A chuvia e as precaucións polo coronavirus non impediron unha masiva participación en manifestacións e concentracións por todo o país
En domingo de chuvia, con advertencias contra as grandes concentracións de xente polo coronavirus e con folga convocada malia ser día non laborable. Con todo iso, o feminismo galego volveu botarse masivamente ás rúas este 8M, desta volta para facer visible o invisible, os coidados, que seguen a correr fundamentalmente por conta das mulleres.
Os actos polo 8M en Galicia comezaron hai xa unha semana cunha gran manifestación en Verín, centro da última gran loita feminista en contra do peche do paridoiro do hospital comarca. Durante os últimos días todo tipo de institucións, partidos e sindicatos celebraron tamén diversos actos de reivindicación da igualdade. Pero este domingo tocoulle á cidadanía en xeral, nas rúas de cidades e vilas por todo o país.
Na Coruña participaron representantes das principais formacións políticas e en Vigo interpretouse 'Un violador no teu camiño' mentres a Policía Local identificaba a varias participantes
Na Coruña, na marcha máis numerosa das celebradas pola mañá, entre o Obelisco e a Praza das Cigarreiras tamén participaron representantes das principais formacións políticas, que centraron este domingo a campaña do 5A no 8M. En Santiago foron varias as marchas que partiron de varios puntos da cidade para confluíren no centro. En Ourense e en Vigo optouse por concentracións ao mediodía na Praza Maior e na rúa do Príncipe, e nesa última cidade convocouse ademais unha manifestación pola tarde.
Na concentración do mediodía en Vigo interpretouse Un violador no teu camiño, momento no que varias participantes eran identificadas pola Policía Local. "Se tocan a unha, respostamos todas", foi a resposta masiva das asistentes cos seus documentos de identificación na man. Xa pola tarde, unha marea de xente encheu o centro da cidade reclamando igualdade.
No Val Miñor marchas procedentes de Baiona, Nigrán e Gondomar confluiron na ponte da Ramallosa, centro da comarca. Un día antes, o sábado, Carnota acolleu unha cadea humana. E así en varias ducias de vilas máis por todo o país.
O 75% dos empregos a tempo parcial e o 92% das excedencias para coidar de menores son das mulleres
En todas esas marchas e concentracións, unha reclamación unánime, a de que “sen coidados non hai vida”. E eses coidados seguen sendo, fundamentalmente, cousa das mulleres, tamén das traballadoras. Delas son o 75% dos empregos a tempo parcial, delas son o 92% das excedencias laborais para o coidado de menores, e elas son o 85% das persoas que están inactivas para coidar familiares.