Galicia encadea cinco días sen mortes por coronavirus por primeira vez dende o inicio da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O número de falecementos ligados á covid-19 mantense en 618 mentres o Ministerio de Sanidade dá conta dun único diagnóstico novo en Galicia nas últimas vinte e catro horas

O número de falecementos ligados ao coronavirus en Galicia sitúase este 9 de xuño por sexto día consecutivo en 618 persoas. Isto implica que, por primeira vez dende o comezo da pandemia, o país encadea cinco días seguido sen falecementos ligados á covid-19. E faino tras unha xornada cun só novo diagnóstico que deixa os positivos novos da última semana en apenas 11, segundo os datos do Ministerio de Sanidade -o Sergas non divulga as cifras de novos diagnósticos-.

Esta tendencia ao enlentecemento da pandemia acredítana tamén os datos dos últimos 14 días, tamén indicados dende o Ministerio. Nestas dúas semanas rexistráronse en Galicia 26 diagnósticos novos de coronavirus e deles, apenas 7 eran de persoas no que o inicio de síntomas se producira nese período. Unicamente unha acreditou que os síntomas comezasen na última semana.

Á espera de que o Ministerio actualice a súa serie histórica completa -o Goberno central preveu inicialmente facelo a pasada semana e posteriormente sinalou que sería nesta pola demora dalgúns datos autonómicos, sinalou- e a volva publicar xa adaptada ao novo protocolo de datos, Galicia non rexistra máis de tres novos casos nun día dende o pasado 26 de maio. Mentres, as cifras ofrecidas pola Xunta nos seus comunicados diarios indican a incorporación este 9 de xuño de 11 novos casos, polo que cabe deducir que os 10 restantes son positivos en test de anticorpos de días pasados.

Os "positivos activos" que indica a Xunta seguen baixando e agora son 503

O indicador de referencia para a Consellería de Sanidade seguen a ser os "positivos activos", que continúan a baixar na cifra agregada para toda Galicia. Agora son 503, doce menos que un día antes. Mentres, as persoas que a Xunta dá por "curadas" tras daren negativo en test da covid-19 despois dun positivo anterior elévanse xa ata as 10.275. Son 23 máis, a maioría persoas que estaban illadas nos seus domicilios.

Estas cifras rexístranse nun contexto no que o Sergas indica que leva realizadas 152.130 probas PCR dende o inicio da pandemia. Son 740 máis que o día anterior.

Sen novas hospitalizacións e só unha persoa na UCI

A escaseza de novos diagnósticos de coronavirus repercute directamente na situación dos hospitais. O Ministerio de Sanidade sinala que nas últimas vinte e catro horas non se rexistraron novas hospitalizacións pola covid-19 en Galicia -o Sergas non especifica o número de novas hospitalizacións- e a Xunta indica que o total de persoas hospitalizadas con test positivos segue a baixar. Agora son 16, catro menos que un día antes, e como nos últimos sete días só unha delas está na UCI.

O número de persoas illadas nos seus domicilios con test positivo da covid-19 segue tamén a diminuír. Agora son 487, oito menos que un día antes. Entre elas inclúense 18 persoas residentes de centros de maiores e persoas en situación de dependencia, dous menos que o día anterior.

Por áreas sanitarias, o único indicador dispoñible segue sendo o de "positivos activos" -os datos do Ministerio só chegan ao nivel autonómico- e a cifra descende en todas agás na de Lugo, cun máis que o día previo, e na de Ferrol, que permanece no mesmo nivel que vinte e catro horas antes. Nas outras cinco, a maior diminución de casos activos rexístrase na de Ourense, con seis menos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.