A segunda rolda do estudo do Goberno central estima que o 2,2% da poboación galega pasou o coronavirus, arredor de 60.000 persoas
Os resultados da segunda parte do estudo Enecovid de seroprevalencia do coronavirus levado a cabo polo Goberno central insisten nos datos do impacto da Covid-19 en Galicia que ofreceu a primeira vaga. As cifras feitas públicas este xoves, e detalladas logo nun informe máis amplo, estiman que un 2,2% da poboación galega tería sufrido a doenza, unha porcentaxe case idéntica --tan só superior nun 0,1% máis-- aos resultados do primeiro estudo.
Esta porcentaxe sitúa Galicia por baixo da media estatal (do 5,2%, 0,2 puntos máis que no primeiro estudo) e da incidencia en territorios como Madrid (11,4%), Castilla-La Mancha (10,3%) ou Castilla y León (7,5%), pero tamén con valores máis altos que Murcia (1,6), Asturias (1,6) ou Illes Balears (1,5).
Así, e tendo en conta as estimacións do estudo, algo máis de 59.400 persoas en Galicia tiveron xa contacto co virus, unha cifra un chisco superior á anterior, coa diferenza que desta vez as probas para a detención de anticorpos foron maioritariamente repetidas ás mesmas persoas pero xa non en pleno confinamento, senón durante as primeiras semanas de desescalada (entre o 18 de maio e o 1 de xuño). Con todo, o número é moi escaso no caso de que a inmunidade de grupo siga a ser vista como unha estratexia axeitada.
Galicia detecta dous de cada dez casos de coronavirus, que provoca a morte dunha persoa de cada cen infectadas, segundo o estudo do Ministerio
Os resultados de seroprevalencia do coronavirus desta segunda fase do estudo estatal volven estar arredor dun punto por baixo dos do levado a cabo polo Sergas, que indicaba que o 1,15% da poboación que tería pasado xa a Covid-19.
Xa que logo, e segundo os datos que cada día transmite o Sergas, nesta altura son 11.335 os positivos acumulados e detectados no país, case o 20% dos que apunta o estudo de seroprevalencia. Daquela, Galicia detectaría dous de cada dez casos.
Por provincias, e segundo esta segunda vaga do estudo do Ministerio de Sanidade, en Lugo teríase contaxiado un 2,5% da poboación da provincia, fronte ao 2,1 que indicou a primeira rolda; en Ourense, un 2,2% (fronte ao 2,6% anterior); na Coruña, un 2,2% (1,8) e en Pontevedra, un 2% (2,5). En todos os casos, as porcentaxes da primeira fase non coinciden exactamente coas facilitadas daquela polos datos preliminares, logo de ser completados ao difundir este segundo informe.
Por outra banda, a taxa de letalidade, que se sitúa no conxunto de España en arredor do 1%, é en Galicia semellante, ao quedar no 1,03%, porcentaxe case idéntica á da rolda anterior do estudo. Xa que logo, e tendo en conta os datos de contaxiados que se tiran do informe do Goberno central e das cifras medias de falecidos acumulados na altura na que se levaron a cabo as probas, de cada cen persoas infectadas polo virus no país, unha falece.
Se tal e como sinala o estudo, contraeu o coronavirus un 2,2% da poboación galega --unhas 59.400 persoas-- e o número de falecidos acumulados durante a etapa na que se realizaron os tests --entre o 18 de maio e o 1 de xuño-- situábase nas 612, a taxa de latalidade é practicamente exacta do 1%, fronte ao 1,74% que se derivaba do estudo levado a cabo pola Xunta.
Ademais, no conxunto de España existe un 0,8% de participantes no estudo que sendo negativos en anticorpos na primeira rolda si que deron positivo na presenza destes anticorpos dos que antes carecían. É a denominada taxa de serconversión, que é do 0,5% nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense e do 0,9% en Pontevedra.