A Xunta limita visitas a hospitais polo coronavirus e "analizará" propoñer restricións cara ás eleccións

Comisión interdepartamental da Xunta sobre o coronavirus, este 10 de marzo presidida por Feijóo CC-BY-SA Xunta

Só unha persoa por paciente ingresado e só unha persoa por residente en centros de maiores tanto públicos como privados. As restricións a este tipo de visitas son as primeiras limitacións impostas dende o Goberno galego para procurar frear o espallamento do coronavirus, doenza da que contra o serán deste martes tiña confirmados 27 casos positivos por parte do Servizo Galego de Saúde, aos que se engadirán previsiblemente outros tres "pendentes de confirmación". Todo, mentres xa admite que "analizará" propoñer restricións para a campaña electoral do 5A ou mesmo sobre a propia data dos comicios.

A Xunta pide que as persoas maiores de 70 anos non visiten residencias de anciáns ou hospitais para evitar o contaxio da doenza, da que se rexistran 27 casos e outros tres pendentes de confirmación

A Comisión Interdepartamental que coordina as medidas da Xunta fronte ao coronavirus reunise este martes encabezada por primeira vez polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Nun contexto no que non se desbotan medidas adicionais noutros eidos como o universitario, polo momento e por un mínimo de dúas semanas, o Goberno galego limita dende este 11 de marzo a unha soa persoa cada visita en hospitais e centros de maiores e recomenda especialmente que as persoas maiores de 70 anos "non vaian visitar" familiares ou amizades a hospitais ou residencias.

Un cuarto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Adicionalmente, detallou o titular da Xunta, "suspendemos as visitas dos visitadores médicos e farmacéuticos" e a entrada de voluntariado nos centros sanitarios. Para "actuar preventivamente" e "tentar evitar a propagación do virus", recomenda ademais incrementar as consultas médicas por vía telefónica. 

O Consello da Xunta, especifica, terá sobre a mesa esta mesma semana límites para eventos festivos ou culturais, alén dos deportivos xa restrinxidos. Eventuais restricións de aforos, indica, serán coordinadas no seo do Consello Interterritorial de Saúde, no que participan todas as autonomías e o Goberno de España. O plan pasa por impedir as concentracións de máis de 1.000 persoas.

Na liña de tentar frear os contaxios, a últimas horas do martes a Consellería de Sanidade ordenaba o peche durante dúas semanas do centro ocupacional e centro de día da asociación Aspronaga, en Oleiros "por precaución, tras o contaxio dunha persoa usuaria". As autoridades sanitarias estudan tamén restricións na Escola Oficial de Idiomas da Coruña polo mesmo motivo.

Porta aberta a límites á campaña ou a un adiamento electoral

Aínda que sen concreción ningunha polo momento, en respostas aos xornalistas Feijóo xa admite a posibilidade de que o coronavirus impacte directamente na campaña das eleccións galegas, mesmo sen desbotar xa un eventual adiamento. "Por riba de calquera proceso electoral está a garantía da saúde, tanto do conxunto dos cidadáns como dos electores", sinalou. Aínda que a comisión "non abordou" especificamente accións a tomar, o xefe do Goberno galego asume que "debemos analizala e tomar a decisión en función" dun virus que, previsiblemente, se vai "incrementar".

"Evidentemente, este asunto está na axenda", admite Feijóo sobre restricións nas eleccións, nun contexto no que un eventual adiamento dos comicios, advirte, dependería en última instancia do Goberno central e da Xunta Electoral

"Evidentemente, este asunto está na axenda", nun contexto no que, especifica, "non temos competencia para adiar unhas eleccións", xa que unha vez convocadas, como é o caso, unha decisión coma esta tería que pasar os "filtros do Goberno central e da Xunta Electoral Central". "Que vai ocorrer? Hai tempo, pero están enriba da mesa cales son os criterios en relación coa recomendación sobre suspensión ou non das eleccións", nun contexto no que suxire coordinación coa decisión que poida chegar a adoptar o Goberno vasco e, en calquera caso, en función de "como evoluciona" o "número de casos" do virus. "

"Non teño resposta neste momento, pero o importante neste momento non son unhas eleccións convocadas", senón "diminuír a vaga expansiva do contaxio" e "preservar a saúde da xente", advirte Feijóo. Así e todo, introduce un matiz que indica cal pode ser a "proposta" nos vindeiros días: garantir "o dereito ao sufraxio" e tamén á organización e asistencia de actos de campaña que agora mesmo, semella pouco compatible coas restricións en marcha e as que o Goberno galego prevé indicar nos vindeiros días. Neste sentido, subliña que o PP decidiu suspender o mitin que tiña previsto para o vindeiro sábado no Pino e no que a formación, di, esperaba unhas 4.000 persoas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.