O número de novos positivos diarios da COVID-19 en Galicia é un indicador que sempre cómpre abordar con cautela. A Xunta non informa del directamente, polo que cómpre calculalo a partir do número de "positivos activos" aos que a Consellería de Sanidade se refire nos seus partes xerais ou na información divulgada localmente polas áreas sanitarias. Esa conta transita nos últimos días entre a vintena e a corentena de novos positivos ao día, o maior ritmo dende a fin do estado de alarma pola pandemia, pero así e todo aínda moi lonxe das cifras dos pasados meses de marzo e abril.
A media semanal de novos casos diarios da COVID-19 en Galicia rolda a trintena, un claro empeoramento que, non obstante, está aínda lonxe dos datos do que ata agora foi o pico da pandemia
Os "positivos activos" dos que informa o Sergas son máis que na xornada previa por décimo terceiro día consecutivo, xa case dúas semanas nas que este indicador pasou de 163 o 23 de xullo, o mínimo dende os primeiros días da pandemia, a 406 casos neste 5 de agosto, xornada na que se supera o limiar dos 400 por primeira vez dende o 11 de xuño. As cifras das últimas vinte e catro horas, con trece "curacións" novas (ata 11.331, na suma na que a Xunta inclúe tamén os positivos en test de anticorpos sen síntomas), permiten calcular que os casos novos sumados na xornada son 44.
Esta evolución eleva a media semanal de casos diarios -casos novos dos últimos sete días- dende os arredor de vinte de finais de xullo ata algo máis de 30 neste comezo de agosto. O ritmo é, daquela, superior ao acadado o mes pasado, nas xornadas de maior crecemento do brote da COVID-19 na Mariña, e deixa definitivamente atrás os números dos primeiros días sen estado de alarma, nos que a media semanal de casos diarios non chegaba á decena.
O principal brote segue sendo o detectado en torno a un ximnasio de Arteixo, que xa chega aos 55 positivos
As orixes deste empeoramento da evolución da pandemia con relación aos últimos dous meses -non así ás semanas do que ata agora foi o pico, como amosa o gráfico sobre estas liñas- hai que buscala nos novos brotes. O foco máis preocupante segue estando no brote detectado en torno a un ximnasio de Meicende (Arteixo), na área sanitaria da Coruña, onde os rastrexos detectaron media ducia de positivos máis na última xornada, segundo o Sergas, elevando o total a 55. Ademais, especifican dende a área sanitaria coruñesa, "segue a detectarse algún caso relacionado coa contorna familiar de positivos detectados con anterioridade, así como algún caso illado".
Na contorna coruñesa foron realizadas nun só día 359 probas PCR, segundo a área sanitaria. En total, nas últimas vinte e catro horas foron rexistradas en toda Galicia un total de 1.851 probas, informa o Sergas, para un total de 257.156 dende o comezo da pandemia.
Novos brotes familiares e máis hospitalizacións
O brote xurdido en torno ao ximnasio de Arteixo é o principal, pero non o único. As diferentes áreas sanitarias sinalaron nos últimos días a existencia doutros en Galicia, a maioría ligados a encontros familiares con persoas chegadas doutros puntos do Estado ou do estranxeiro. É o caso da media decena de brotes activos na contorna da cidade de Vigo, cunha vintena de positivos ou o brote de Chandrexa de Queixa, con orixe en familiares chegados de Cataluña e Aragón.
Aínda que as análises do Instituto de Salud Carlos III amosan que, tamén en Galicia, a maior parte dos novos casos detectados son asintomáticos e con medias de idade inferiores ás da pasada primavera, o incremento de novos positivos trouxo consigo tamén unha mudanza na tendencia no número de hospitalizacións. Así, fronte ás 3 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 que chegaron a rexistrarse o pasado 1 de xullo, as persoas ingresadas nos centros sanitarios galegos con test positivo neste 5 de agosto son 20, dúas delas na UCI -unha na Coruña e outra, en Vigo-.
O número de persoas hospitalizadas segue sendo tamén, non obstante, moito menor que na pasada primavera. Existe tamén outra diferenza fundamental ata o momento: mentres que daquela un dos principais focos da pandemia eran as residencias de maiores e dependentes, entre cuxos residentes faleceron máis de 200 persoas, este 5 de agosto o Sergas rexistra só dous positivos ligados a estes centros, ambos de persoal que traballa neles (unha persoa en Xove e outra, en Paradela).
A peor evolución, na área da Coruña seguida por Vigo
A área sanitaria da Coruña-Cee acumula a peor evolución, a maior cantidade de "positivos activos" e a metade das vinte persoas hospitalizadas con test positivo
Mentres o brote da Mariña segue a remitir, coa consecuente repercusión nos datos xerais da área sanitaria de Lugo, os devanditos brotes reflíctense con claridade no número de "positivos activos" das áreas coruñesa e viguesa. A da Coruña-Cee segue sendo a que peor evoluciona, con 11 casos "activos" máis en vinte e catro horas, chegando a 161, e coa metade das hospitalizacións que se rexistran en toda Galicia.
Tamén se eleva, aínda que en menor medida, a liña da área de Vigo, que duplicou os seus casos "activos" dende finais de xullo. Destaca tamén nesta xornada a suba de seis "activos" na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés; mentres, a de Lugo aumenta en 3, a de Santiago en 2 e a de Ferrol, nun caso activo. A mellor parte de todos estes datos continúa sendo que o número de falecementos ligados á pandemia segue sendo o mesmo dende o 11 de xuño: 619.