Son moitos os grupos de investigación que nestes momentos traballan buscando unha vacina para o coronavirus. Varios deles son galegos e un deles, o dirixido polo profesor da USC José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Compostela, vén de dar un importante paso adiante nese proceso. A Comisión Europea vén de concederlle un importante financiamento específico para a realización de probas preclínicas "moi completas" en animais de experimentación.
A Comisión Europea vén de concederlle un importante financiamento específico para a realización de probas preclínicas "moi completas" en animais de experimentación
Se os resultados destas probas en animais son satisfactorias, a vacina na que traballa o grupo galego estaría lista para pasar á fase clínica de ensaios en seres humanos. O apoio da Comisión Europea únese ao financiamento privado obtido do Banco Santander. "Agora temos todos os medios necesarios para demostrar se a nosa vacina vai ser válida e merece a pena levala a un ensaio clínico", destaca José Martínez Costas en conversa con Praza.gal.
"O obxectivo final é obter unha vacina efectiva e segura", engade. Pero antes a técnica na que traballan deberá pasar un estudo "moi completo" en animais, probas que se realizarán no Centro de Investigación en Sanidade Animal do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (CISA-INIA) e no centro alemán especializado en investigación de infeccións HZI.
Microesferas para producir vacinas de forma máis rápida e máis doada
Se os resultados destas probas en animais son satisfactorias, a vacina na que traballa o grupo galego estaría lista para pasar á fase clínica de ensaios en seres humanos
O equipo galego traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolvida no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo e que permite producir vacinas contra calquera patóxeno.
"Descubrimos unha proteína que fai unhas inclusións ordenadas dentro da célula e modificámola para que faga esferas, esferas proteicas. Deste xeito, agora podemos facer que se produzan estas esferas dentro de calquera célula e tamén podemos facer que a propia célula meta dentro destas esferas calquera proteína que a nós nos interese. E neste caso ímolas cargar con epítopos de coronavirus", explica Martínez Costas. Durante estes meses, “fixemos varias versións das microesferas. Agora imos caracterizalas utilizando soros de pacientes que nos foron cedidos dende o HULA”, engade.
O profesor Martínez Costas destaca que as vantaxes que presenta esta técnica é que é "moi simple, moi doada de facer, moi rápida e moi barata"
"Esta metodoloxía ten un montón de aplicacións diferentes e unha delas é a produción de vacinas. Co grupo do doutor Javier Ortego do CISA hai tempo que ensaiamos se isto se podería aplicar en vacinas contra o virus da lingua azul e a peste equina africana e funcionaron moi ben en modelos animais. E temos tamén un ensaio nun modelo de cancro de rato que tamén funcionou moi ben. Agora queremos comprobar se, ao igual que funciona contra eses virus, funciona tamén contra o coronavirus", engade.
O profesor Martínez Costas destaca que as vantaxes que presenta esta técnica é que é "moi simple, moi doada de facer, moi rápida e moi barata". "As esferas son moi estables, pódense conservar sen ningún problema e, ademais, a priori son moi seguras, porque non teñen nin xenoma nin ningún tipo de organismo vivo, nin nada. Son pura proteína", salienta. "Ademais, purifícanse moi facilmente e as propias esferas teñen capacidade de estimulación do sistema inmune, non hai que engadirlles ningún tipo de inmunoestimulantes, que nalgún caso poden ser tóxicos", engade.
A aposta pola ciencia
Hai unha unha carreira por acadar a vacina ou prima a colaboración entre a comunidade científica? "Debería primar a colaboración. Pero polo medio hai empresas con moito diñeiro investido e elas si que están nunha carreira brutal"
Neste momento, científicos de todo o planeta traballan de forma acelerada buscando unha vacina contra o coronavirus. É máis unha carreira ou prima a colaboración entre a comunidade científica para chegar a ese obxectivo común? "Debería primar a colaboración" -di Martínez Costas- "pero polo medio hai moitas empresas con moito diñeiro investido e elas si que están nunha carreira brutal". "Nós si que estamos en contacto con varios equipos españois que están traballando na vacina e tamén con algún doutros países. Colaborar é moi bo, está claro", subliña.
Unha das preguntas que nestes días os científicos que traballan nestas investigacións é a de "canto falta para chegar a ter unha vacina efectiva e segura". "É imposible de dicir", destaca Martínez Costas. "En condicións normais estes son uns procesos moi longos, que levan moitos anos. Agora, coa situación de emerxencia na que estamos os tempos estanse acurtando moitísimo, mesmo saltándose algún paso que antes non se podería saltar. Pero aínda así non se pode saber cando poderán chegar ao público as vacinas que se están producindo".
O sistema de investigación español "está moi infrafinanciado, abonda con facer unha comparación cos países da nosa contorna"
Esta crise puxo ao descuberto as eivas do sistema de investigación en España e puxo o foco sobre a importancia da investigación. Servirá para que nos vindeiros anos a administración teña máis en conta este sector e mellore o seu financiamento e recursos? Martínez Costas concorda en que o sistema de investigación español "está moi infrafinanciado, abonda con facer unha comparación cos países da nosa contorna". Porén, non é optimista con respecto a que isto mude nun futuro inmediato: "no medio desta situación parece que todo o mundo está moi concienciado, pero eu ata que non o vexa non o crerei". "Dubido moito que a situación cambie moito unha vez que pase esta crise. Ogallá sexa así, pero dubídoo moito", conclúe.