Galicia acumulou o pasado mes de xuño con 250 novos positivos por coronavirus, segundo cifras calculadas a partir dos partes diarios da Consellería de Sanidade, que non ofrece directamente este dato. En xullo, o mes finalizou con algo máis de 600 novos casos, unha tendencia á alza que semella acelerar no inicio do mes de agosto, sinalado en vermello polas voces expertas que auguraban un empeoramento da pandemia por mor dos movementos no mes turístico por excelencia, pero que en calquera caso segue moi lonxe dos números de marzo ou abril.
A semana comeza con 43 novos positivos (datos do domingo), cando menos 25 deles da área da Coruña, na que seguen os rastrexos polo brote detectado en torno a un ximnasio
Atendendo aos datos divulgados polo Sergas, nos primeiros tres días de agosto -os correspondentes ao 31 de xullo e ao 1 e 2 de agosto- foron detectados en Galicia máis dun cento de novos casos da COVID-19. Concretamente, 114. En dous destes tres días, os casos novos foron máis de corenta (este luns, con datos do domingo, son 43) nun contexto no que as principais alzas están vinculadas ao brote detectado na área sanitaria da Coruña, en torno a un ximnasio de Arteixo, que xa se achega ao medio cento de positivos (47, confirma o Sergas). Na súa actualización deste luns, o Ministerio de Sanidade suma 91 casos novos en Galicia dende o venres, unha cifra que, dadas as disparidades horarias e de contabilización de ambas Administracións, vai na liña coa da Xunta.
Os datos medios de casos diarios en Galicia son así cada vez máis semellantes aos de finais de maio. As cifras indican agora que en Galicia son detectados arredor dunha trintena de positivos diarios -media de cada tres días- e as tendencias debúxanse á alza. Existen, non obstante, diferenzas relevantes coa situación de maio que tamén cómpre ter en conta. Así, por exemplo, o Instituto de Salud Carlos III certifica, a partir de datos do Sergas que a Xunta non fai públicos, que arredor do 60% de positivos detectados son asintomáticos.
Tras once días consecutivos de incremento de "positivos activos", as persoas hospitalizadas con test positivo son 16; a anterior ocasión en que Galicia tivo 359 "activos", os pacientes hospitalizados eran 7
As cifras de persoas que dan positivo e precisan hospitalización son polo momento moitas menos que meses atrás, pero superiores ás de xuño, cando o número de "positivos activos" -indicador de referencia para a Xunta- era semellante. Este 3 de agosto, con 359 "positivos activos" e tras once días consecutivos de incremento deste indicador, as persoas hospitalizadas con test positivo son 16, unha delas na UCI -hai unha semana eran 10, unha na UCI-. A anterior ocasión en que Galicia rexistrou 359 "positivos activos", o 13 de xuño, o número de persoas hospitalizadas eran 7, ningunha delas en coidados intensivos con test positivo.
Atendendo a ese mesmo indicador que ofrece a Xunta, o dos "positivos activos", a área sanitaria con peor comportamento da pandemia é, con claridade, a da Coruña. Mentres seguen os rastrexos do brote ligado a un ximnasio de Arteixo, o número de casos "activos" nesta área pasou en apenas dúas semanas dunha trintena de casos a máis de 140. Polo camiño, o devandito brote do ximnasio -con ligazóns tamén en locais de ocio nocturno- e o importado polo club de fútbol do Fuenlabrada.
Dado o escaso número de altas nas últimas vinte e catro horas en toda Galicia -só 5, pasando de 11.302 a 11.307-, cabe deducir que dos 43 novos casos rexistrados en toda Galicia, cando menos 25 corresponden coa área sanitaria coruñesa. Isto acontece mentres a curva de casos activos na Coruña agora xa é semellante á que trazou a área de Lugo no comezo do brote da Mariña, que nos últimos días segue a remitir, segundo os datos do Sergas, cun total acumulado de persoas afectadas dunhas 266 persoas.
Diferenzas coas cifras da primavera
A última semana de xullo, que toca o inicio de agosto, foi a que rexistrou máis novos positivos dende a fin do estado de alarma, pero con cifras moito menores ás dos pasados meses de marzo e abril
O brote da Coruña, potencialmente máis complexo de atallar que o da Mariña por producirse nunha área moito máis poboada -na comarca mariñá residen unhas 70.000 persoas, excluíndo turistas, e a comarca da Coruña supera os 400.000 habitantes- empeora unhas cifras de evolución da pandemia que, sempre atendendo á información ofrecida pola Consellería de Sanidade, seguen sendo polo momento moi inferiores ás da pasada primavera. Así o acredita, por exemplo, o número de novos casos rexistrados cada semana.
A pasada semana -do 27 de xullo ao 2 de agosto- rexistráronse en Galicia 186 novos positivos (dato obtido a partir dos partes do Sergas, que non o explicitan). Foi a semana con máis novos casos da COVID-19 dende a fin do estado de alarma en Galicia (o 15 de xuño) e a terceira semana con máis dun cento de novos positivos dende ese momento. En calquera caso, os novos casos detectados á semana aínda non chegan, nin de lonxe, ás tres semanas de abril nas que Galicia sumou máis de 1.000 positivos semanais ou as semanas de abril e maio con máis de 500.
Outra diferenza substancial neste momento da pandemia ten que ver co número de falecementos. Dende o pasado 11 de xuño, Sanidade non notifica ningunha morte ligada ao coronavirus, polo que a cifra segue en 619 persoas. Ademais, cando menos de momento, a incidencia do virus é agora practicamente inexistente en centros de maiores e dependentes (a Xunta informa de só 2 casos, ambos de persoal coidador, en residencias de Xove e Paradela), mentres que daquela estas instalacións eran un dos puntos de maior preocupación.