As UCI dos hospitais galegos, libres de coronavirus por primeira vez dende o 10 de marzo

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O 11 de marzo a Consellería de Sanidade informou de que dúas persoas que deran positivo nas probas do coronavirus estaban ingresadas nas UCI dos hospitais galegos. Nese momento o Sergas tiña rexistrados 44 casos activos da Covid-19, unha cifra que medrou con rapidez nos días seguintes: 64, 112, 153, ata chegar a 189 o primeiro día de aplicación do estado de alarma. 

Tamén se foron incrementando os ingresos hospitalarios e, dentro destes, os ingresos nas unidades de coidados intensivos, que eran xa 8 ao rematar esa semana e 33 sete días despois. A cifra chegou a acadar os 177 nos primeiros días de abril, achegándose ao total de 274 camas de UCI coas que contaba Galicia.

O número total de pacientes con coronavirus ingresados en planta tamén descende este mércores, de 15 a 10

Este mércores, por primeira vez dende o 10 de marzo, nas UCI dos hospitais galegos non hai ningún paciente que dera positivo por coronavirus, despois dunha semana na que o Sergas notificaba a presenza dun úncio caso. Cómpre ter en conta que esta diminución pode deberse a unha mellora na condición do paciente (que pase a planta ou reciba a alta) ou a que deixou de dar positivo nas probas de coronavirus, aínda permanecendo na UCI. 

En todo caso, a tendencia é a desocupación das instalacións hospitalarias de doentes coa Covid-19, e de feito o número total de pacientes con coronavirus ingresados en planta tamén descende este mércores, de 15 a 10. Nos últimos sete días tan só se produciron dous ingresos novos.

Este martes rexístrase un pequeno incremento no número de diagnósticos de coronavirus, que suman tres novos positivos

Ademais dos favorables datos procedentes dos hospitais, os indicadores epidemiolóxicos amosan que a enfermidade se mantén controlada en Galicia, aínda que este martes se rexistra un pequeno incremento no número de diagnósticos de coronavirus comunicados polo Ministerio de Sanidade. Son tres novos casos detectados por PCR (ou por test de anticorpos pero en pacientes que presentan síntomas), o maior incremento dende o pasado 28 de maio. Ademais, o Sergas inclúe nos seus datos outros 33 positivos anteriores, que constan xa como "curados". O incremento pode deberse ao remate do efecto da fin de semana.

Nn se produciron novos falecementos de pacientes con coronavirus en Galicia, polo que a cifra se mantén en 618. É xa o sexto día consecutivo que isto sucede

En calquera caso, os indicadores continúan a ser tranquilizadores, con só 27 novos positivos nos últimos catorce días e unicamente 14 novos positivos nos últimos sete días. A taxa de incidencia acumulada nas últimas dúas semanas (1 caso por cada 100.000 habitantes) mantense nun nivel mínimo, o máis baixo entre todas as comunidades autónomas do Estado.

Así mesmo, este martes non se produciron novos falecementos de pacientes con coronavirus en Galicia, polo que a cifra se mantén en 618. É xa o sexto día consecutivo que isto sucede.

O número de 'casos activos' de coronavirus (o indicador de referencia que segue empregando o Sergas) tamén segue en descenso. Este martes ás 20 horas eran 476. Mentres, o que o Sergas presenta como "curacións" ou "casos resoltos" chega a 10.338 persoas. O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.432, resultado de sumar os casos activos, os resoltos e os falecementos comunicados pola Consellería de Sanidade. 

Dos casos activos, 466 están en seguimento nos seus domicilios e os outros dez corresponden aos pacientes ingresados nos hospitais.

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 153.606 probas PCR, ao redor de 1.500 máis que o día anterior, un incremento que probablemente se debe ao remate do efecto da fin de semana. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.

Dos 476 casos activos contabilizados polo Sergas, 101 son da área sanitaria da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 97 da de Santiago, e 13 da de Ferrol. A área viguesa é dende hai varias semanas a que acumula un maior número de positivos, que vai reducindo moi lentamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.