Un hospital de Santander e dous de Madrid acollerán, xunto con centros de Alemaña e Bélxica, a segunda fase de ensaio clínico da denominada Ad26.COV2.S tras unha primeira fase nos Estados Unidos
Chámase Ad26.COV2.S e será a primeira vacina contra a COVID-19 que o Goberno central autoriza probar en persoas, nun hospital de Santander e dous de Madrid. Así o anunciou este venres o ministro de Sanidad, Salvador Illa, quen indicou que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps) autorizou, tras unha primeira fase en Estado Unidos e Bélxica, a proba en España do fármaco nunha segunda fase que tamén se desenvolverá en Alemaña e Bélxica.
Se a primeira fase se realizou en 1.045 persoas, a segunda acadará 550, das que 190 persoas (voluntarios sen doenzas divididos nun grupo de 18 a 55 anos e outro de máis de 65 anos), serán estudados no hospital de Valdecilla en Santander e nos da Paz e a Princesa en Madrid. "Haberá unha fase tres no ensaio clínico antes de lograr unha aprobación para a súa comercialización", avanzou Illa, segundo informa eldiario.es
"Aquí hai que valorar facelo todo o máis rápido posible pero con seguridade. Estamos a falar de polo menos un mes, ou dalgúns meses", di Illa
A intención do ensaio clínico da vacina que está a desenvolver a compañía Janssen (de Johnson & Johnson) é comezar "de forma inmediata", segundo Illa, que non quixo aventurar ningún prazo para coñecer os primeiros resultados do estudo: "Aquí hai que valorar facelo todo o máis rápido posible pero con seguridade. Estamos a falar de polo menos un mes, ou dalgúns meses".
Segundo o ministerio, a vacina “está baseada nunha tecnoloxía solidamente documentada e está baseada nun adenovirus recombinante non replicativo para xerar unha resposta inmunolóxica fronte a unha das proteínas do coronavirus coñecida como proteína S (de spike)", espiga en galego.
Sanidad sinala que a axencia do medicamento “mantén contacto con diferentes compañías que propuxeron a inclusión de centros españois nos seus ensaios clínicos para contribuír ao esforzo global na procura da vacina contra a COVID-19”.