A incidencia da enfermidade é dez veces inferior á media estatal, con só 23 novos diagnósticos nas dúas últimas semanas, cifra que cae a 6 se se ten en conta a data de inicio de síntomas
En Galicia só se rexistrou na última xornada un único novo diagnóstico de coronavirus, segundo o balance diario que o Ministerio de Sanidade fixo público na tarde deste sábado a partir dos datos que lle subministra a Xunta. Porén, como a Xunta non informa directamente á cidadanía dos novos casos senón só do que denomina “casos activos”, e segue sen publicar unha serie histórica que permita situar no tempo a orixe deses casos, os datos feitos públicos tamén este sábado polo Goberno galego falan dun lixeiro aumento deses “casos activos” na área sanitaria da Coruña, onde soben de 105 a 108.
Os datos divulgados polo ministerio seguen reflectindo un continuo descenso da incidencia da enfermidade en Galicia, con só 23 novos diagnósticos nas dúas últimas semanas e apenas 11 nos últimos sete días. Pero se se ten en conta a data de inicio de síntomas, as cifras caen a só 6 casos novos con síntomas nos últimos 14 días e 3 na última semana. Iso permite que a incidencia por 100.000 habitantes nas dúas últimas semanas sexa en Galicia de 0,85 novos casos, dez veces inferior á media estatal de 9,52 novos casos.
Tres meses despois da primeira morte a cifra de falecementos mantense en 619 desde hai tres días
Cos datos facilitados polo Goberno galego este sábado xa van outros tres días seguidos sen falecementos, cifra que se mantén en 619 cando se cumpren tres meses de que se informase da primeira morte por coronavirus en Galicia.
Segundo a Xunta, na última xornada contabilizáronse pouco máis de mil novas probas PCR, fronte ás máis de 4.000 que se chegaron a facer nalgunha xornada de abril.
É o cuarto día sen ninguén na UCI con coronavirus activo e só 7 persoas están hospitalizadas
Canto ao tipo de asistencia que reciben as persoas afectadas, este é o cuarto día sen ninguén na UCI co coronavirus activo e rexístrase unha persoa menos na hospitalización xeral, onde xa só hai sete pacientes, segundo os datos da Xunta. Segundo a información a maiores facilitada polo ministerio, na última semana só foi precisa unha nova hospitalización. O resto, 352 pacientes, están baixo seguimento domiciliario.
Nas residencias, a de Santa Teresa Jornet da Coruña, que era a que viña presentando nas últimas semanas unha peor situación, deu de alta na última xornada á metade das persoas afectadas, seis usuarios e un traballador, de xeito que actualmente xa só ten outro tantos residentes e empregados co virus activo. No total de Galicia só son 16 as persoas relacionadas con residencias afectadas (sete usuarios de residencias de maiores, sete traballadores deses centros e dous traballadores de residencias de discapacidade).
A área da Coruña contabiliza tres casos activos máis, cun total de 108, e Vigo, que reduce un, segue a ser a que máis ten, 147
Por áreas sanitarias, na da Coruña é onde a Xunta contabiliza tres casos activos máis que un día antes, ata un total de 108, mentres que Vigo, con 147, un menos que a xornada previa, segue sendo a que ten tanto un maior número total como unha maior incidencia. O resto das áreas sanitarias manteñen as mesmas cifras que no día previo.