O pasado 29 de abril, o Servizo Galego de Saúde introduciu no seu parte diario sobre a evolución do coronavirus en Galicia 3.552 novas "curacións" sen referencia do día no que se produciran. Aquel mesmo día o número de "positivos activos", indicador básico para a Xunta dende o inicio da pandemia, baixou en 3.421 persoas. 3.414 delas correspondíanse con altas hospitalarias ou epidemiolóxicas (3.408, de persoas illadas nos seus domicilios) e outras 7 con falecementos. As restantes 138 "curacións" eran de persoas que nunca contaran como "positivos activos". Este foi o caso dunhas dúas mil persoas dende o comezo da pandemia.
Naqueles días finais de abril, a Xunta dispúñase a adaptarse ao novo protocolo aplicado polo Ministerio de Sanidade para seguir a evolución da covid-19. A adaptación a esas normas foi a razón esgrimida para a introdución masiva de curacións. Pero, a diferenza da práctica totalidade das comunidades autónomas, a ausencia dunha serie pública actualizada e aberta do coronavirus en Galicia impediu coñecer a data de referencia das curacións que se correspondían con altas de persoas que antes contaran como "positivos activos". Esas altas poden ser hospitalarias -persoas ingresadas que dan negativo e abandonan o hospital- ou epidemiolóxicas -persoas que dan negativo e seguen ingresadas ou que estaban illadas a domicilio e dan negativo-.
A razón pola que a cifra de "curacións" medra máis do que descende a de "positivos activos" é a suma de pacientes que deron positivo en test de anticorpos pero que non consta que tivesen síntomas da covid-19 no momento da proba, polo que son anotados directamente como infeccións "resoltas"
Tamén impediu situar no tempo esoutras persoas que pasan a ser sumadas directamente como "curadas" aínda que, en rigor, non sexan tal. Trátase do que o Ministerio de Sanidade considera infeccións "resoltas" e que, dende hai semanas, non inclúe nos seus datos. Son pacientes que deron positivo nun test de anticorpos, pero que non consta que tivesen síntomas da doenza no momento da proba ou no pasado. Naquelas semanas, a Xunta tivo que comezar a informar o Ministerio tamén destes casos e empezou a sumalos no seus partes directamente como "curacións", sen máis detalles.
Segundo os datos recompilados por Praza.gal a partir dos partes emitidos pola Xunta dende o comezo da pandemia, os casos sumados polo Sergas como "pacientes que xa están curados" pero que nunca antes tiveron a consideración de "positivos activos" son, polo menos, 2.055 casos ata este 13 de xuño. Esa é a razón pola cal dende o pasado 29 de abril, cando o número de casos activos comezou a diminuír -este sábado 13 aumentou, pero en apenas dous casos e tras a suma dun cento de altas epidemiolóxicas o día anterior-, todos os días sen excepción o número que a Xunta indica como "curacións" medra máis do que diminúe a cifra de "positivos activos", mesmo descontando as diminucións por mor dos falecementos.
Preguntada por Praza.gal a respecto destas cifras, a Consellería de Sanidade non confirma os números exactos. Si ratifica a práctica estatística, que atribúe ao cumprimento das directrices do Ministerio. "De acordo co protocolo que marca o Ministerio de Sanidade", indica o departamento autonómico a este diario, "existen casos nos que un resultado positivo nunha proba de anticorpos pode xerar un caso confirmado, pero con infección resolta".
O Sergas confirma a Praza.gal esta práctica e atribúea ao cumprimento dos protocolos do Ministerio de Sanidade. Admite tamén a existencia de "revisións" de casos en "momentos concretos", pero a ausencia dunha serie estatística pública da covid-19 en Galicia impide coñecer o seu efecto
Así, especifica a resposta oficial de Sanidade a Praza.gal, "nalgúns casos, despois do resultado" dese test de anticorpos, "xa se pode indicar" como "caso confirmado con enfermidade resolta" segundo "o tipo de anticorpos que se detectasen". Noutros, "aínda que o resultado sexa positivo", cómpre "esperar ao resultado" dunha proba PCR. ["As PCR e os test rápidos son complementarios e necesarios para erradicar o coronavirus"]
No primeiro suposto, a Xunta pasa a sumar o caso ao total de "curados" e faino, defende, porque segue "en todo momento" os "criterios formulados polo Ministerio nos distintos protocolos e as súas sucesivas actualizacións". Esta é a razón pola que, admite a Consellería, existiron "revisións" de casos en "momentos concretos". Non obstante, ao contrario que a maior parte das autonomías, a ausencia dunha serie estatística pública da covid-19 en Galicia impide, máis alá das deducións ou dos cálculos de medios de comunicación ou persoas a título individual, coñecer con exactitude cando se rexistrou cada caso, os efectos desas "revisións" e cantas "curacións" son, en realidade, positivos en test de anticorpos sen síntomas no momento da proba. Isto é, persoas que pasaron a doenza sen seren "positivos activos".
Posible explicación á diferenza de casos acumulados da Xunta e do Ministerio
Estes casos de positivos en test de anticorpos de persoas sen síntomas poden ser tamén a explicación á diferenza existente dende mediados de maio -cando o Goberno central comezou a aplicar o seu novo protocolo de datos- entre o número de casos acumulados de coronavirus para Galicia que reflicte a base de datos pública do Ministerio de Sanidade e a resultante de sumar todos os casos reportados polo Sergas nos comunicados emitidos dende mediados de marzo. A Xunta nunca divulgou unha cifra acumulada.
Eses positivos en test de anticorpos sumados pola Xunta á cifra de "curacións" poden ser a explicación á diferenza de case 2.000 casos entre o acumulado do Ministerio e o do Sergas
A suma de todos os casos diferentes reflectidos nas notas do Sergas -a Xunta non especifica se, como resultado das "revisións", eliminou casos duplicados ou dubidosos- dá como resultado que unhas 11.500 persoas tiveron coronavirus en Galicia nalgún momento. Mentres, a cifra acumulada da base pública estatal reflicte uns 9.700 positivos acumulados tras a depuración de casos realizada nas últimas semanas e especifica ademais que ata o 10 de maio conta só positivos detectados mediante probas PCR, mentres que dende esa xornada -en aplicación do novo protocolo-, suma tamén positivos en test de anticorpos sempre e cando sexan de pacientes con síntomas.
Estes números permiten tirar, ademais, outra conclusión. Das arredor de 9.400 persoas que a Xunta contabilizou como positivos activos dende o pasado marzo, unhas 8.400 xa superaron a doenza e 619 faleceron.
Cabe deducir, daquela, que eses arredor de 1.800 casos de diferenza son parte das dúas mil persoas que deron positivo en test de anticorpos e que a Xunta computa como "curadas" malia non pasar previamente polo cómputo de "positivos activos". Non obstante, non é posible sabelo con exactitude cando menos de momento, xa que á decisión da Xunta de non publicar a súa serie histórica completa -esa serie existe, tal e como reflectiron os informes elaborados polo Goberno galego sobre a convocatoria das eleccións- súmase a desaparición da columna de "infeccións resoltas" dos informes estatais. [A Xunta revela datos do coronavirus non comunicados ata agora na súa defensa da convocatoria electoral no verán]
Malia ás distorsións, as cifras acumuladas amosan como no inicio do confinamento a curva da pandemia apenas comezar a subir en Galicia e tamén que o comezo do desconfinamento non provocou, cando menos de momento, rebrotes da enfermidade
Con independencia destas diferenzas e da nebulosa estatística provocada pola ausencia de serie pública galega, a comparación de ambas cifras acumuladas e a súa evolución ao longo do tempo si permite xa tirar algunhas conclusións. Por exemplo, sobre a evolución da pandemia no país, os efectos das medidas tomadas para procurar contela e o momento no que se aplicaron.
Tanto a serie estatal -que agora reflicte os casos por data de inicio de síntomas ou de diagnóstico, cunha marxe de ata seis días e aínda en revisión- como o acumulado de casos comunicados polo Sergas -elaborado manualmente por Praza.gal- amosan que o confinamento derivado do estado de alarma comezou cando en Galicia a curva da pandemia apenas comezara a subir. Tamén que esa curva comezou a dobregar durante as semanas das restricións máis severas e que decisións para relaxar as limitacións do estado de alarma, como os paseos infantís ou o inicio do plan de desconfinamento non tiveron como consecuencia, cando menos de momento, rebrotes da enfermidade ou retrocesos no seu control.