Os casos positivos confirmados de infección por coronavirus volveron incrementarse este sábado, aínda que a un ritmo inferior que na xornada anterior. Os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde no mediodía deste 14 de marzo indican que xa foron rexistrados 135 casos. As altas por recuperación seguen sendo tres e produciuse un primeiro falecemento, dunha muller nonaxenaria con outras patoloxías e que chegara dende fóra de Galicia.
A maior parte das persoas que deron positivo por coronavirus en Galicia ata o momento están a ser atendidas na súa casa, un total de 115 un caso. Unicamente 7 precisan de atención en unidades de coidados intensivos (UCI) e outras 31 persoas son atendidas en unidades ordinarias de hospitalización.
Falecida unha muller de 92 anos
Sempre segundo a información fornecida polo Sergas, a muller cuxo falecemento foi confirmado este sábado dera positivo por coronavirus, pero tamén padecía "múltiples" patoloxías previas e estaba ingresada no hospital privado-concertado vigués Povisa. "Tratábase dun caso importado", confirma a Xunta.
"Illamento social" para frear a curva ata o pico previsto en abril
Sanidade insiste en "evitar as grandes concentracións" e, cando saian, maiores e infancia estean en espazos abertos
Estas son as cifras da expansión dunha doenza na que a clave é frear o ritmo dos contaxios. Precisamente por iso, vén reiterando Sanidade, "é importante o illamento social", contribuíndo así a cidadanía a frear o incremento de casos na medida do posible ata acadar o pico de contaxios que, segundo calcula o Sergas, chegaría "na primeira ou segunda semana de abril", sinala Jesús Vázquez Almuíña.
Nete sentido, o conselleiro subliña que ese illamento non implica un peche "total", pero "si é moi importante tratar de evitar as grandes concentracións". Así, exemplifica, "non significa que as persoas maiores estean sen saír, pero si que saian a espazos abertos e con poucas persoas". No que atinxe á infancia, "os espazos abertos son prioritarios: mellor un parque que un centro comercial e mellor un parque con poucos nenos que con moitos".
Estas accións individuais, subliña, axudan a "conseguir un bo illamento" co que "poderemos facer que a curva da epidemia sexa máis progresiva" para garantir a asistencia sanitaria ás persoas que si a precisan . Entre apelacións á "tranquilidade" da poboación, Sanidade lembra que "en caso de que haxa síntomas", a instrución é "quedar na casa e procurar ter tratamentos habituais, con antitérmicos e medidas hixiénicas", así como "airear moito os cuartos". A actual fase, advirte Sanidade, é "fundamental" para "determinar" o desenvolvemento da epidemia.
Fontes oficiais de información
O Servizo Galego de saúde ten abertas tres canles oficiais de información sobre o coronavirus. Dende este venres, está aberto o sitio web coronavirus.sergas.gal, ao que se pode acudir para obter información xeral ou sobre sintomatoloxía leve. Por teléfono, o número de información é o 900 400 116, se ben estanse a producir problemas pola alta afluencia de chamadas e Sanidade pide usalo con "responsabilidade". Ao 061 cómpre recorrer unicamente en caso de emerxencia.