioría en Galicia) sofren unha realidade laboral de salarios reducidos, xornadas de traballo moi extensas e escaso descanso entre quendas, unha situación que se fixo evidente nas durísimas semanas que viviron coa chegada da Covid-19, pero que xa viña sendo denunciada dende había anos.

A pandemia de coronavirus e o gran número de contaxios e falecementos que se produciron nas residencias de maiores puxo o foco sobre as condicións laborais do persoal estas instalacións

"Os problemas nas residencias de maiores veñen de moi atrás e a Xunta sempre mirou para outro lado", dicía nesta entrevista Sonia Jalda, voceira de Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia). "O problema é que non cumpren o convenio do sector: róubannos nos salarios das noites, róubannos nos salarios dos domingos, róubannos nas compensacións de festivos. O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana", engadía. Unhas críticas que tamén realizaba Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, que agrupa a usuarios de residencias e as súas familias. 

A sentenza do TSXG revela que moitas residencias estaban a incumprir o descanso do persoal recollido no convenio colectivo

As denuncias sindicais fan referencia ao incumprimento do convenio colectivo do sector, en concreto de artigos coma o 38, que regula o goce dos días festivos, ou o artigo 29, que garante un descanso mínimo semanal dun día e medio (36 horas) sen interrupción. O convenio foi asinado no ano 2018 polos principais sindicatos e pola Asociación Galega de Residencias de Terceira Idade (AGARTE), e a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social (ACOLLE), demandadas polos sindicatos por incumpriren o convenio.

Concentración de protesta contra DomusVi, hai uns meses © REDE

Milleiros de traballadores e traballadoras ven recoñecido xudicialmente o dereito a un descanso mínimo de 48 horas continuadas.

CC.OO, CIG e UGT levaron esta denuncia ante a xustiza e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlles a razón nunha sentenza que declara o dereito dos traballadores e traballadoras das residencias privadas da terceira idade a gozaren de maneira real e efectiva, diferenciada e independentemente, dos descansos semanal (día e medio ininterrompidos) e diario (doce horas), sen que de ningún xeito poidan solaparse. Deste xeito, milleiros de traballadores e traballadoras ven recoñecido xudicialmente o dereito a un descanso mínimo de 48 horas continuadas. Ata agora boa parte do persoal só tiña garantido un descanso de 36 horas entre quenda e quenda.

A mesma sentenza recoñece o dereito a que os festivos traballados, en caso de que non sexan retribuídos economicamente, sexan compensados con 1,3 xornadas laborais de descanso no suposto de acumulación coas vacacións anuais ou no caso de desfrute independente ou acumulado inferior aos 12 días festivos, cumprindo así co establecido no devandito artigo 38 do convenio colectivo. 

"Todos os traballadores teñen dereito a gozar deses días de festa, e se por necesidades da empresa non poden facelo deben serlles compensados", sinala o ditame

"Todos os traballadores, sexa cal for a duración do seu contrato, teñen dereito a gozar deses días de festa, e se por necesidades da empresa non poden facelo deben serlles compensados", sinala o ditame, que lembra que "non é de recibo que sobre a base do seu propio incumprimento, se pretenda agora que a traballadora se vexa privada do seu dereito a que o descanso compensatorio coa súa porcentaxe adicional sexa ininterrompido e do seu dereito a que ese descanso se proxecte sobre a duración anual da xornada".

A "vulneración dos dereitos laborais" do persoal das residencias é un dos argumentos que motivan as marchas cívicas convocadas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegas

Os sindicatos celebran a sentenza, e CCOO subliña que "leva anos batallando polo cumprimento íntegro do artigo 38 do convenio colectivo das residencias privadas da terceira idade de Galicia", destacando que agora ve "como o alto tribunal galego lle dá a razón". Así mesmo, o sindicato critica as patronais polas "tentativas reiteradas" de suspender o xuízo, mesmo chegando a formular promesas "inconcretas" de negociar as condicións de traballo nun novo convenio.

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren a sentenza e sinala que "é unha dura derrota para as pretensións das patronais". "Cremos que non se pode demorar esta compensación, xa que os traballadores e traballadoras acumulan un enorme cansazo debido á xestión da pandemia", di o sindicato.

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren a sentenza e pide a mediación da Xunta para que as empresas cumpran co ditame xudicial

As dúas asociacións demandadas, que no proceso reclamaban unha interpretación distinta do convenio colectivo, que non foi aceptada polo tribunal, poden recorrer este ditame ante o Tribunal Supremo. No caso de que finalmente as patronais presenten recurso, "entenderiámolo como unha estratexia máis para dilatar o conflito e obstaculizar a súa resolución, prexudicando os traballadores e as traballadoras", di CC.OO., que pide a mediación da Consellaría de Política social para que o departamento autonómico "inste as empresas a executaren a sentenza".

A "vulneración dos dereitos laborais" do persoal das residencias é un dos argumentos que motivan as marchas cívicas convocadas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegas, que queren servir de homenaxe ás persoas falecidas polo coronavirus e tamén como reivindicación duns "servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade". Os colectivos convocantes lembran que estas denuncias da situación laboral foron "respondidas con desidia, inacción ou connivencia coas directivas das empresas polos órganos de inspección e vixilancia da Xunta".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.