Dez días despois de ser intervida pola Xunta, a residencia do Incio segue a sumar positivos entre maiores e traballadores mentres o global do país sumou desde o venres preto de 900 novos casos
Oito novos falecementos, para un total de 643 desde o comezo da pandemia, é a cifra que deixa o balance do impacto do coronavirus en Galicia durante a fin de semana. Así o reflicten os datos oficiais divulgados pola Xunta este luns cando se comparan cos do pasado venres, período no que se sumaron preto de 900 novos casos positivos para un total de 3.640 persoas que o Sergas considera que teñen o virus activo en Galicia. Ademais, durante a fin de semana seguiron a rexistrarse novos positivos entre persoas maiores e traballadores de residencias nas que hai días que se detectaron os primeiros casos.
As persoas hospitalizadas pasaron das 112 comunicadas o venres ás 141 deste luns, das que 17 están na UCI e 124 en planta, a metade na área da Coruña
A maioría das persoas afectadas, preto de 3.500, están a seguimento nas súas casas, pero durante a fin de semana as persoas hospitalizadas pasaron das 112 que o Sergas comunicaba o venres a 141 este luns (17 en UCI e 124 en planta), case a metade, 68 (6 en UCI), na área sanitaria da Coruña. Por outra banda, tras varios días con cifras superiores ás 4.000, e mesmo un récord o sábado de 5.059 probas PCR comunicadas nunha soa xornada, a anterior, este luns o Sergas informa de só 3.751 probas na xornada anterior, un descenso habitual durante as fins de semana.
Nas últimas semanas hai varias residencias nas que non se logrou conter o virus unha vez que un traballador deu positivo, a diferenza do que si sucedera noutros casos anteriores
No caso das residencias, tras lograr reducir a cero todos os casos da primeira vaga tanto entre persoas residentes como entre o persoal, varias delas (en Xove, ou Matogrande na Coruña) rexistraron en xullo ou agosto algún caso puntual entre o persoal que mesmo afectou a residentes (tres maiores en Matogrande). Foron brotes que se controlaron sen que os contaxios fosen a máis, pero nas últimas semanas hai varias residencias nas que non se logrou conter o virus unha vez que un traballador deu positivo.
É o caso da residencia Orpea Coruña de Culleredo, onde o 15 de agosto a Xunta informou dun primeiro empregado positivo, o 17 de agosto eran oito as persoas residentes positivas e un día máis tarde esa cifra aumentaba a 11. Nesa cifra permaneceu estancado o centro durante dez días, ata o pasado venres, pero o sábado a Xunta aumentaba a 13 o número de positivos entre os residentes e o domingo a un total de 29.
O mesmo ocorre coa residencia do Incio na que o mércores 19 de agosto a Xunta informaba da detección un día antes dun caso de positivo por coronavirus entre o persoal do centro, rexentado pola Fundación San Rosendo. Un día despois, o xoves, comunicábase ao mediodía o positivo de 65 persoas residentes e pola tarde a intervención da residencia por parte da Xunta, que ao día seguinte corrixía por un “erro” o número de casos entre os residentes rebaixándoos a 57, ademais de 8 traballadores. E coa residencia intervida pola Xunta desde o xoves pola tarde, cinco días despois, o pasado martes, segundo os datos divulgados polo Sergas o mércores, sumábanse 31 casos positivos máis entre as persoas usuarias, para un total de 87 residentes e 26 traballadores e traballadoras. Este domingo os usuarios con coronavirus comunicados pola Xunta eran 90 pero este luns malia informarse dun novo caso entre residentes, a cifra total de activos nese centro baixaba a 89 por novos falecementos, media ducia nas dúas últimas semanas.
Hai outra residencia, a DomusVi de Outeiro de Rei, na que tamén está a haber un progresivo aumento de casos. O venres 28 a Xunta informaba de dous primeiros casos entre o persoal e o domingo xa eran 18 os residentes e 5 os traballadores contaxiados. Aos datos desas tres residencias hai que engadir outros dous residentes con coronavirus no centro DomusVi de Lalín que suman así un total de 138 usuarios positivos en catro centros no listado facilitado este luns pola Consellería de Política Social, mentres que entre o persoal son 50 os traballadores e traballadoras aos que se detectou o virus nun total de 13 residencias de maiores. Pola súa banda, nas residencias de discapacidade hai só tres traballadores afectados, en centros da Estrada, Oleiros e Ourense, e ningún residente.
As áreas de Lugo e Santiago seguen con acusados ritmos de incremento mentres Vigo e Ferrol son as que presentan unhas curvas máis aplanadas
Canto ás areas sanitarias, na da Coruña o aumento das altas a medida que pasan máis días desde o comezo do brote, 72 comunicadas este luns, fai que o número de casos positivos activos modere o seu crecemento. Por detrás, as áreas de Lugo e Santiago seguen con acusados ritmos de incremento mentres Vigo e Ferrol son as que presentan unhas curvas máis aplanadas.