A Federación de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias (REDE) e mais a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) preparan unha demanda colectiva contra a empresa DomusVi pola súa xestión da crise do coronavirus. A compañía, propiedade de fondos de investimento multinacionais, xestiona 18 residencias privadas e outras 12 de titularidade pública pero con xestión privatizada. Varias das residencias xestionadas por DomusVi estiveron entre as instalacións nas que se produciron máis contaxios e mortes de usuarios en Galicia.
Algunha das 30 residencias de DomusVi en Galicia tiveron as maiores cifras de infectados e mortes e dúas delas tiveron que ser intervidas pola Xunta por este motivo
Por este motivo, dúas delas (DomusVi Barreiro en Vigo e DomusVi Cangas) foron intervidas pola Xunta no marco do estado de alarma pola Covid-19. O 4 de abril, 227 dos 554 casos positivos por coronavirus rexistrados nas residencias galegas correspondían a centros desta empresa. O 18 de abril foi a xornada na que o número de usuarios e usuarias de residencias de maiores infectados e infectadas polo coronavirus acadou o seu máximo en Galicia. Ese día, os centros de DomusVi acumulaban 269 casos activos de persoas internas e 73 do seu persoal, nunha situación que afectaba sobre todo aos centros de Vigo e Cangas xa comentados, pero tamén ao de Matogrande na Coruña e a de San Lázaro en Compostela.
REDE e Acouga prevén que a demanda, que terá ámbito estatal, se presente nos vindeiros meses ante o Xulgado do Mercantil de Vigo
REDE e Acouga prevén que a demanda, que terá ámbito estatal, se presente nos vindeiros meses ante o Xulgado do Mercantil de Vigo. O obxectivo é que a demanda poida amparar "a todos os usuarios de residencias de maiores de titularidade de DomusVi e de calquera das súas filiais en todo o Estado español". Ademais, nos vindeiros días presentaranse varias denuncias penais por supostos delitos de homicidio por imprudencia e lesións por imprudencia nos centros de DomusVi Cangas, Matogrande, Barreiro e San Lázaro.
A demanda xirará ao redor do "incumprimento substancial dos contratos" entre a empresa e os e as usuarias dos centros, sinalando Acouga que estes "conteñen cláusulas abusivas
A demanda xirará ao redor do "incumprimento substancial dos contratos" entre a empresa e os e as usuarias dos centros, sinalando Acouga que estes "conteñen cláusulas abusivas". Polo tanto, a acción non se centrará só sobre as actuacións levadas a cabo dende a aparición do virus, senón tamén no funcionamento anterior destas residencias.
A demanda, advirten, podería estenderse aos responsables políticos da xestión das residencias, no caso galego a Xunta, lembrando o informe do Consello de Contas que sinalou o incumprimento das ratios de persoal nalgúns destes centros. Contas advertía neste documento que a menor ratio de persoal nas residencias de xestión privada podía "repercutir na calidade do servizo".
O Consello de Contas xa advertira de que a menor ratio de persoal nas residencias de xestión privada podía "repercutir na calidade do servizo"
Xa a mediados do pasado mes de abril ACOUGA ofreceu publicamente a súa estrutura xurídica ás persoas usuarias e familiares das residencias de maiores de Galicia "para garantir os seus dereitos e reclamar os prexuízos causados pola neglixencia do seus xestores". A entidade sinalaba que as causas da "catástrofe" que se estaba a producir estaban na carencia de equipos de protección individual, na falta de persoal nas quendas, e na ausencia de previsión da Xunta, que exerce a competencia exclusiva a respecto da súa xestión (nas públicas) e o control e inspección (das non públicas).
"Existen claras evidencias de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas", sinalan as entidades convocantes das manifestacións do día 11
As manifestacións convocadas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegas en memoria das vítimas do coronavirus e en reivindicación dun sistema público e de calidade de residencias de maiores poñen o foco na xestión realizada pola residencias privadas, que representan máis do 80% das prazas existentes en Galicia. "Existen claras evidencias ou indicios de que esa privatización xogou un papel determinante na elevada mortalidade ocorrida nas residencias galegas", sinalan as entidades convocantes, que subliñan que á vista dos datos facilitados polo Goberno galego, "a probabilidade de morte das persoas que vivían nas residencias de xestión privada foi 24 veces máis elevada da existente entre as persoas que vivían en residencias de titularidade e xestión plenamente públicas".
"Tras varios casos de infeccións, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos", denunciaba REDE en marzo
"Cando deixas o benestar dos maiores en mans de empresas ás que só lles importa gañar cartos, pasa o que pasa", dicía nesta entrevista Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE. Xa nese momento, a finais de marzo, REDE poñía o foco sobre as residencias do Grupo DomusVi e decidiu denunciar a situación ante a Fiscalía, responsabilizando á empresa da "situación neglixente e de abandono" que se vive nos seus centros. "Non se realizaron desinfeccións, nin limpezas axeitadas, nin se aplicaron medidas adicionais recomendadas por Sanidade, escusándose sempre na escaseza de persoal", sinalaba REDE, que engadía que "tras varios casos de infeccións en diversas residencias, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos".
Das caixas de aforro aos fondos de investimento multinacionais
DomusVi ten a súa orixe en Geriatros, adquirida en 2003 por Caixanova e o Banco Gallego e que pasou a ser propiedade de Novacaixagalicia despois da fusión das caixas. A entidade tamén xestionaba residencias de maiores a través de Sogaserso, unha sociedade creada dende a Xunta no ano 2006, en tempos do Goberno da coalición de PSdeG e BNG, pero que o PP en 2010 deixou en mans das caixas de aforros.
En 2012, dentro das vendas de participacións en empresas no marco do seu rescate, Novagalicia Banco vendeu Geriatros ao fondo de investimento portugués Magnum Capital, que á súa vez o vendeu despois ao francés PAI Partners. En 2017 Geriatros adoptou DomusVi como marca. Iso si, en todo este proceso a compañía sempre estivo dirixida pola mesma persoa, Josefina Fernández, na actualidade conselleira delegada, que se incorporou a Geriatros no ano 2000.