Dende o inicio da pandemia do coronavirus, o Ministerio de Sanidade introduciu diversas modificacións no protocolo dos datos que as comunidades autónomas lle teñen que transmitir para facer seguimento da covid-19. A práctica totalidade das autonomías combinan este axuste ao protocolo estatal coa difusión en cadanseus territorios de datos abertos sobre a evolución da pandemia, incluíndo series históricas completas que son corrixidas cando, por exemplo, muda algún criterio estatístico ou son procesadas curacións correspondentes a varios días.
Fronte a esta práctica xeral, a Xunta xa ratificou hai semanas que non entra nos seus plans publicar unha serie estatística completa sobre a evolución do coronavirus en Galicia. Non o fará malia á suma dun golpe de 3.552 curacións sen referencia temporal a finais de abril -para cumprir co protocolo estatal, remarcou, cando o Ministerio comezou a distinguir entre novos casos detectados mediante probas PCR e positivos en test de anticorpos-. Tampouco tras facer o mesmo a pasada semana, sumando outro medio milleiro de persoas recuperadas sen data de referencia. Segundo especificou despois, correspondíanse con altas dos días do pico da pandemia e mais con recuperacións de persoal sanitario que contraera a doenza.
O Ministerio de Sanidade vén de concluír a revisión da serie histórica da covid-19 tras a introdución de curacións sen referencia temporal por parte da Xunta, que xa confirmou que non contempla publicar unha serie completa e segue sen ofrecer datos en formato aberto
Tras esta segunda introdución de curacións sen referencia, o Ministerio indicou que a Xunta viña de facer "unha revisión dos seus casos" e de "actualizar a información". Por iso, anticipaba, dispúñase a revisar a serie completa de datos comunicados por Galicia. Esa revisión xa finalizou e está dispoñible, en formato aberto, a través do Instituto de Salud Carlos III.
Unha ollada á serie histórica completa sobre Galicia que o Estado constrúe cos datos que a Xunta lle remite, pero que non fai públicos, amosa que a ausencia dunha serie histórica galega completa e aberta contribúe a ofrecer unha imaxe distorsionada da evolución da pandemia. Dende finais de abril e durante unhas dúas semanas, por exemplo, indicando un número de casos novos detectados mediante PCR cada día que realmente eran menos, segundo amosa a serie revisada.
O Sergas segue sen divulgar os casos novos detectados cada día aínda que si os transmite ao Ministerio; a suma mecánica dos datos incluídos nos comunicados da Xunta ofrece unha imaxe distorsionada das últimas semanas, xa que en realidade os novos diagnósticos diarios eran menos
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o número de novos casos resultante de sumar mecanicamente a cifra total que ofrece a Xunta e o global que o Ministerio indica sobre Galicia cadrou con exactitude dende mediados de marzo e ata finais de abril, agás desaxustes menores nos primeiros días da pandemia. Pero tras a suma masiva de curacións sen referencia temporal comezou a distorsión, agora arranxada na serie revisada do Ministerio.
Así, por exemplo, os datos revisados amosan que o 1 de maio non se rexistraron máis de 150 novos casos mediante PCR en Galicia, senón apenas 38. Do mesmo xeito, indican que a lixeira repunta do 8 de maio foi de 33 positivos novos e non de 50. Mentres a estatística do Ministerio regulariza a serie completa, o Sergas segue sen divulgar os casos novos de cada día e sen distinguir, daquela, cantos son diagnósticos con probas PCR e cantos, positivos en test de anticorpos. Ao pé de cada gráfico de Praza.gal atópase unha ligazón na que é posible descargar os datos para a súa libre reutilización.
A revisión da serie histórica por parte do Ministerio recolocou no tempo uns 3.000 positivos de coronavirus rexistrados; o número total de persoas que deron positivo nalgún momento en Galicia xa supera as 11.100
A negativa do Goberno galego a divulgar os datos completos e en formato aberto impide tamén coñecer directamente a través do Sergas a evolución do número acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 en Galicia dende o comezo da pandemia. A falta de transparencia dificulta situar no tempo cada caso, xa que agás diferenzas menores, o número acumulado de positivos si cadra cos do Ministerio ao sumar os coñecidos cada día a través dos comunicados da Consellería de Sanidade.
Esa cifra chegou este 22 de maio ás 11.137 persoas. Dende finais de abril, a Xunta comezou a indicar ao Ministerio cantos dos positivos que comunicaba eran diagnósticos con probas PCR e cantos se trataban de positivos en test de anticorpos. Así o recolle a base de datos agora revisada e actualizada, con correccións temporais nos datos divulgados pola Xunta entre o 30 de abril e o 16 de maio para uns 3.000 casos. Dende ese día 16 en diante, os novos casos indicados polo Ministerio e os resultantes de sumar o total reportado pola Xunta volven cadrar.
Mentres, a Consellería de Sanidade segue a falar en termos de "positivos activos" nos seus comunicados, nos que tamén indica o número de persoas falecidas. A Xunta vén reiterando que está a ser exemplo de "transparencia" e faino referíndose especialmente ás cifras de falecementos porque, argumenta o propio Alberto Núñez Feijóo, Galicia si indica cantas persoas residentes en centros de maiores morreron a causa da pandemia mentres que outras autonomías seguen sen facelo.
A Xunta vén reiterando que está a ser exemplo de transparencia na información da pandemia aludindo a que está a informar dos falecementos en residencias mentres outras autonomías non o fan
O Goberno galego incorporou os datos de falecementos das residencias na primeira semana de abril tras varias versións contrapostas ao respecto, pero só especifica o centro no que vivía a persoa falecida cando a morte acontece na propia residencia. Mentres, non é posible coñecer a través dos seus comunicados en que centro vivían as 139 persoas que, procedentes das residencias, faleceron nos hospitais ou nas chamadas "residencias integradas", os centros habilitados pola propia Xunta para persoas anciás contaxiadas e procedentes doutras residencias. Así e todo, o número de mortes que indica o Sergas si cadra cada xornada co recollido na base de datos do Ministerio.
Coa revisión de datos xa incorporada á serie aberta do Estado xa é posible ter unha imaxe máis precisa da evolución da pandemia no que atinxe ao número de persoas infectadas pola covid-19, pero aínda non no que atinxe a outro dos indicadores esenciais: a hospitalización. Así, advirte o propio Ministerio, a Xunta non facilitou ata o 28 de abril o número acumulado de persoas que precisaran asistencia na UCI a causa do coronavirus -só indicaba a cifra de persoas ingresadas cada día nestas unidades a causa da pandemia-. "Actualizarase a serie cando estea dispoñible", engade.