Galicia remata agosto cunha incidencia acumulada do coronavirus nas dúas últimas semanas peor que noutras catro comunidades

CC-BY-SA Foto: NIAID | Montaxe: Praza Pública

Cando rematou xullo só dúas comunidades presentaban mellores cifras, pero agora outras dúas pasan por diante

Cando rematou o mes de xullo Galicia presentaba unha incidencia acumulada de novos diagnósticos de coronavirus nos anteriores 14 días de 8,15 por cada 100.000 habitantes, o que a situaba como a terceira comunidade autónoma cunha cifra máis baixa, só adiantada por Canarias, con (6,87), e Asturias (7,24), segundo os datos do Ministerio de Sanidad. Agora Galicia remata o mes de agosto, segundo os mesmos datos feitos públicos na tarde deste luns, como a quinta mellor comunidade, adiantada xa por catro, cunha incidencia de 123,17.

Segundo os datos do ministerio, a incidencia acumulada nos últimos 14 días é en Galicia de 123,17, cun total de 3.325 casos diagnosticados nas dúas últimas semanas, cifra que contrasta coa de hai un mes, cando a incidencia era do antedito 8,15 e o total de casos nas dúas semanas anteriores fora de 220.

Se hai un mes as cifras de Galicia só as melloraban Canarias e Asturias, agora, tras un notable empeoramento da situación nas illas, a incidencia é menor en Asturias (45,27), Andalucía (102,64), Estremadura (106,58) e Comunitat Valenciana (114,79). As cifras de calquera destas comunidades están moi afastadas da media estatal, de 205,53, e da cifra que rexistra Madrid, de 464,61.

Os datos do Ministerio de Sanidad sinalan que 129 persoas tiveron que ser hospitalizadas nos últimos 7 días

Os últimos datos oficiais divulgados polo ministerio na tarde deste luns tamén permiten precisar algúns aspectos que as notas de prensa que divulga a Xunta non ofrecen. O Goberno galego vén ofrecendo fotos fixas, de casos activos cada día e de persoas hospitalizadas nesa mesma xornada, pero igual que non indica cantos novos casos se diagnostican, como si fai coas altas, tampouco sinala cantos novos ingresos se producen nos hospitais, senón só o número de camas ocupadas en cada momento (124 en planta e 17 en UCI, segundo o parte deste mesmos luns). Segundo o ministerio, na última semana foron 129 os casos de coronavirus que precisaron hospitalización en Galicia, e nese mesmo período foron 11 os que ingresaron en UCI. Nas 24 horas anteriores ao último parte do ministerio foran 17 os ingresos hospitalarios e 7 as altas, segundo Sanidad. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.