Xosé María Castro Tubío dirixe no CiMUS da USC o grupo de investigación Xenomas e Enfermidade. No mes de febreiro, apenas unhas semanas de que a crise do coronavirus chegase a Europa, o equipo foi noticia en todo o mundo pola publicación de tres artigos en prestixiosas revistas científicas que supuxeron un grande avance para a investigación de tratamentos contra o cancro.
A secuenciación do xenoma do virus permite coñecer que cepas do coronavirus están a afectar a Galicia, a súa orixe e tamen a súa perigosidade. E, posteriormente, permitirá "monitorizar", tendo unha "visión en tempo real" de como evoluciona
A irrupción da Covid-19 mudou todo e paralizou esa investigación, pero o equipo de Tubío non quedou parado, senón que aplicou o seu coñecemento sobre os xenomas e a súa capacidade para analizar grandes cantidades de datos xenómicos para tentar saber máis sobre o coronavirus. Empregando os seus propios recursos -procedentes dunha importante axuda do Consello Europeo de Investigación-, comezou a secuenciar xenomas de coronavirus presentes en pacientes galegos, ata obter datos precisos sobre 14 deles, unha cifra que continurá medrando.
Esta secuenciación permite coñecer, en primeiro lugar, que cepas do coronavirus están a afectar a Galicia, a súa orixe e tamen a súa perigosidade. E, posteriormente, permitirá "monitorizar", tendo unha "visión en tempo real" de como evoluciona. Importantes datos que poden guiar as políticas públicas que se aplican en cada momento para loitar contra a enfermidade ou que poden axudar no proceso de desenvolvemento dunha vacina eficaz contra o virus.
Fai un chamamento aos distintos Gobernos a facer unha aposta de futuro polo avance da investigación
O grupo quere poñer os datos que vaia obtendo a disposición de toda a comunidade científica, de forma aberta, para traballar de forma colaborativa na loita contra o coronavirus. Ademais, ao igual que outros investigadores, fai un chamamento aos distintos Gobernos a emprestar un apoio máis decidido aos grupos e centros que traballan neste campo, chamando a fuxir de visións curtopracistas e a facer unha aposta de futuro polo avance da investigación.
En que fase se atopa a investigación? Cando se poderán coñecer as primeiras conclusións?
A finais desta semana faremos públicos os primeiros resultados. De momento, identificamos dúas cepas presentes en Galicia na análise dos 8 primeiros xenomas. E desas dúas cepas, unha delas aparece con moita maior frecuencia que a outra, e resulta que no resto de España a frecuencia é inversa: a menos frecuente en Galicia é a máis frecuente alí. Pode que os resultados definitivos dos 14 xenomas, que teremos nuns días, nos dean algunha cepa máis ou que equilibre os resultados entre esas dúas cepas.
"Imos poder monitorizar o virus, imos ter unha visión en tempo real de como está evolucionando a Covid e isto vainos dar moita confianza. Vainos permitir estar moito máis preparados cando chegue un novo pico"
Por que é importante secuenciar o xenoma do coronavirus? Que información nos proporciona?
Afondar no coñecemento do virus é importante porque non todas as cepas son igual de infecciosas e perigosas. Nós queremos identificar, en primeiro lugar, que cepas son as que temos aquí. E, despois, queremos identificar aquelas cepas que son máis patoxénicas, coa intención de facer un seguimento, monitorizando como van cambiando as distintas cepas e como se estenden.
Temos o dato de que nas últimas semanas baixou a taxa de infección, pero temos que ver se esa baixada se deu en todas as cepas. Imos poder monitorizar o virus, imos ter unha visión en tempo real de como está evolucionando a Covid e isto vainos dar moita confianza. Vainos permitir estar moito máis preparados cando chegue un novo pico.
Esta información vai axudar ao Goberno a tomar decisións da maneira máis correcta e máis efectiva, con datos científicos enriba da mesa, que era algo do que nos queixabamos ata agora, de que nos faltaba información. E agora que temos esa información paréceme que o máis normal sería que o Goberno se interesase por ela.
"O máis complicado foi poñer a punto a tecnoloxía para poder secuenciar o xenoma do virus. Non podemos levar a cabo un estudo prolongado no tempo sen máis financiamento"
De feito, o outro día fixeches un chamamento a través de twitter a Núñez Feijóo. Que necesitades do Goberno galego, e que podedes ofrecer?
Tiven a oportunidade de falar con Feijóo cando presentamos a nosa investigación sobre o cancro e emprazoume a falar máis adiante. E creo que sería positivo, xa non unha reunión física, pero cando menos unha chamada para presentarlle os datos que temos e ofrecerlle a nosa axuda, condicionada a ter financiamento adicional, porque nós non podemos continuar cun estudo que estamos pagando cos nosos propios medios.
O máis complicado foi poñer a punto a tecnoloxía para poder secuenciar o xenoma do virus. Non é algo doado e, de feito, somos os únicos en Galicia que o fixemos e no resto de España debe haber só un ou dous grupos que están facendo o mesmo. Non podemos levar a cabo un estudo prolongado no tempo sen máis financiamento.
É importante continuar, entón?
Demos un paso moi importante secuenciando estes xenomas e creo que sería aínda máis importante continuar co estudo, cando menos ata o remate deste ano. Continuar sería moi importante porque cando chegue un segundo pico, que se espera para outubro, este estudo podería achegar unha información moi importante para combatelo.
"Desgraciadamente en España temos unha mentalidade moi curtopracista para as cousas importantes, comezando pola investigación"
A crise do coronavirus amosou a importancia da investigación e, ao tempo, revelou as debilidades que Galicia e España teñen neste campo?
Hai xente que di que a experiencia destes meses e o feito de que se demostrase a importancia capital da investigación vai axudar a que no futuro se melloren as condicións coas que contamos en Galicia e en España. Eu non son optimista e creo que a cousa vai seguir máis ou menos igual. Porque desgraciadamente en España temos unha mentalidade moi curtopracista para as cousas importantes, comezando pola investigación. E falo en primeira persoa, inclúome, porque creo que iso non é só un problema político, senón que é un problema social. A sociedade sabe da importancia da investigación, agora mesmo os investigadores somos probablemente a segunda profesión máis valorada, despois do persoal sanitario, pero cando realmente hai que facer unha aposta pola investigación, iso non se concreta en decisións. Creo que aínda imos levar unhas cantas hostias antes de decatarnos da importancia da investigación.
E si que creo que todo o que pasou nos últimos meses destapou as debilidades do sistema de investigación. Mentres outros países sacaron financiamentos extraordinarios de centos de millóns de euros, en España a achega foi de 30 millóns de euros, que é unha cantidade moi insuficiente. Nós somos un grupo moi valorado, que acadou grandes resultados e non se nos tivo en conta; tivemos que impulsar este estudo con fondos propios.
"O problema de Galicia non son as ideas, senón que son os recursos, o financiamento; necesitamos cartos para poder competir en igualdade de condicións cos grupos doutros países"
En Galicia pódese facer investigación de primeiro nivel? Temos que quitar da cabeza a idea de que somos un recuncho na periferia no que certas cousas non son posibles?
En Galicia temos grupos de investigación moi potentes, que fan estudos importantes e que realizan publicacións moi valoradas cada ano. Os Gobernos deberían apoiarnos para facer investigación de maior nivel. O problema de Galicia non son as ideas, senón que son os recursos, o financiamento; necesitamos cartos para poder competir en igualdade de condicións cos grupos doutros países. É un problema que vén de vello, pois xa Ramón y Cajal o denunciaba.
Os Gobernos e a sociedade no seu conxunto teñen que darse conta de que investir en investigación vai repercutir moi positivamente en todo e vai axudar a que a sociedade avance. E vainos dar, ademais, independencia, facendo que non dependamos doutros países. Un dos motivos polos que tardamos tanto tempo en secuenciar os xenomas destas cepas do virus foi porque desgraciadamente a maior parte das empresas fabricantes de reactivos están noutros países, en Alemaña ou nos Estados Unidos. E cando chegou a crise, o que fixeron estes países foi pechar as fronteiras e reservar estes reactivos para o consumo propio dos seus propio grupos.
"O feito de que se freasen as investigacións noutros campos vai ter repercusións invisibles"
En febreiro fostes noticia polos avances que acadastes na investigación do cancro? O coronavirus fixo que se paralizasen o resto de investigacións? Que efecto pode ter isto?
O certo é que a chegada do coronavirus forzou a paralización de toda a investigación, comezando polo feito de que pecharon os propios centros de investigación que non estivesen traballando sobre o virus. Penso que non foi unha decisión correcta. O feito de que se freasen as investigacións noutros campos vai ter repercusións invisibles. Todos os anos morre moita xente de cancro, e esta paralización vai atrasar moitos descubrimentos que poderían reducir esas mortes. Hai investigacións que non se poden deter e retomar tres meses despois sen máis, é máis complexo. E penso que ao final o coronavirus vai causar máis mortes indirectas polo feito de pausar investigacións que as mortes que provocou ou vai provocar directamente. Creo que deberíamos aprender para a próxima vez que teñamos unha crise deste tipo: hai actividades que non se poden deter, sobre todo aquelas que precisamente están traballando para salvar a vida da xente.
"Os nosos datos van servir, por exemplo, a todos os grupos que están traballando sobre vacinas. Pensa que é importante saber como afecta unha determinada vacina a cada cepa"
Tamén fixeches un chamamento á comunidade científica para "colaborar", ofrecendo os datos que obtiverades nas vosas investigacións. Como foi a resposta?
Os científicos somos persoas e, como en calquera colectivo, hai de todo, e tamén hai algún sector do que eu chamo perro del hortelano, que non quere colaborar, pero é un sector minoritario. O certo é que quedei abraiado coa cantidade de mensaxes, solicitudes e ofrecementos de colaboración que recibimos, e de feito non puiden nin sequera responder a todas, e pido perdón por iso. Moita xente alegrouse de que désemos este paso para investigar o virus, porque os nosos datos van servir, por exemplo, a todos os grupos que están traballando sobre vacinas. Pensa que é importante saber como afecta unha determinada vacina a cada cepa ou, por exemplo, como varía para cada cepa a capacidade de detección do virus que ten cada test. Nós estamos achegando o noso gran de area.