O movemento feminista volve ateigar as rúas e evidencia a permanencia das súas reivindicacións

Manifestación central do 8M do 2020 en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Non é habitual en Galicia que un movemento social conte as súas mobilizacións por éxitos de convocatoria. Menos aínda que o faga dende a pluralidade de convocatorias e convocantes e en múltiplas vilas e cidades á vez. E aínda menos que isto suceda tres anos seguidos e mesmo varias veces nun mesmo día. Todos estes fitos vén conseguíndoos nos últimos anos o movemento feminista, que este 8 de marzo volveu evidenciar, tamén nas rúas galegas, a permanencia das súas reivindicacións.

O feminismo logrou, por terceiro ano consecutivo, facer ver a súa reivindicación en mobilizacións masivas por toda Galicia. Nesta ocasión, co foco posto no traballo de coidados

O feito de que o 8M e cadrase en domingo provocou que tivese menos impacto a convocatoria de folga laboral que impulsaron, no caso galego, os sindicatos CUT e SLG. Mentres, plataformas como Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres, optaron desta volta por non chamar á folga, senón por promover "o debate e a mobilización social" a respecto do traballo de coidados. Unhas e outras visións, non obstante, confluíron masivamente nas rúas.

Mobilización deste 8M do 2020 na Coruña, pola mañá CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ruadas, concentracións, manifestacións e actividades de concienciación volveron poñer na rúa unha reivindicación que, no caso galego, non semellou sufrir o impacto das advertencias sanitarias sobre evitar as aglomeracións por mor do coronavirus. Cidades como A Coruña, pola mañá, e Vigo, Ourense e Santiago, pola tarde, foron escenario das maiores manifestacións nunha xornada que, non obstante, se fixo visible tanto nos centros urbanos como en múltiplas convocatorias vilegas. 

O manifesto da plataforma Galegas 8M centrábase neste 2020 na "necesidade de poñer o foco de atención no invisíbel, o que na maioría das casas revolucionou, creou conflito e mesmo, en moitos casos, impediu facer folga". Refírense ao traballo de coidados, moi presente tamén nas pancartas das diversas manifestacións.

[GALERÍA | O feminismo bótase á rúa outro 8M, desta volta para facer visibles os coidados]

A importancia da atención á infancia e ás persoas maiores e o sustento das tarefas domésticas cotiás estiveron moi presentes nas mobilizacións, que outra volta deron mostra de ser tan masivas como interxeracionais. Pero tamén a necesidade de frear as violencias machistas en todas as súas vertentes: "Soa e borracha, quero chegar á casa", "Non é non, o resto é violación", "Nin unha menos", "O patriarcado dáme patriarcadas" foron algunhas das lendas máis repetidas nas manifestacións, nas que tamén se advertiu da necesidade por acabar co "virus" do machismo, que "mata máis" que o novo coronavirus.

Remate da manifestación do 8M do 2020 en Ourense CC-BY-NC-SA BNG Ourense

Presenza das formacións políticas

Este 8M desenvolveuse a menos dun mes das eleccións galegas e neste domingo, as intervencións das forzas políticas estiveron centradas maioritariamente nas políticas destinadas ás mulleres. No caso das formacións de esquerdas, cunha aberta reivindicación do feminismo

Así, por exemplo, o candidato do PSdeG á presidencia, Gonzalo Caballero, sumouse pola mañá á manifestación da Coruña e pola tarde, á de Vigo. A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, estivo presente na manifestación da tarde en Santiago. Dirixentes locais de ambas organizacións participaron noutras moitas convocatorias.

Vista de parte das comitivas da manifestación do 8M do 2020 en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

En ausencia do seu aspirante á Xunta, Antón Gómez-Reino -de viaxe na Arxentina-, membros das candidaturas de Galicia en Común como Eva Solla, Luca Chao ou Martiño Noriega tamén acudiron ás mobilizacións en cidades como Vigo e Compostela. O PP, pola súa banda, enviou dirixentes locais a varias das manifestacións.

Un intre da mobilización do 8M do 2020 no serán en Santiago CC-BY-NC-SA Praza Pública

Unha vez finalizadas as principais mobilizacións, nunha primeira avaliación, Galegas 8M aplaudía a mobilización das mulleres que lograron facer do Día da Muller "xornadas emblemáticas para o feminismo galego" nos últimos anos. os colectivos reiteraban tamén unha advertencia: o realmente relevante é, en calquera caso, que a reivindicación feminista e a súa tradución na vida estea presente todos os días do ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.