O ritmo de positivos da COVID-19 frea malia seguir por riba dos 200 diarios e o Sergas suma outras tres mortes

Toma de mostras para a realización de probas PCR, nunha imaxe divulgada polo Goberno de Navarra CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

O ritmo dos novos positivos computados diariamente polo Servizo Galego de Saúde experimenta unha tímida moderación nos últimos días. Segue, non obstante, por riba dos 200 diarios. Os datos divulgados este 7 de setembro pola Xunta -que segue sen ofrecer o número diario de casos directamente- permiten calcular que nas últimas vinte e catro horas foron rexistrados 214 novos positivos. 

Dúas das tres persoas falecidas nas últimas horas vivían en residencias de maiores da provincia de Lugo

Mentres, Sanidade computa outros tres falecementos que elevan o total ata 662. Trátase dunha muller de 89 anos que vivía na residencia DomusVi de Outeiro de Rei e dun home de 88 que residira no centro da Fundación San Rosendo no Incio, ambos ingresados no hospital Lucus Augusti, e dun home de 90 anos que permanecía hospitalizado en Santiago.

As cifras das últimas horas permiten que a media semanal de casos diarios continúe a trazar unha lixeira liña descendente tras achegarse aos 275 entre os últimos días de agosto e o comezo de setembro. Este indicador está agora en 249 novos positivos ao día na última semana nunha xornada xa afectada polo habitual efecto fin de semana no número de probas PCR, que non obstante segue nos maiores niveis dende o inicio da pandemia.

Os datos ofrecidos este luns, correspondentes ao domingo, indican que o Sergas procesou nesa xornada 3.383 probas PCR, case 1.600 menos que o día anterior para un total de 367.340. Isto supón que os 214 casos novos rexistrados equivalen ao 6,33% das probas PCR realizadas. 

A Organización Mundial da Saúde sitúa no 5% o limiar de positividade para dar por controlada a epidemia nun territorio. Cómpre, non obstante, manexar este indicador con cautela, toda vez que cada paciente pode requirir máis dunha proba e o Sergas tampouco fai públicos os datos do número de pacientes que pasaron por algún test nin especifica se os novos positivos son todos do último día ou hai algún de xornadas previas.

Máis de dúas semanas coa hospitalización á alza

Os 4.243 "positivos activos" e os arredor de 250 novos positivos diarios por COVID-19 son valores semellantes aos rexistrados en Galicia o pasado abril, aínda coas medidas de confinamento en vigor. Non o son, non obstante, as cifras de hospitalización malia levar dúas semanas á alza. 

As persoas ingresadas volven ser máis de duascentas e 21 delas están na UCI, catro máis que un día antes

Mentres que o pasado abril as persoas con test positivo ingresadas nos hospitais galegos se achegaban ás 600 -máis de 70, na UCI-, na actualidade son, polo momento, 215. Delas, 21 están en unidades de coidados intensivos -catro máis que un día antes- e as restantes 194, en unidades ordinarias de hospitalización.

Malia estar lonxe dos que ata agora foron peores momentos da pandemia no país, a tendencia é negativa. O número de persoas hospitalizadas duplicouse amplamente dende finais de agosto e contrasta radicalmente co que acontecía a principios de xullo, cando chegaron a quedar só tres persoas ingresadas con test positivo polo coronavirus.

Maior aumento de "activos" en Ourense

O Sergas segue sen publicar os datos de novos casos nin a información detallada da pandemia por comarcas ou concellos

Dado que o Sergas segue optando por non publicar os datos de novos casos nin a información detallada da pandemia por comarcas ou concellos, o maior detalle territorial dos partes xerais da Consellería de Sanidade continúa a ser o do número de "positivos activos" por áreas sanitarias. A maior cifra total continúa na área sanitaria da Coruña-Cee, con 10 "activos" máis na última xornada, na que acumula ata 61 casos novos -é posible sabelo porque fontes da área sanitaria especifican que foron dadas 51 altas-.

Nas outras áreas nas que Sanidade mantén restricións reforzadas para frear os contaxios, dúas delas (Lugo e Santiago), semellan seguir moderando o crecemento das súas curvas mentres a de Ourense aumenta notablemente, con 30 "activos" máis, en boa parte a causa de tres novos brotes detectados. Dous están na capital da provincia e un en Verín e en total suman 11 casos, segundo fontes sanitarias citadas por La Región. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.