A ocupación das UCI por casos activos de coronavirus baixa das 20 persoas por primeira vez en dous meses
A Xunta volveu realizar na última xornada unha nova revisión dos casos de coronavirus que consideraba activos e vén de introducir na serie histórica medio milleiro de novas ‘curacións’ sen indicar referencias temporais sobre cando se produciron. Nada di a Xunta ao respecto na súa información diaria, na que este venres informaba de 2.008 casos activos pero este sábado fala de só 1.510, unha cuarta parte menos. É o Ministerio de Sanidade o que matiza, no seu informe deste sábado, que “Galicia realizou unha revisión dos seus casos e actualizou a información”, engadindo que revisará a serie de datos comunicada pola Xunta.
Segundo os datos que a Xunta lle traslada ao ministerio pero non fai ela públicos, na última xornada a serie de probas de anticorpos que deron positivo pasou das 1.569 das que se informaba o venres a 1.893. A revisión de cifras realizada pola Xunta fai que a incidencia acumulada nos últimos 14 días, que este venres era de 17,6 casos por cada 100.000 habitantes, cinco por baixo da media estatal, caia ata os 8,78 casos, trece por baixo da media.
A Consellería de Sanidade di que a revisión de casos débese a que se están a dar agora moitas altas de contaxios no pico da pandemia e que se revisaron casos de profesionais sanitarios pendentes de contabilizar malia que xa están incorporados de novo ao traballo
Malia que na nota de prensa coa que a diario o Sergas divulga os seus datos non se indica nada ao respecto, fontes da Consellería de Sanidade aclararon posteriormente a Praza.gal que “no descenso de casos activos, coinciden dous factores. Por unha banda estanse dando un número importante de altas correspondentes aos casos contaxiados no pico da pandemia” e “ por outra banda iniciouse a revisión dos casos de profesionais que aparecían pendentes de alta”.
Sanidade explica que “desta revisión comprobouse que existían unha serie de casos en que existe xa unha PCR negativa posterior a un test que precisaba confirmación. Por iso se o profesional está xa incorporado de novo, procede deixar de consideralo como un caso activo (de acordo coa última definición de caso, publicada polo Ministerio de Sanidade de data 12 de maio, cando se trate de probas test diagnósticos que precisen confirmación por PCR, non procedería, nin sequera, abrir caso, a espera do resultado da PCR, con todo os que se están revisando son anteriores ás devanditas instrucións)”. Os datos de casos activos en profesionais sanitarios a que se refire Sanidade non son públicos máis alá de declaracións puntuais ao respecto de responsables políticos da Xunta.
Nesta última xornada a Xunta incrementou en tres os falecementos rexistrados, ata un total de 604, dos que di que dous son froito de revisión de casos anteriores.
Os casos activos en residencias caen de 344 a 302 segundo a Xunta
Dos novos falecementos, a Xunta non indica que ningún deles fose dunha persoa que vivise nunha residencia, centros nos que tamén cae notablemente o número de casos activos dos que informa o Goberno galego, pasando dos 344 entre residentes e persoal comunicados este venres aos 302 deste sábado.
Canto ao tipo de atención que están a recibir os casos activos, por primeira vez en case dous meses a cifra de persoas ingresadas en UCI con coronavirus baixa das 20. Segundo a Xunta, son 19 casos, cifra que non se rexistraba desde que do 20 ao 21 de marzo se pasou de 19 a 28 casos en UCI.
Canto á hospitalización xeral, se este venres a Xunta informaba de que había 111 persoas ingresadas, este sábado a cifra baixa a 102. Segundo a información facilitada polo ministerio, na última xornada produciuse o ingreso hospitalario de 3 novas persoas, e ningún novo ingreso en UCI.
Coa revisión de datos Vigo volve adiantar á Coruña en número de casos activos, seguidas por Ourense, que segue a encabezar a incidencia por 100.000 habitantes
A revisión de datos por parte da Xunta produce un descenso acusado no número de casos e na incidencia en cada área sanitaria. Tras a revisión, a de Vigo volve adiantar á da Coruña en número de casos activos, seguidas pola de Ourense, que segue a encabezar a incidencia por 100.000 habitantes de toda Galicia. As reducións de casos son especialmente acusadas nas áreas da Coruña e Santiago.