Venres, 28 de febreiro de 2020. España leva confirmados 33 casos do novo coronavirus SARS-CoV-2, do que había noticias dende finais de 2019 procedentes da China. Naquela xornada o Departamento de Seguridade Nacional (DNS) do Goberno de España considera "moderado" o risco dun abrollo de maiores dimensións da epidemia. En Europa preocupaban especialmente algunhas rexións de Italia, onde xa se diagnosticaba unha media de máis de 100 casos ao día.
Naquela xornada, os centros educativos galegos recibiran unha circular do Sergas recomendando evitar as excursións aos países considerados de risco nese momento e instando a poñerse en contacto co 061 ou co 112 se alguén retornaba deses territorios con síntomas da covid-19. Pouco despois, o 2 de marzo, as diversas autonomías comunicaran 120 positivos, máis dun terzo deles en Madrid. En Galicia aínda non había confirmado ningún positivo e a Consellería de Sanidade anunciaba que se dispuña a "reforzar" os equipos para facer probas a casos sospeitosos. Ademais, ante diversas protestas, cambiou o teléfono de pagamento para obter información sobre o coronavirus por outra liña gratuíta.
O que sucedeu nos días previos ao confinamento para frear o contaxio do coronavirus segue sendo obxecto de controversia e o día e case a hora concreta de cada restrición, no centro da disputa política
Pouco máis dunha semana despois, toda a poboación do Estado estaría confinada no marco dun estado de alarma decretado polo Goberno central mentres os novos positivos aumentaban de maneira exponencial, especialmente en grandes núcleos de poboación como Madrid. O que sucedeu naquelas xornadas, o día e case a hora concreta en que cada Administración aprobou cada restrición, segue no centro da disputa política.
No caso galego, a Xunta defende que fixo gala dunha evidente "anticipación" e mesmo que o confinamento chegou antes a Galicia. Mentres, o Goberno de España subliña que foi adoptando decisións a medida que a evidencia científica así o recomendaba. A oposición galega apunta a que a epidemia chegou máis tarde ao país e, ao contrario do que sucedeu noutros lugares, cando chegou o pico a poboación levaba dúas semanas confinada.
4 de marzo | Primeiro caso confirmado
O día 4 de marzo, o Sergas dá por confirmado o primeiro positivo de coronavirus en Galicia, un home ingresado por pneumonía no hospital da Coruña que viaxara á cidade dende Madrid para acudir a unha entrevista de traballo. Nuns días nos que cada positivo aínda tiña que ser ratificado cunha segunda análise en Majadahonda (Madrid), non tardarían en chegar as seguintes confirmacións: dúas máis o día 6 e outras dúas o día 8.
7 e 8 de marzo | A última fin semana 'normal'
Aquela fin de semana do 7 e 8 de marzo foi a última da vella normalidade. No caso de Galicia, todas as principais forzas políticas desenvolveron actos de precampaña coa vista posta nas eleccións convocadas para o 5 de abril. Alberto Núñez Feijóo, ademais, regresaba dunha visita a París para reunirse con directivos da Citroën. O domingo, 8M, as mobilizacións feministas polo Día Internacional da Muller Traballadora transcorreron con normalidade. Tamén o fixeron competicións deportivas ou eventos culturais, sobre os que non pesaba restrición ningunha, o mesmo que toda a actividade económica e de lecer.
9 de marzo | 18 casos e un sinal na Catedral de Santiago
No inicio da semana, Galicia ten xa 18 casos confirmados e as forzas políticas desenvolven con normalidade diversos actos de precampaña. Tamén cando, o día 10, o Goberno central anuncia as primeiras restricións, como a suspensión das viaxes do Imserso e os límites de asistencia a espectáculos públicos
O luns, 9 de marzo, Galicia ten xa 18 casos positivos confirmados, aínda que moi localizados. Non en van, 11 deles están relacionados entre si a través dun centro cívico da Coruña, clausurado por precaución. O escaso número de positivos permite trazar un mapa de contactos de cada un, di o Sergas. En Galicia aínda non rexe restrición ningunha e a vida social e política desenvólvese sen atrancos: ese día Feijóo xunta 350 persoas en Pontevedra nun acto da precampaña do PP, Gonzalo Caballero reúne a todos os membros da lista do PSdeG en Lugo, Ana Pontón celebra un mitin do BNG en Fene e Antón Gómez-Reino mantén encontros en Bos Aires no marco da precampaña de Galicia en Común.
Nesa aparente normalidade destaca, así e todo, destacou un sinal nada frecuente procedente da Igrexa. A Catedral de Santiago anunciaba a prohibición do tradicional ritual da aperta á imaxe do Apóstolo. Ademais, nun comunicado conxunto, todos os bispos galegos pedían "extremar as medidas de hixiene" nos actos relixiosos, evitando dar a man ou tocar imaxes.
10 de marzo | Primeiras restricións do Estado e da Xunta
O martes, día 10, o día comeza en Galicia en clave de precampaña. Feijóo xuntaba unhas 350 persoas en Lugo e despois, unhas 400 persoas no Palexco da Coruña en actos sectoriais da precampaña do PP. Case ao mesmo tempo, o Goberno central aprobaba as primeiras restricións inmediatas para tentar conter os contaxios da covid-19: quedaban suspendidas as viaxes do Imserso, prohibían por dúas semanas a asistencia de público a competicións deportivas e mais vetaban os eventos públicos a cuberto para máis de 1.000 persoas. Ademais, o Executivo central prohibía a chegada de voos procedentes de Italia e daba luz verde a unha das medidas que resultarían máis controvertidas nas seguintes semanas: unha reforma para "permitir o subministro centralizado de todo tipo de produtos" sanitarios.
Os acontecementos acelerábanse. Os casos confirmados en Galicia roldaban a trintena e a Comisión Interdepartamental da Xunta que seguía a evolución da epidemia era presidida por primeira vez por Feijóo, que non asistiu a un paseo preelectoral programado en Boiro para esa tarde. Da comisión saíron as primeiras limitacións do Goberno galego para a cidadanía en xeral: as visitas a hospitais e residencias de maiores quedaron limitadas a unha persoa por paciente ou residente e recomendábase non acudir a maiores de 70 anos. Preguntado ao respecto, Feijóo asegurou non desbotar que unha potencial expansión do virus afectase ao desenvolvemento das eleccións do 5A.
11 de marzo | A OMS declara a pandemia. 44 positivos en Galicia
O mércores, 11 de marzo, a Organización Mundial da Saúde declara formalmente que a extensión da covid-19 xa ten a consideración de pandemia. En Galicia, o Sergas ten rexistrados 44 casos positivos, a maior parte na contorna da Coruña, e anuncia que se dispón a limitar a asistencia a centros sanitarios mediante o adiamento de consultas ou operacións non urxentes. A Dirección Xeral de Saúde Pública estima que o pico da enfermidade podería chegar a Galicia a principios de abril. Dende o Goberno central, o director do Centro de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, sinala que o escenario máis optimista que manexan indica que a epidemia podería durar "entre mes e medio e dous meses" e "entre catro e cinco", no máis pesimista.
O día que a OMS sinala que a expansión da covid-19 ten xa consideración de pandemia, o Sergas ten rexistrados 44 casos positivos, a maioría na contorna da Coruña
Dada a evolución dos acontecementos, numerosos eventos culturais e deportivos comezan a anunciar adiamentos ou cancelacións por toda Galicia a causa do coronavirus, que tamén condiciona a precampaña electoral. Ese día, o PP xunta 500 persoas nun hotel de Ferrol nun acto electoral con Feijóo, que acode pola tarde a un mitin en Sober, nas instalacións dunha adega. Gonzalo Caballero reúnese con cargos municipais do partido na provincia de Pontevedra e viaxa a Ourense. A líder do BNG xunta tamén representantes locais da súa formación en Santiago, pero a intervención de Ana Pontón xira xa case monograficamente en torno á crise do coronavirus, asunto que tamén concentra boa parte da atención da primeira presentación de Galicia en Común como coalición ante a prensa.
12 de marzo | Suspensión das clases e endurecemento das restricións de dous días antes
O día 12, Galicia súmase ás autonomías que suspenden as clases a partir da semana seguinte e o Consello de Ministros aproba un fondo de 1.000 millóns para afrontar a pandemia: Sánchez advirte que veñen tempos de "disciplina social"
A sensación de aceleración impera aínda máis. Na liña do anunciado por outra media decena de autonomías nas que xa abrollaran casos, a Xunta anuncia tras a reunión semanal do Consello do xoves, 12 de marzo, a suspensión das clases en todos os niveis educativos por un prazo mínimo de dúas semanas para evitar contaxios. Ademais, o Goberno galego avanza a suspensión de calquera espectáculo público con máis de 500 asistentes, o peche de centros como museos e bibliotecas e o endurecemento do réxime de visitas a residencias de maiores, que quedan prohibidas para maiores de 70 anos.
Ao mesmo tempo, mentres as bolsas sofren un forte devalo e aumentan os ruxerruxes en torno á adopción de medidas excepcionais, o Consello de Ministros aproba un fondo de 1.000 millóns de euros para "gastos extraordinarios" derivados da pandemia. Ao seu remate, Pedro Sánchez avanza tamén medidas en materia social e tamén advirte: cumprirá unha forte "disciplina social" para frear a covid-19. Nesa xornada, en Galicia xa se rexistraran 64 positivos.
13 de marzo | Anuncio do estado de alarma e aprobación da emerxencia sanitaria
O venres, 13 de marzo, Galicia esperta coas primeiras restricións xa en marcha. Os centros de ensino permanecen abertos, aínda que xa se recomenda que o alumnado non asista como paso previo á suspensión total das clases a partir do luns, día 16. Ademais, a Consellería de Educación rectifica a súa instrución ao profesorado polo coronavirus e retira a obriga xeral de acudiren aos centros mentres estean pechados, indicación que aínda sufrirá máis variacións nas seguintes semanas.
O día 13 a mediodía, Pedro Sánchez anuncia que ao día seguinte será aprobado o Estado de Alarma. Pola tarde, a Xunta declara a emerxencia sanitaria, cos primeiros peches de negocios
A mediodía, Pedro Sánchez anuncia nunha comparecencia pública o que se daba por feito en diversos ambientes políticos: o Goberno central disponse a aprobar o estado de alarma para conter o coronavirus. O feito de anuncialo un día antes de aprobalo en Consello de Ministros suscita controversia: ante a previsible limitación de movementos, prodúcense múltiples viaxes que se unen ás habituais no inicio da fin de semana, especialmente en grandes cidades. Os positivos confirmados da covid-19 superan os 4.000 en todo o Estado e os 100 en Galicia.
Pola tarde, o Consello da Xunta reúnese en sesión extraordinaria e declara a situación de emerxencia sanitaria ao abeiro da lei de emerxencias do ano 2007. A principal consecuencia práctica desa declaración para a cidadanía , na liña do que viñan aplicando outras autonomías, foi o peche xeneralizado de todos os establecementos comerciais que non vendesen comida e de todos os bares e restaurantes, que só poderían ofrecer servizo a domicilio ou de recollida no local. Tamén de cines, teatros, salas de concertos e demais recintos culturais e de lecer. Todo, en principio, por dúas semanas e entre recomendacións de "distanciamento social" e de limitar os desprazamentos, pero sen prohibición de saír á rúa.
14 de marzo | Confinamento
Nunha longa reunión extraordinaria, o Consello de Ministros do 14 de marzo aproba o estado de alarma, que entra en vigor dende a a súa publicación, ese mesmo día, no Boletín Oficial do Estado. A principal repercusión na vida cidadá do estado de alarma, cunha duración inicial de dúas semanas por imperativo legal, é a limitación xeral de movementos. O confinamento. Quedan prohibidos dende ese mesmo día todos os desprazamentos agás para adquirir bens de primeira necesidade nos poucos negocios que poden continuar abertos.
No inicio do confinamento, Galicia rexistra 180 casos e 2 falecementos. O Goberno de España adquire a condición de "mando único" e nas fiestras comezan a escoitarse aplausos. Comeza tamén a falarse dunha futura "nova normalidade" aínda por chegar
A orde de peche de locais comerciais e hostaleiros é aínda máis estrita que a adoptada pola Xunta na xornada previa, toda vez que, por exemplo, queda suprimida a posibilidade de recoller pedidos en restaurantes para consumir a domicilio. A listaxe concreta aínda sufrirá axustes nos días seguintes no relativo, por exemplo, aos salóns de peiteado. Galicia rexistra xa máis de 180 casos e 2 mortes mentres as forzas políticas dan por feito que haberá que aprobar un inédito adiamento das eleccións, que se concretará escasos días despois.
Mentres medra a inquietude por coñecer o paquete de medidas económicas co que o Estado poida axudar a frear a crise que vén de desencadearse, o propio Goberno central dótase de instrumentos legais para, por exemplo, poder garantir o abastecemento de alimentos -unha das principais preocupacións cidadás daqueles días, con desacougantes escenas en supermercados de grandes cidades-. Tamén para poñer "ás ordes" da sanidade pública os recursos da privada, todo nun contexto no que o Goberno de España adquire a condición de "mando único", coas competencias autonómicas limitadas en múltiples eidos.
Naquela primeira fin de semana de confinamento comézanse a escoitar aplausos para o persoal sanitario dende fiestras e varandas. Pouco despois comezarase a falar dunha futura "nova normalidade" que aínda está por chegar.