Dende hai case dous meses estamos instalados nunha nova fase da pandemia de Covid-19, a da nova normalidade, con perigos e limitacións que probablemente nos van acompañar aínda unha boa tempada. O verán está xa sendo caracterizado pola sucesión de rebrotes, de maior ou menor importancia, e todo indica que os contaxios de coronavirus se incrementarán moito a partir de setembro.
Neste novo tempo xorden novas preguntas e dúbidas sobre a epidemia, os riscos actuais e as posibles medidas que se deben adoptar, cuestións ás que tentamos dar resposta falando con dous dos expertos galegos máis recoñecidos na materia. Falamos con Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago e con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá.
1- Os brotes que estamos tendo en Galicia e no resto do Estado entran dentro do que era esperable ou están sendo máis importantes do previsto?
Francisco Caamaño: "Esta nova normalidade é unha situación de grande inestabilidade. Temos que estar nunha alerta permanente"
Juan Gestal: O que se pensaba que podía ocorrer era a aparición dalgúns brotes como consecuencia da maior mobilidade da poboación, pero non o que estamos vendo, como consecuencia en moitos casos de incumprimentos por parte dalgúns colectivos que parece que esqueceron os 300.000 casos e mais de 40.000 mortes que produciu ata o momento a enfermidade, e que a pandemia aínda non rematou.
Francisco Caamaño: O que estamos vendo ata agora en Galicia entra dentro da normalidade dos brotes, non estamos ante nada que non fora previsible. Isto era o previsto, o que non quere dicir que non teña que preocuparnos, porque o previsto era esta situación de risco permanente con posibilidades de que se nos vaia das mans en calquera momento e nesta situación imos vivir nos próximos meses. Puxemos en marcha medidas de control moi estritas para conter unha transmisión comunitaria que existía, conseguimos contela e puidemos regresar a unha nova normalidade, pero esta nova normalidade é unha situación de grande inestabilidade. Temos que estar nunha alerta permanente.
2- Estamos tendo unha excesiva relaxación ante o virus, descoidando agora no verán as medidas de prevención que si cumprimos entre abril e xuño? A mocidade debe ser especialmente responsable nestes momentos?
Juan Gestal: "un terzo dos casos actuais estanse a producir en persoas entre 15 e 30 anos. É importante que este colectivo se conciencie e adopte condutas que non poñan en risco a súa saúde e a de todos"
Juan Gestal: Si, está habendo relaxación e incumprimentos, pero só por unha pequena parte da sociedade, pois a gran maioría cumpre coas normas de prevención. Estes días pasados publicábase que un terzo dos casos actuais estanse a producir en persoas entre 15 e 30 anos. Si, é importante que este colectivo se conciencie e adopte condutas que non poñan en risco a súa saúde e a de todos.
Francisco Caamaño: É o momento de trasladar á poboación esa actitude social que temos que ter cos demais. Igual que temos interiorizado o 'se bebes, non conduzas', temos que interiorizar isto: debo de ir tapado, debo manter as mans limpas e debo distanciarme dos demais máis du metro porque non sei se estou contaxiado ou non. Creo que non se nos pide tanto.
3- Como se están a controlar os brotes en Galicia e no resto de España? O rastrexo de contactos está sendo o suficiente ou deberíase incidir máis neste aspecto, con máis rastrexadores?
Juan Gestal: "Na contratación de rastrexadores é preferible pasarse que quedar curtos, pois os aforros que se fagan nisto pagaranse con creces se temos que volver a confinarnos"
Juan Gestal: O diagnóstico precoz dos casos e o rastrexo dos seus contactos realizando moitos test é fundamental para o control dos brotes. Non existe un criterio sobre cal debe ser o número adecuado de rastrexadores. Eu coido que é aquel que permita localizar no menor tempo posible e seguir ao maior número de contactos dos casos, a maioría sen síntomas ou leves, que se non se diagnostican e poñen en corentena pronto seguirán difundindo a enfermidade. Na contratación de rastrexadores é preferible pasarse que quedar curtos, pois os aforros que se fagan nisto pagaranse con creces se temos que volver a confinarnos. Tamén e importante poñer en funcionamento canto antes as app nos móbiles que axuden a unha localización mais exhaustiva dos contactos.
Francisco Caamaño: É mellorable. Dáme a sensación que o número de rastrexadores segue sendo insuficiente. Non hai unha cifra exacta, pero deberíamos ter cando menos un rastrexador por cada 4.000 ou 5.000 habitantes, máis ou menos como ten Alemaña. Pero aquí aínda estamos moi moi por debaixo desa cifra en case todas as comunidades autónomas. Especialmente importante é o caso de Madrid, pola súa dimensión e polo que representa como nodo de comunicacións e o impacto que podería ter no resto de España, e alí o número de rastrexadores é especialmente baixo. Setembro é clave e agora é o momento de poñer as pilas con este tema.
4- Un dos principais factores de risco nestes momentos semellan ser os locais de ocio nocturno. Debería limitarse aínda máis a súa apertura?
Francisco Caamaño: "O ocio nocturno é incompatible con esta situación. Un local de ocio nocturno implica proximidade física, espazos pechados, non sempre ben ventilados, o propio consumo de alcohol fainos máis vulnerables"
Juan Gestal: Como se está a ver, e era de esperar, nas persoas con poucos anos, alcohol e nocturnidade as normas reláxanse. O ocio nocturno é unha actividade económica que non casa ben coa pandemia.
Francisco Caamaño: Dende o meu punto de vista o ocio nocturno é incompatible con esta situación. Un local de ocio nocturno implica proximidade física, espazos pechados, non sempre ben ventilados, o propio consumo de alcohol fainos máis vulnerables, porque nos leva a perder o sentido da alerta. Xa sei que é unha decisión difícil, é un sector no que traballa moita xente e o político que tome a decisión terá que valorar varios factores, pero o que sabemos dende a epidemioloxía é que o ocio noturno é incompatible coa pandemia.
5- Que valoración fai das aplicacións que se van poñer en marcha en Galicia (PassCovid) e no conxunto de España (Radar Covid)? Poden ser útiles para o rastreo de contactos?
Juan Gestal: "É posible que estes rebrotes sexan xa a segunda onda, que non ten porque ser como a primeira. Cando sufrimos a primeira onda o sistema sanitario non tiña capacidade de diagnosticar precozmente os casos nin de rastrexar os contactos"
Juan Gestal: As dúas son moi interesantes. Radar-Covid emprega o protocolo DP-3T, un sistema descentralizado, que deseñou a enxeñeira galega Carmela Troncoso, co que xa non hai risco de que ningún Goberno controle os nosos datos, e PassCovid serve non só para localizar os contactos, achegando tamén información útil para previr os contaxios, como alertas sanitarias da zona onde un se encontre, información de zonas de risco, etc. É tamén moi bo que podan coordinarse.
Francisco Caamaño: No traballo de rastrexo hai tres patas: a primeira, que creo que segue sendo a máis importante, é a do rastrexador, a persoa que me chama e me fai recordar con que persoas estiven nos últimos días antes de comezar os síntomas, para despois contactar con elas para que se illen. Isto é dificilmente substituíble polas aplicacións tecnolóxicas, pero estas tamén poden axudar moito. Haberá que ver en que medida, porque iso dependerá moito de cantas persoas a descargan. A terceira pata é a do autorrastrexo, que significa que a persoa que sabe que deu positivo se pon en contacto coas súas persoas próximas, para informalas e que tomen medidas.
6- Poden ter algunha utilidade as propostas de contar cunha 'cartilla' ou 'pasaporte' para as persoas que xa tiveron a Covid-19? Ou é unha proposta perigosa (por animar, en certa maneira, a contaxiarse) e ineficaz?
Juan Gestal: Disto falouse hai tempo pero despois non se levou a diante por non ter utilidade práctica, agás agora que volveu retomarse por parte da Comunidade de Madrid. Non creo que ninguén se contaxie adrede.
Francisco Caamaño: Iso é moi perigoso e está totalmente desaconsellado. Non hai ningún organismo científico que avale iso. Se ti trasladas á poboación que ter tido a enfermidade representa algún tipo de beneficio, corremos grandes riscos. O primeiro risco é que a xente monte festas para infectarse, como xa apareceu algún caso por aí. Ademais está por ver que esas persoas que xa pasaron a enfermidade non poidan transmitila, aínda non o sabemos.
7- Como podemos prever que será a 'segunda onda' da pandemia no outono? Os contaxios aumentarán? Os casos serán menos graves, por estar máis 'protexida' a poboación de risco?
Francisco Caamaño: "Podemos esperar que o risco sexa maior no outono, porque os espazos interiores son sempre máis problemáticos. Cando regresemos ás oficinas, aos colexios, ás universidades..., haberá máis contaxios"
Juan Gestal: É posible que estes rebrotes sexan xa a segunda onda, que non ten porque ser como a primeira, pois a situación é moi diferente. Cando sufrimos a primeira onda o sistema sanitario non tiña capacidade de diagnosticar precozmente os casos nin de rastrexar os contactos; a poboación non utilizábamos máscara, só indicada para os positivos ou sospeitosos de selo, e as residencias de maiores non estaban preparadas. Hoxe a situación, aínda moi mellorable, cambiou. Téñense mais medios para detectar precozmente os casos e para localizar os contactos, moitos deles sen síntomas. A maioría dos contaxios teñen lugar antes de que comece a clínica ou cando esta se está iniciando, que son os momentos nos que a carga viral é máxima. Esta detección precoz dificulta o establecemento de cadeas de transmisión comunitaria e a maior afectación das persoas maiores, que por outra parte agora se protexen máis, así como as residencias. A presentación desta enfermidade é por 'clusters', agrupamentos de casos, a nivel familiar, lugares de traballo, lugares de ocio, que é o que estamos a ver. Por todo iso creo que xa estamos na segunda onda.
Francisco Caamaño: Podemos esperar que o risco sexa maior no outono, porque os espazos interiores son sempre máis problemáticos. Así que cando regresemos a eses espazos, ás oficinas, aos colexios, ás universidades..., haberá máis contaxios. Seguramente é difícil que volvamos a unha situación tan grave como a que vivimos na primavera, cun estrés tan forte sobre o sistema sanitario, porque dáme a impresión de que os colectivos máis vulnerables están autoprotexéndose moito máis e porque vai haber máis medidas de precaución.
8- En que medida podemos confiar en ter unha vacina efectiva para o conxunto da poboación (ou polo menos para os grupos máis vulnerables) para os vindeiros meses?
Francisco Caamaño: "É impensable que poidamos ter unha vacina antes de finais do ano que vén. Aínda que pode que despois deste Nadal haxa xa algún tipo de vacina parcial que se poida administrar a certos grupos"
Juan Gestal: Varias vacinas están xa na fase 3 dos ensaios clínicos en humanos e outras en fase 1-2 ou a piques de comezala, con moi bos resultados en canto a seguridade e capacidade inmunóxena, o que está animando a algúns laboratorios a comezar xa a fabricación da vacina mentres están realizando a fase tres, porque esperan obter bos resultados nesta fase en canto á capacidade protectora fronte a Covid-19. En canto á súa dispoñibilidade, seguramente non se teña ata ben entrado o 2021.
Francisco Caamaño: Hai varias vacinas xa en fase 3, pero teñen que testarse, realizar estudos clínicos en humanos, para chegar a ter unha que sexa segura e eficaz. E, despois, ten que fabricarse en grandes doses e ten que administrarse ao conxunto da poboación. Polo tanto é impensable que a poidamos ter antes de finais do ano que vén. Aínda que pode que despois deste Nadal haxa xa algún tipo de vacina parcial que se poida administrar a certos grupos, como as persoas de maior idade e outras persoas vulnerables.