As residencias seguen sumando novos positivos de coronavirus, con 165 casos activos en 5 centros de toda Galicia

Continúan a aumentar a hospitalización de casos e os novos positivos en residencias CC-BY-SA Praza Pública

Aparecen os primeiros casos nun centro de discapacidade, en Oleiros, e xa son 11 as persoas falecidas no último mes que vivían en centros de maiores, nunha xornada na que seguen a estabilizarse os novos casos pero empeora a hospitalización

Dous usuarios da residencia de atención á discapacidade Ricardo Baro de Aspronaga en Oleiros veñen de dar positivo en coronavirus, os primeiros nese tipo de centros que se suman ao diario aumento de casos entre persoas residentes en centros de maiores, cun novo caso comunicado pola Xunta este mércores na residencia DomusVi de Lalín. En total, son xa 165 os casos activos entre persoas usuarias de cinco residencias de toda Galicia: 87 na da Fundación San Rosendo do Incio, 39 na DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, 33 na Orpea Coruña de Culleredo, 4 na DomusVi de Lalín e 2 na de discapacidade de Oleiros.

Once persoas usuarias de centros de maiores morreron no último mes, 285 desde o comezo da pandemia

Estas cifras actuais non teñen en conta as persoas que resultaron contaxiadas neses centros e xa faleceron, 11 desde comezos do mes de agosto (3 nas propias residencias e 8 tras ser trasladadas a hospitais), case unha terceira parte dos 29 falecementos totais rexistrados no último mes en toda Galicia (4 deles na última xornada). Con estas novas mortes, desde o comezo da pandemia son 285 as rexistradas entre persoas usuarias de residencias.

Na Coruña o maior número de altas que de novos casos fai que por primeira vez desde o comezo do brote baixe o número de casos activos, 1.387

Canto ao global de novos casos, na última xornada son 217 os comunicados pola Xunta, co que xa son tres os días consecutivos con menos de 300 tras outros tantos días consecutivos durante a pasada fin de semana con máis desa cifra. A moderación no aumento dos novos casos tamén se percibe na área da Coruña, con só 43 na última xornada, cando o maior número de altas, 57, ás que hai que sumar un falecemento, permitiu que por primeira vez desde o comezo do brote se reduza a cifra de casos activos, que pasa de 1.403 a 1.387.

Canto ao resto de áreas, Lugo, con 786 casos activos e Santiago con 644 seguen medrando moi distanciadas de Vigo e Pontevedra, con 269 e 250 respectivamente.

As persoas hospitalizadas pasaron de 124 a 156 en dous días, cun aumento do 15% este martes e do 9% este mércores

No tipo de atención que reciben as persoas afectadas, redúcese o de aquelas que precisan UCI, que baixa de 17 a 14 (hai que ter en conta que na última xornada se rexistraron 4 falecementos), pero volve medrar significativamente, cun 9%, o das persoas hospitalizadas en planta, que pasa de 143 a 156, tras aumentar outro 15% tamén o día anterior desde as 124 de hai só dous días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.