A muller, de 47 anos, estaba xa illada no Hospital Álvaro Cunqueiro, ao presentar síntomas leves
O Sergas confirmou na tarde do xoves o segundo caso de coronavirus en Galicia. As análises realizadas no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo e posteriormente polo Centro Nacional de Microbioloxía, confirmaro a presenza do coronavirus nunha muller de 47 anos, que xa se atopaba illada no centro hopitalario. Seguindo os protocolos, a Dirección Xeral de Saúde Pública xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.
A muller, que se atopa en bo estado e sen síntomas, fora posta en illamento, ao acudir ao hospital co seu home, que si presentaba síntomas. Tamén o seu home fora illado, cunha posible pneumonía e con síntomas máis evidentes, polo que tamén se lle realizaron análises, con mostras remitidas posteriormente ao Centro Nacional de Microbioloxía que foron confirmadas como positivas pouco antes da media noite. Convertíase así no terceiro positivo de coronavirus en Galicia despois de ser considerado "probable" este xoves pola tarde por parte do subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada.
Contra a media noite do xoves confirmouse o positivo por coronavirus do marido da muller infectada, quen fora illado por posible pneumonía e con síntomas máis evidentes
O home, un vigués de 43 anos de orixe romanesa e de profesión transportista de mudanzas, estivo nas últimas semanas en Madrid, e puido ser contaxiado alí. Chegou ao hospital o pasado venres 28 de febreiro, con tose e febre e dous días despois foille diagnosticada a pneumonía. Como medida de precaución, nos últimos días foron illados nos seus domicilios uns 20 profesionais sanitarios do Hospital Álvaro Cunqueiro que tiveron contacto coa muller afectada polo coronavirus e co seu home.
Estes dous casos únense ao rexistrado este mércores na Coruña, un home de 49 anos, residente en Madrid, que se mantén en estado grave pero estable e que presentaba unha pneumonía de carácter vírico.
"Alertados, pero non alarmados"
Dende a Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijóo realizou este xoves ao mediodía un chamamento á tranquilidade, sinalando que "estamos alertados, non alarmados”. O mércores, tanto o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, como o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, expresáronse cun ton semellante. "Podemos seguir dicindo que aquí non circula o virus", afirmou Hervada, destacando que os casos positivos rexistrados na Coruña e Vigo proceden de Madrid.
Alberto Núñez Feijóo realizou este xoves ao mediodía un chamamento á tranquilidade, sinalando que "estamos alertados, non alarmados"
Así mesmo, dende o Sergas destacan que se están a seguir os protocolos e que aínda nos atopamos na fase de contención, e "temos aínda a posibilidade de evitar a expansión do virus e a súa propagación á poboación", como subliñou a xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira. Nas últimas semanas o Sergas realizou probas de laboratorio a 167 persoas sospeitosas de estar infectadas polo coronavirus e tan só en dous casos as análises resultados positivas.
Feijóo informou este xoves de que a Xunta investiu case 2 millóns de euros en material para os hospitais galegos, onde xa chegou "novo equipamento" co obxectivo de "estar preparados para ofrecer a mellor atención e reducir as posibilidades de contaxio do coronavirus".
Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, adiantou que este venres serán aprobados novos protocolos específicos para a prevención e o control do coronavirus entre o persoal sanitario, os centros educativos e tamén entre as persoas de idade avanzada. Almuíña lembrou que o 91% dos casos rexistrados en España son "importados", procedentes maioritariamente de Italia, polo que aínda non se están rexistrando apenas contaxios comunitarios.
As Anpas piden "instrucións homoxéneas" sobre as viaxes escolares a zonas de risco
A entidade pregunta "que se vai facer co alumnado que efectivamente viaxou a estes países cando retorne ao seu centro escolar, alumnado que ven convertido nun posíbel portador da enfermidade".
Este xoves a Confederación Anpas Galegas solicitou que a Consellería de Educación "dite instrucións homoxéneas para todos os centros educativos galegos sobre a realización de excursións a zonas de risco de contaxio do coronavirus". En especial, refírense a Italia, "que é un destino bastante utilizado polo noso alumnado de secundaria e bacharelato; xa que ao mesmo tempo uns centros están cancelando estas viaxes, mentres outros están mantendo esta actividade".
A entidade pregunta, sobre todo "que se vai facer co alumnado que efectivamente viaxou a estes países cando retorne ao seu centro escolar, alumnado que ven convertido nun posíbel portador da enfermidade".