Galicia, en situación de emerxencia sanitaria. O Consello da Xunta, reunido en sesión extraordinaria na tarde deste venres, procedeu a declarar a situación de emerxencia de interese galego por razóns sanitarias para procurar frear o espallamento de coronavirus e, deste xeito, facilitar que os servizos sanitarios tanto públicos como privados, baixo o mando da Administración pública, poidan atender sen colapsar ás persoas máis vulnerables ante a epidemia do coronavirus. Faino sobre a base da lei de emerxencias do ano 2007.
Bares, restaurantes e cafetarías só poderán prestar servizo de comidas a domicilio ou para consumir na casa; no comercio terán que pechar todos os locais que non sexan de alimentación, así como farmacias, gasolineiras e quioscos
A escasas horas de que o Goberno de España declare o estado de alarma, o Executivo galego decidiu implantar restricións xa en vigor noutras autonomías baseándose en "recomendacións dos organismos internacionais" que "suxiren medidas máis drásticas", en verbas do presidente, Alberto Núñez Feijóo. Ante esta "situación nova e descoñecida", o Goberno galego activa un plan de emerxencias que supón "inevitables restricións e limitacións", a comezar polo peche da práctica totalidade de establecementos comerciais, agás os que subministran produtos alimentarios, así como bares, restaurantes e numerosos centros de lecer. En principio, durante 14 días e segundo as normas ditadas na noite do venres no Diario Oficial de Galicia.
Baixo mando directo da Presidencia da Xunta, o novo centro de coordinación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia pasará a ter capacidade para decretar confinamentos da poboación, evacuacións ou restricións de accesos. Antes desas eventuais limitacións, a Xunta aplica xa as primeiras: de contado, teñen orde de peche "bares, restaurantes e cafetarías", que só poderán "seguir prestando servizos de envío a domicilio" ou recollida para consumir na casa. Non estarán atinxidos os restaurantes dos hoteis, pero só para a súa clientela.
"No caso das grandes superficies, poderá permanecer aberta a zona que albergue os establecementos de alimentación"
A orde de peche, de efecto inmediato, afecta tamén ao comercio polo miúdo. Quedan fóra desta orde "froitarías, carnizarías, froitarías" e, en xeral, establecementos de alimentación. "No caso das grandes superficies, poderá permanecer aberta a zona que albergue os establecementos de alimentación". Tamén fican fóra da orde de peche "farmacias, gasolineiras e quioscos".
A resolución tamén especifica outro tipo de negocios que poden continuar abertos durante a crise. É o caso dos que venden tabaco, equipamento tecnolóxico como ordenadores ou telefonía, artigos culturais, cosmética e hixiene ou produtos do agro. Tamén o comercio que desenvolva a súa actividade só por internet. [Consulta aquí a listaxe completa]
Todas estas medidas, resalta, encádrase nunha aposta por medidas "máis agresivas" contra o virus e parte da base de que "o máis efectivo" nesta situación "é o distanciamento social". "Que non haxa aglomeracións, que non haxa trafego importante de persoas e que, con carácter xeral, a xente queda na casa", dixo nunha declaración pronunciada integramente en castelán porque -resaltou ao inicio- tamén se dirixía a poboación de fóra de Galicia.
O cesamento de actividades tamén pasa a ser obrigatorio polo mesmo período para todos os establecementos de lecer dende as cero horas deste sábado, 14 de marzo. "Cines e teatros, salas de xogos, salas de concertos, recintos feirais" e todos os lugares similares teñen que pechar nas mesmas condicións. Todo isto, subliñou Feijóo en rolda de prensa retransmitida por streaming á prensa -con posibilidade de preguntas a través de internet-, ten a intención de que o virus "avance con menor progresión".
Instrucións a cidadanía chegada doutros lugares e para os funerais
A Xunta advirte á poboación chegada doutras autonomías: "Que queden na casa", di Feijóo
Mentres a Xunta agarda polo "alcance" do estado de alarma para decidir se a clausura afecta tamén a fábricas e instalacións industriais, as decisións enunciadas polo presidente atinxen tamén a actos sensibles como son os funerais. O aforo dos tanatorios queda reducido a un terzo da súa capacidade e non poderán acudir a eles máis de 25 persoas por familia.
Na súa intervención, e alén das devanditas restricións e as que poidan vir, Feijóo dirixiuse tamén á cidadanía que, segundo "constata" o Goberno galego, está a "trasladarse" a Galicia dende "outras comunidades autónomas". "A eles quero dirixirme; temos que extremar as precaucións con toda a intensidade", subliñou. Se están en Galicia, non están "de vacacións", advertiu. "Pedímoslles que queden na casa", agrega.
Feijóo fai tamén mención explícita á mocidade. Neste caso para teren en conta que "os seus riscos son menores", pero tamén que o contaxio pode atinxir de maneira especialmente intensa "aos nosos maiores".