Un 8 de marzo para poñer o foco no invisible

Manifestación do feminismo galego en Verín, este domingo © MMM

Haberá manifestacións e concentracións ao mediodía e á tardiña, ademais doutras actividades, dende xantares colectivos e foliadas, ata unha cadea humana en Carnota ou a performance de 'Un violador no teu camiño'

Despois do éxito da manifestación celebrada o pasado domingo 1 de marzo, o feminismo galego ultima os preparativos da mobilizacións convocadas para o 8 de marzo en todas as cidades e vilas galegas. Haberá manifestacións ao mediodía e á tardiña, concentracións e ruadas, ademais de diversas actividades locais. 

Así, están a organizarse xantares colectivos (Allariz, Foz, Padrón, Vilagarcía, Compostela, Vilalba, Chantada...), a performance de 'Un violador no teu camiño' (Vigo, o domingo 8 ás 12 horas na Farola de Urzaiz), foliadas feministas (Chantada, Vigo, Foz, A Gudiña). E mesmo unha cadea humana de mulleres na Praia de Carnota (o sábado 7 ás 12 horas). En Compostela, catro ruadas partirán de Salgueiriños, As Cancelas, Conxo e o Castiñeiriño para confluír no centro.

As manifestacións convocadas para o domingo (Marín, o venres, é a única localidade que se adianta) terán como lema 'Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado', ao igual que a marcha que percorreu Verín o pasado 1 de marzo, incidindo nese traballo invisible realizando maioritariamente polas mulleres

"Chegamos ao 2020 coa necesidade de pór o foco de atención no invisíbel. O que na maioría das casas revolucionou, criou conflito e incluso, en moitos casos, impediu facer folga"

No manifesto lido en Verín destacouse que "tras dous anos de greve laboral, estudantil, de consumo e de coidados, chegamos ao 2020 coa necesidade de pór o foco de atención no invisíbel. O que na maioría das casas revolucionou, criou conflito e incluso, en moitos casos, impediu facer folga". É por iso que as convocatorias queren poñer o foco nese machismo invisible e na invisible división sexual do traballo, pero tamén nos fíos invisibles que unen as mulleres, que sempre teceron redes de solidariedade e apoio entre elas. 

O texto subliñaba que "o patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista", pois "asigna ás mulleres as tarefas de coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia".

Faixa da Marcha Mundial das Mulleres na manifestación de Verín © MMM

No manifesto reivindícanse xornadas laborais con horarios racionalizados, permisos de nacemento máis extensos ou políticas públicas de coidados con cobertura universal

O manifesto pechábase reivindicando xornadas laborais con horarios racionalizados, permisos de nacemento máis extensos, unha retribución xusta do traballo de coidados ou políticas públicas de coidados con cobertura universal, cun incremento do número de prazas en centros públicos. Tamén se pedía que os homes se corresponsabilicen destes coidados, sinalando que "aínda resulta estraño ver homes que pasen noites para coidar familiares en hospitais, que cambien cueiros a persoas maiores, que se ocupen e preocupen por coidados cotiáns nos fogares".

Así mesmo, fíxose unha defensa das mulleres labregas, reivindicando a soberanía alimentaria e o consumo de proximidade. E denunciouse que as mulleres das zonas rurais sofren "unha tripla discriminación", con "traballos desvalorizados que non atopan saída nun mercado cheo de produtos" procedentes de longas distancias e cun país envellecido, que leva ás mulleres do rural "a asumir cada vez máis responsabilidades en todos os coidados, pola falta de servizos públicos axeitados á realidade galega", unha realidade denunciada por María do Mar Pérez Fra e que leva a que moitas mozas abandonen as zonas rurais.

Tamén se aposta pola soberanía alimentaria e o consumo de proximidade

Ademais, dende as organizacións feministas incídese noutras cuestións que tamén afectan ás mulleres. Así, a Marcha Mundial das Mulleres está a difundir "20 razóns para marchar o 8M", chamando a loitar "Contra o poder das empresas transnacionais", "Contra a violencia das guerras, as fronteiras e os muros construídos polo capitalismo patriarcal e racista", "Por máis democracia" ou "Por un aborto legal e seguro".

Convocatorias do 8 de marzo

  • Marín. (venres 6 de marzo) 20:30. Praza 8 de marzo
  • A Coruña. 12:00. Dende o Obelisco ata a Praza das Cigarreiras
  • Lugo. 12:00. Saída dende o Multiusos da Xunta.
  • Ferrol. 12:00. Saída dende o Inferniño
  • Vigo. 12:00. Concentración no MARCO.
  • Compostela. 12:00. Ruada feminista. Dende o Castiñeiriño, Conxo, As Cancelas e Salgueiriños ata o centro
  • Ourense. 12:00. Concentración na Praza Maior.
  • Allariz. 12:00. Manifestación dende o Campo da Barreira.
  • Foz. 12:00. Manifestación dende a Praia da Rapadoira.
  • Chantada. 12:00. Concentración na Praza do Cantón
  • Sarria. 12:00. Dende a Praza do Concello ata a Praza da Vila
  • Betanzos. 12:00. Concentración no Palco da Música
  • Cee. 12:00. Praza 8 de marzo
  • A Estrada. 12:00. Concentración na Praza do Mercado.
  • Lalín. 12:00. Saída dende o Km.0
  • Cambados. 12:00. Dende o Concello ata a Praza A Naiciña.
  • Val Miñor. 12.30. Concentración na Ramallosa das tres marchas que sairán ás 11.30 de Baiona, Nigrán e Gondomar
  • Vilagarcía. 12:30. Saída dende a Praza de España
  • As Pontes. 12:30. Dende o Concello ata a Rúa 8 de marzo
  • Pontevedra. 13:00. Concentración na Praza da Ferrería
  • Monforte. 13:00. Concentración na Praza da Compañía
  • Vilalba. 13:00. Saída dende a Praza da Constitución
  • Padrón. 13:00. Dende a Praza das Macías.
  • Ribeira. 13:30. Concentración na Praza de España.
  • Vilaboa. 15:00. Marcha a pé dende o local social de Figueirido ata o Hospital Provincial de Pontevedra
  • A Gudiña. 17:00. Concentración na Praza Maior
  • Vigo. 18:00. Manifestación dende o cruce de Vía Norte
  • Sada. 18:00. Concentración na Praza Irmáns Suárez Picallo
  • Boiro. 18:00. Saída dende a Praza do Concello.
  • Carballo. 19:00. Dende os Xulgados ata o Concello
  • Ourense. 20:00. Manifestación dende a Subdelegación do Goberno.
  • Pontevedra. 20:00. Dende o Hospital Provincial ata a Alameda
  • Compostela. 20:30. Manifestación dende a Praza 8 de marzo ata a Alameda.

 

Podes consultar todas as convocatorias no mapa interactivo realizado por Galegas 8M, que se irá actualizando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.