Unha das principais dificultades para coñecer a evolución do coronavirus en Galicia é a ausencia dunha serie histórica pública e aberta da Xunta. Aínda que a Consellería de Sanidade a ten construída e o Servizo Galego de Saúde transmite diariamente as súas actualizacións ao Ministerio en aplicación dos protocolos vixentes, que foron variando dende o inicio da pandemia, o Goberno galego decidiu non divulgala, converténdose así nunha excepción no conxunto do Estado.
O Ministerio si divulga a súa serie histórica da covid-19 en formato aberto. Faino a través do Instituto de Salud Carlos III, que aglutina e ordena a información transmitida dende as comunidades autónomas. Esta serie experimentou varias modificacións dende o comezo. A última é produto da aplicación do protocolo de datos máis recente, implantado o 12 de maio. O novo protocolo implica situar no tempo cada positivo pola data estimada de inicio de síntomas do paciente, no canto de indicar o día en que o caso foi notificado, como sucedía antes. E no caso galego amosa que os síntomas do primeiro paciente da covid-19 detectado en Galicia comezaron a mediados de xaneiro.
O novo protocolo recoloca cada positivo na data estimada de inicio de síntomas do paciente e non no día no que o caso foi notificado; o primeiro en Galicia sitúase agora no 15 de xaneiro, aínda que segue reflectindo que a pandemia non se disparou ata as primeiras semanas de marzo
A aplicación do novo sistema implicou ter paralizada a actualización da serie pública dende finais de maio e ata este 10 de xuño, cando o Ministerio publicou -con atraso sobre o inicialmente previsto- a serie revisada nas súas magnitudes básicas: os positivos por día de inicio de síntomas por comunidades autónomas e provincias. Falta polo momento outro indicador clave que segue en revisión, o dos falecementos, que segundo o Sergas son ata agora 619. Xa é posible, no entanto, coñecer con máis precisión unha información que é inaccesible a través do Sergas, que só ofrece a diario un parte de "positivos activos", isto é, unha foto fixa da pandemia día a día, pero non os positivos acumulados ao longo do tempo.
Para o conxunto de Galicia, a nova serie muda un chisco a evolución da pandemia coñecida ata agora. Atendendo ao inicio de síntomas de cada paciente, a principal e máis rechamante novidade é que o primeiro caso detectado en Galicia pasa a estar situado no tempo no 15 de xaneiro, aínda que o primeiro detectado polo Servizo Galego de Saúde chegase o 4 de marzo, un home que viaxara dende Madrid. O día con máis casos novos adiántase dez xornadas, do 30 ao 20 de marzo, cando segundo a nova serie tocou teito o incremento exponencial que se desencadeou nos primeiros días do mes. O Ministerio de Sanidade advertiu ademais este xoves a través do doutor Fernando Simón que o conxunto da serie segue en revisión e, no que atinxe aos casos de xaneiro, non cabe desbotar que algún "desapareza" ou sexa recolocado.
Segundo a nova serie, cando comezou o confinamento en todo o Estado xa comezaran en Galicia os síntomas de 1.182 persoas que contraeron a covid-19, aínda que foran detectados apenas 150 casos
Muda tamén a data da primeira e ata agora última repunta significativa. A efectos de notificación produciuse o 6 de maio, cando o Sergas deu conta de 239 positivos novos dun golpe. Segundo o inicio de síntomas de cada paciente foi o 15 de abril, cando se desencadeou a doenza para 197 persoas.
Segundo esta nova serie, cando comezou o confinamento en todo o Estado, o 14 de marzo, en Galicia xa comezaran os síntomas da covid-19 de 1.182 pacientes que acabaron dando positivo. Ata ese día, o Sergas apenas detectara 157 casos e a serie antiga do Ministerio -construída coas datas de notificación- recollía só 116 positivos acumulados.
O acumulado de positivos do Ministerio para Galicia rolda agora os 9.600 mentres a suma dos notificados polo Sergas supera os 11.300; eses 1.700 casos de diferenza poden ser asintomáticos detectados a través de test de anticorpos, pero a ausencia dunha serie pública da Xunta non permite coñecelo con exactitude
O cómputo realizado polo Ministerio tras revisar "individualmente" cada caso cuantifica ata o 7 de xuño un total de 9.657 casos positivos en Galicia. Ata o 10 de maio inclúe só casos diagnosticados mediante proba PCR e dende esa data, tamén persoas que deron positivo en test de anticorpos se tiñan "síntomas compatibles" co coronavirus. Esta sería a explicación pola cal esa cifra acumulada é diferente á resultante de sumar as cantidades ofrecidas en cada parte do Sergas, que ata ese mesmo día 7 de xuño chegaba a 11.384 casos.
Eses 1.727 positivos de diferenza poderían ser casos asintomáticos detectados a través de test de anticorpos, aínda que tamén podería haber entre eles algún caso duplicado. Trátase, en calquera caso, de hipóteses ao non existir unha serie histórica pública do Sergas coa que poder confrontar os datos do Ministerio.
Primeiros datos diarios por provincias
A nova serie do Ministerio permite tamén observar a evolución dos novos caso por provincias, unha información ata agora descoñecida en Galicia pola ausencia de serie pública do Sergas. Sempre tendo como referencia a data estimada de inicio de síntomas é posible saber que o primeiro caso galego, o do 15 de xaneiro, se rexistrou na provincia de Pontevedra. En Ourense, o primeiro caso iniciou síntomas o 2 de febreiro; na Coruña chegou o día 3 e en Lugo, o día 16 do mesmo mes. Así e todo, en todas elas a epidemia como tal non se desencadeou ata a primeira ou segunda semana de marzo. Esta foi a evolución ata o 7 de xuño, segundo a nova serie do Ministerio. O gráfico interactivo pode ser pausado no botón situado na súa parte inferior esquerda e manexado mediante o cursor, manualmente.
Os datos de inicio de síntomas tamén permiten observar como o número de casos detectados é moi dispar en función das provincias. As diferenzas son mesmo moito maiores que as reflectidas para Galicia no estudo epidemiolóxico do Ministerio, que estima a porcentaxe de poboación afectada pola covid-19 con independencia de que os seus casos fosen ou non detectados [A segunda volta do estudo estatal constata que apenas o 2% da poboación galega pasou o coronavirus]
Os casos detectados só superan o 0,6% da poboación en Ourense; o estudo epidemiolóxico do Estado estimaba o impacto real da pandemia en Galicia na contorna do 2%
Atendendo á nova serie, ata o 7 de xuño a provincia galega con máis casos detectados foi a da Coruña, con case 4.300. A de Pontevedra tería algo menos de 2.700 e a de Ourense, uns 1.800. A de Lugo era ata esa data a que acumulaba un menor número de positivos detectados, con apenas 838. En comparación coa súa poboación, as persoas que deron positivo por coronavirus ata esa data supoñen en torno ao 0,60% da poboación da provincia de Ourense e o 0,38% da da Coruña. En Pontevedra a proporción caería ata o 0,28% e en Lugo, ao 0,25%. O estudo epidemiolóxico do Ministerio indicaba que, en realidade, o impacto roldou o 2%.
O propio Instituto Carlos III advirte de que a suma dos casos provinciais non ten que cadrar exactamente co global de cada comunidade autónoma -no caso de Galicia a diferenza é mínima, de apenas catro casos menos-. A razón, alén de que "todos os resultados son provisionais e deben interpretarse con precaución porque se ofrece a información dispoñible no momento da extracción dos datos", é que hai casos nos que "non se notificou a provincia de residencia" do paciente.